DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O xuíz Baltasar Garzón falou sobre esta cuestión nun congreso no campus de Ourense

Entre a politización da xustiza e a xudicialización da política, o dereito

A cita reúne ata o xoves a arredor de 150 investigadoras e investigadores de Galicia e Brasil

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Reitor
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 23/04/2019

Deste este martes e ata o xoves, o campus de Ourense acolle a celebración do III Congreso Euroamericano de Dereito e Política, que reúne a arredor de 150 investigadoras e investigadores fundamentalmente de Galicia e Brasil. A cita, organizada pola Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo e o Programa de Pós-Graduação em Direitos, Instituições e Negócios da Universidade Federal Fluminense de Río de Janeiro, arrancou cunha conferencia do maxistrado-xuíz e avogado Baltasar Garzón na que afondou na “politización da xustiza e a xudicialización da política”.

As tensións entre poderes

Baltasar Garzón quixo na súa intervención, tal e como salientou antes da súa celebración, facer “unha comparativa entre o concepto de dereito e xustiza e a interferencia entre dereito, xustiza e política”, abordando ao longo da súa conferencia aspectos como a corrupción como "elemento desiquilibrador que ameaza a democracia", o papel da xustiza, a independencia xudicial, o uso do dereito con fins políticos, a xurisdición universal, o rol da prensa e as novas falsas, a incidencia das corporacións e empresas privadas e os dereitos humanos, entre outros aspectos. Sobre a relación entre o poder político (englobando nel o lexislativo e o executivo) e o xudicial, o xurista destacou como entre eles “sempre hai unha tensión e é bo que a haxa pero non podemos esquecer que os tres son poderes do estado e polo tanto integran o estado. Teñen ámbitos distintos pero son complementarios. Non debe de haber interferencias, si tensións”.

Para xestionar estas tensións, o avogado recalcou a importancia de que o estado de dereito conte cos mecanismos legais necesarios e aos que poda recorrer “o servidor público da xustiza” “se hai unha interferencia nociva da política na xustiza”. Baltasar Garzón lembrou como tanto a xustiza como a política son servizos públicos e como “sen esa vocación de servizo público vamos mal”. Como un caso no que se reflicten as problemáticas das interferencias entre os ámbitos político e xudicial o maxistrado-xuíz citou o xuízo do 'procés' de Catalunya. Nel, apuntou, “conxúganse elementos netamente xudiciais, políticos, incidencia do político no xudicial...”. Na súa opinión, os feitos que levaron a este xuízo “foron actos claramente ilegais pero non concorren os elementos de violencia necesarios para dicir que houbo un acto rebelde ou sedicioso e por tanto para alterar a forma territorial do estado español, que segue a ser inalterada”. “Esa é a miña opinión pero agora hai un xuízo que terá que establecer sentencia”, afirmou.

En relación a este xuízo indicou como no debate electoral celebrado este luns entre os candidatos ás eleccións do 28 de abril algúns deses candidatos pretendeu que outros se pronunciasen sobre posible indultos. “Iso para min é un interferencia gravísima na independencia e imparcialidade dos xuíces, que aínda non se pronunciaron. Estase dando por feito que vai haber unha condena, o que non deixa de ser unha inxerencia perturbadora”, dixo en declaracións ás xornalistas antes da conferencia. Neste senso recalcou a necesidade de agardar a que haxa unha resolución para entrar a facer valoracións e “non interferir desta forma tan groseira”. Así, afirmou Baltasar Garzón, “a min preocúpame esa lixeireza dalgúns responsables políticos que se permiten xuízos e logo afirman simultaneamente que defenden a independencia da xustiza, o cal é un puro contrasentido”.

Lembrando como a pesar de ser apartado en 2010 da función xudicial, “non deixei de seguir pelexando nas mesmas frontes, en xurisdición universal, dereitos humanos e xustiza independente” xa que “o servizo público préstase desde moi diversos ámbitos”, Baltasar Garzón salientou na súa visita a Ourense como ve o futuro con “preocupación política, xudicial, porque vemos que hai dificultades nos distintos ámbitos da xustiza social, da loita polos dereitos humanos, na conquista de cotas de dereitos sociais, políticos e culturais”, pondo o aceno nos ataque a dereitos “que críamos que estaban consolidados e logo vemos que non o están” “como o continuo goteo de ataques machistas ás mulleres”. En todo caso, afirmou, este escenario obsérvao “con preocupación pero coa esperanza de que as cousas se poidan cambiar”.

Froitos da colaboración entre universidades  

Coa intervención de Baltasar Garzón arrancou un amplo panel de conferencias e mesas redondas nas que participan persoal investigador das dúas universidades implicadas no congreso e que abranguen desde a historia do dereito ata o papel da empresa no estado de dereito. Na inauguración da cita, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, destacou a importancia desta colaboración académica entre dúas universidades de dous continentes diferentes, recalcando como “queremos ser unha universidade que colabora máis que compite”. Do mesmo xeito, o reitor subliñou a importancia das relacións coas universidades brasileiras, indicando como “apostamos polo fluxo de talento, de profesorado, estudantes e pas, entre as universidades irmás”.

Pola súa banda, os directores do congreso e catedráticos Guillermo Suárez, pola Universidade de Vigo, e Edson Alvisi Neves, pola Universidade Federal Fluminense, salientaron os bos froitos da colaboración existente entre as dúas institucións. Neste senso, Guillermo Suárez indicou como con este terceiro congreso se busca unha vez máis “ampliar o diálogo sobre intereses comúns, promover a aproximación académica e científica e propiciar unha mellor comprensión do contexto social”. Concretamente, nesta edición, engadiu, abórdase “o  impacto das políticas públicas e privadas e as achegas xurídicas no intento por avanzar na consolidación dun progreso económico compatible coa sostibilidade do planeta”. Polo “gran traballo desenvolvido”, a organización do congreso recibiu os parabéns de Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, e Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación, durante a inauguración da cita. Por último, Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, salientou desta cita como se enmarca na liña de traballo de Ourense por “ser unha cidade de encontro, de intercambio de experiencias e coñecementos”.