DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas instalacións do Peirao de Trasatlánticos de Vigo

A política de competencia no ámbito marítimo centra un ciclo organizado pola Universidade e MarInnLeg

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI 06/11/2018

Ata o vindeiro 22 de novembro desenvolverase o ciclo Introdución á Política de Competencia no Ámbito Marítimo e Portuario organizado conxuntamente pola Fundación MarInnLeg e as áreas de Dereito internacional público e Dereito mercantil da Universidade de Vigo, coa colaboración do ICEX, a Comisión Nacional de los Mercados y de la Competencia (CNMC), a Comisión Galega da Competencia e a Red Académica de Defensa de la Competencia.  O ciclo aborda dende conceptos fundamentais da política de competencia, ata conceptos máis complexos, como as condutas prohibidas por parte dos axentes económicos e dedica un apartado á temática das axudas outorgadas polos estados membro da Unión Europea. As diferentes temáticas, que se abordan ao longo dos catro módulos do ciclo,  teñen como obxecto amosar o ordenamento comunitario europeo e nacional encargado de regular, tanto as políticas dos estados membro, como as actividades dos operadores económicos, para propiciar unha mellor análise do cumprimento das normas do dereito da competencia europea en diversos ámbitos.

O único requisito de acceso ao ciclo é posuír coñecementos básicos sobre as institucións e o funcionamento da Unión Europea, condición que cumpren as máis de 20 persoas, tanto do sector privado marítimo portuario, maiormente de empresas que conforman o padroado da Fundación MarInnLeg como Asime ou Conxemar entre outros, coma do sector público que participan no taller. Todas as sesións desenvólvense no edificio de sesións do Peirao de Trasatlánticos, distribuídas en catro tardes do mes de novembro.

Un módulo aberto ao público e tres a porta pechada

O primeiro módulo do ciclo, titulado Os obxectivos do dereito da competencia, o único de carácter gratuíto e aberto ao público desenvolveuse este luns. Na sesión, Beatriz De Guindos, directora de Competencia da CNMC, impartiu un relatorio sobre a intervención das autoridades de competencia en actividades en proceso de liberalización e Cecilio Madero, director xeral adxunto de Competencia na Comisión Europea, falou sobre o Dereito Europeo da Competencia e a súa aplicación á economía dixital.

Os próximos módulos, que teñen unha taxa de inscrición, desenvolveranse a porta pechada os días 8, 15 e 22 deste mes en horario de 16 a 21 h e contarán coa presenza de persoal docente e investigador da Universidade de Vigo entre outros, como Julio Costas, un dos dous directores do curso, que impartirá unha conferencia sobre os conceptos básicos do dereito da competencia e Francisco Torres, que ofrecerá unha charla sobre a aplicación do dereito da competencia en España.

O módulo II abordará a evolución, os principios e conceptos básicos así como as condutas prohibidas do Dereito da Competencia. O módulo III versará sobre a explotación abusiva do dominio e das axudas do Estado e o derradeiro módulo, o IV, tratará, por un lado, a aplicación do dereito da competencia e, por outro, os instrumentos de defensa comercial da Unión Europea. O encargado de facer as reflexións finais e a posta en conxunto do desenvolvemento dos diferentes módulos será Enrique López Veiga, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo.