DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celso González foi a persoa que no curso 2013/2014 estreou esta opción

Poñendo cara á primeira promoción da modalidade semipresencial do Grao en Xeografía e Historia

Compatibilizou o seu traballo coa realización destes estudos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 11/07/2018

Entre as persoas que recentemente recibiron as súas bandas e diplomas no acto de graduación do alumnado de último curso da Facultade de Historia do campus de Ourense estivo Celso González. O que diferencia a este egresado dos seus compañeiros e compañeiras é que el é o primeiro en rematar a súa formación na modalidade semipresencial deste grao, posta en marcha no curso 2013/2014.

“Vin na prensa que había esta posibilidade e animeime a apuntarme porque me gustaba a historia. Entón gustábame como curiosidade pero agora gústame de verdade”, comenta o egresado, que foi o único que se matriculou na modalidade semipresencial no seu ano de arranque. Como primeiro e único membro desta primeira promoción sinala que “aínda que houbo momentos duros” foi viable compatibilizar o seu traballo como funcionario cos estudos recalcando neste senso “todas as facilidades que che dá o centro e o profesorado”. 

Rematada a súa formación semipresencial e pendente de presentar o seu traballo fin de grao, González Sanmartín sinala que a clave para conseguir realizar o grao en catro anos está “na constancia, en dedicarlle cada día un tempo” e en “aproveitar a oportunidade de asistir ás titorías e clases cando o traballo o permitía”. Interesado especialmente pola prehistoria, o egresado apunta o seu interese en seguir continuando estudando no futuro na Universidade de Vigo, barallando a posibilidade de facer un mestrado no eido da historia. 

Alumnado moi motivado

Tras esta primeira promoción, a matrícula nesta modalidade foi incrementándose cada curso, ascendendo no 2017/2018 a 37 persoas. “O que se corrobora no caso de Celso é que a semipresencialidade cumpre o seu obxectivo de atender a demanda dun perfil sobre todo de profesionais que traballan noutros eidos e que non poden realizar estes estudos por non ser compatibles co seu horario de traballo”, comenta Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia. Do perfil de matriculados e matriculadas nesta opción subliña tamén como en termos xerais, e ao igual que acontece no caso de Celso González, o alumnado desta modalidade destaca por “ser moi bos estudantes, pois teñen moito interese e motivación, e conseguir case levar a curso por ano”. “Pola nosa parte seguimos traballando para cada curso mellorar esta oferta”, indica por último a decana amosando a satisfacción do centro por ver rematar a súa formación ao primeiro egresado desta modalidade.