DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O encontro abre a inscrición para a súa 12ª edición, que terá lugar o 19 e 20 de setembro

Pont-Up Store 2025 porá o foco no emprendemento rural, na economía social e no audiovisual

O prazo de presentación de candidaturas está aberto ata o 4 de xullo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 03/06/2025

Presentado como “o principal evento de fomento da innovación e o emprendemento do noroeste peninsular”, Pont-Up Store celebrará os días 19 e 20 de setembro a súa décimo segunda edición, na que a organización buscará facer especial énfase nas iniciativas empresariais orixinadas no rural galego e nas fórmulas de emprendemento baseadas na economía social, así como no audiovisual e nas industrias culturais. Estes serán tres dos eixes deste encontro promovido pola Universidade de Vigo, no marco do Campus Crea, e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store. Coa colaboración do Concello de Pontevedra, como patrocinador principal, e o apoio da Deputación Provincial e da Xunta de Galicia, este evento permitirá dar a coñecer preto de 40 novas ideas de negocio no recinto que instalará en setembro na Praza de España.

Ata o 4 de xullo permanece aberto o prazo de presentación de candidaturas tanto para optar a un dos 35 stands gratuítos no recinto, como para desenvolver actividades no marco da súa programación ou para participar no talent business Pont-Up Venture. Así o anunciou o director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, na rolda de prensa de presentación desta duodécima edición, na que participaron a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández, e o vicepresidente primeiro da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez. 

Emprendemento rural, cooperativas e audiovisual

“Nesta edición, queremos ser o escaparate da crecente cantidade de iniciativas de emprendemento que están xurdindo en toda Galicia, cunha campaña na que poremos un especial énfase nas vilas e aldeas do rural galego”, salientou Figueroa nesta presentación. Nela anunciou tamén que, coincidindo coa conmemoración do Ano Internacional das Cooperativas, outro obxectivo será “reforzar a nosa aposta polas fórmulas de economía social á hora de emprender”, promovendo varias actividades en colaboración coa Unión de Cooperativas Galegas Espazo Coop. 

Outra das novidades, destacou o presidente da asociación organizadora, é que “queremos abrir espazos onde mostrar as iniciativas e o gran talento que hai no noso sector audiovisual”, así como pór o foco na música, nos videoxogos e no conxunto das “industrias culturais e creativas, en sinerxía” coas liñas do Campus Crea. Figueroa lembrou nese senso a vinculación co proxecto de especialización do campus que mantén desde as súas orixes un evento que naceu da man do grupo de investigación da UVigo G4Plus, que dirixiu ata a súa xubilación. 

No referido aos videoxogos, anunciou que o Pont-Up Store acollerá un evento no que as persoas participantes programarán xogos durante 24 horas, mentres que, no eido musical, a Xunta de Galicia presentará un xogo para inspirar vocacións emprendedoras entre a mocidade.

Tres modalidades de participación

Pont-Up Store contará novamente con tres modalidades de participación. Por unha banda, emprendedores e emprendedoras poderán optar a un dos 35 stands gratuítos no recinto do evento, así como propor actividades para dar a coñecer os seus produtos e servizos. A terceira é o Pont-Up Venture, un encontro cun formato de talent business, no que os seleccionados e seleccionadas poden presentar diante un xurado as súas ideas de negocio. Esta modalidade crecerá neste 2025 para acoller ata oito proxectos, que deben ter unha base tecnolóxica sólida ou destacar polo seu enfoque innovador. O proxecto empresarial mellor valorado recibirá unha contía económica, a inclusión no programa Perks de Google e o acceso preferente á incubadora Vía Galicia, de Zona Franca.

Candidaturas abertas ata o 4 de xullo

Dirixido a proxectos empresariais con menos de tres anos e medio de traxectoria, o prazo de presentación de candidaturas para estas tres modalidades permanece aberto ata o 4 de xullo. A organización seleccionará as iniciativas baseándose en criterios como a orixinalidade, innovación e creatividade do proxecto; o seu valor social, sustentabilidade e concreción; o potencial impacto económico e social e a capacidade de desenvolvemento futuro.