DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras avaliar a situación coas entidades colaboradoras, que decidiron manter o seu apoio

O Pont-Up Store adía o seu programa presencial á primavera de 2021

O 19 de novembro desenvolverase, de xeito virtual, o Pont-Up Exprés

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 02/11/2020

A crise sanitaria provocada pola covid-19 impediu que o pasado mes de setembro se levasen a cabo as diferentes actividades presenciais inseridas no programa da sétima edición do Pont-Up Store, o encontro do emprendemento que a Universidade de Vigo promove, a través do Campus Crea, coa Concellería de Promoción Económica como patrocinador principal. Tras levar a cabo entón parte do seu programa de xeito virtual, a organización decidiu adiar ata a próxima primavera, sempre que a evolución da situación sanitaria o permita, a realización da parte presencial do evento, que engloba a instalación na praza de España dunha carpa na que 46 novas empresas galegas darán a coñecer os seus produtos e servizos e unha serie de actividades demostrativas. 

A decisión foi adoptada, sinalan, tras avaliar a situación “coas entidades que apoian o evento, que decidiron manter os apoios necesarios para financiar a continuidade das actividades deste encontro, que a día de hoxe é un dos grandes referentes do ámbito do emprendemento no noroeste penínsular”. O seu director, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Pedro Figueroa, manifestou a necesidade de “seguir apostando por levar o emprendemento á rúa e por seguir ofrecendo apoio e visibilidade aos emprendedores galegos, que agora precisan máis que nunca do magnífico escaparate que lles ofrece o Pont-Up Store, onde poder testar as súas iniciativas, ter contacto directo co público e establecer relacións con posibles provedores e colaboradores”. Figueroa sinalou tamén que o encontro xa tiña iniciado o camiño cara unha nova fase antes da pandemia e agora “queremos acelerar ese proceso para facer do Pont-Up Store un contedor de accións relacionadas co ecosistema emprendedor que vai programar actividades durante todo o ano”. 

O Pont-Up Exprés celebrarase de xeito virtual

Figueroa avanzou tamén que están a traballar na transformación do talent business Pont-Up Exprés nun evento en liña, que terá lugar o 19 de novembro entre as 19.30 e as 20.30 horas. Nesta sesión virtual, oito startups galegas presentarán en cinco minutos os seus proxectos a representantes de diferentes empresas e entidades. Concretamente, as empresas seleccionadas para esta edición son The Good Shop, Anainas Skin Peace, Vivegreens Ertha Surfboards, Smartwood, Versos de A Ruda, O Galpón Lab e A Factoría do Lume, exercendo como "escoitantes" Margarita Hermo, directora da Asociación Galega de Empresa Familiar e responsable de relacións institucionais de Jealsa; Emilio Bruquetas, director xeral de Reganosa Holdco; Ángel González, presidente executivo de Setga, e Virginia Pozo, fundadora, CEO e directora creativa de Coosy. 

O encontro poderá seguirse a través de internet, sinalou Figueroa, que lembrou que a renovada web do Pont-Up Store está funcionando como un repositorio de contidos onde é posible consultar información de todas as sesións en liña celebradas ata agora.