DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trala inclusión de Pontevedra entre as zonas con especiais restricións por mor da covid-19

O Pont-Up Store adía as súas actividades presenciais, pero mantén o seu programa formativo virtual

A vindeira semana desenvolveranse 14 coloquios e seminarios a través da rede

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 10/09/2020

A incorporación do concello de Pontevedra dentro das zonas con especiais restricións por mor da covid-19 motivou o adiamento das diferentes actividades presenciais que estaba previsto que, entre o vindeiro xoves 17 e o sábado 19, se desenvolvesen na cidade no marco da sétima edición do Pont-Up Store, o encontro do emprendemento promovido pola Vicerreitoría do campus, a través do Campus Crea, co Concello como patrocinador principal. A instalación na praza de España dunha carpa na que preto de 40 empresas ían dar a coñecer os seus produtos e servizos e na que se ían desenvolver outra serie de actividades levarase a cabo cando a situación sanitaria o permita. Porén, o Pont-Up Store mantén, nestas mesmas datas, o seu programa de actividades formativas, que se levarán a cabo a través da rede.

Lembrando o lema desta edición, “unha etapa no camiño de emprender”, o director do Pont-Up Store, o profesor Pedro Figueroa, sinalou que “o camiño continúa” e que a parte presencial do evento levarase a cabo “canto antes poidamos”. O profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e responsable do grupo de investigación G4+, inserido na agrupación estratéxica Ecobas, recalcou a “capacidade de adaptación” dun evento que neste 2020 xa se deseñara cun “modelo híbrido”, no que se ían combinar as actividades presenciais e virtuais. Finalmente, a parte presencial posponse, mais non a súa vertente formativa, “que no seu 80% ou 90% xa era online ou reconverteuse rapidamente”. Deste xeito, entre o xoves e o sábado desenvolveranse 14 talleres, coloquios e seminarios, que, entre outras cuestións achegarán “unha formación moi necesaria neste momento” sobre como adaptar as actividades empresariais ao contexto xerado pola pandemia.

“Se ten sentido facer o Pont-Up, é precisamente este ano”, recalcou Figueroa nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo vicerreitor do campus, Jorge Soto; a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, e o deputado de Economía e Facenda da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font. “Trátase do evento máis punteiro que pode haber en Galicia de apoio ao emprendemento e a economía local”, salientou Soto, que puxo en valor a “capacidade para adaptarse” tanto da Universidade como do propio encontro. “O Pont-Up vai continuar”, engadiu Blanco que explicou que o antes posible desenvolverase a súa parte presencial na carpa que se instalará na praza de España e para a que a organización deseñou un protocolo hixiénico-sanitario. Nesa mesma liña, López Font sinalou o Pont-Up Store como un “evento consolidado” froito da colaboración de máis de 40 empresas e institucións, “que vai continuar”. 

Internacionalización e dixitalización

A sétima edición do Pont-Up Store ten como novidade a incorporación dun espazo dirixido a promover a internacionalización das empresas, no que se agrupan tres obradoiros en liña organizados pola entidade Ticket2Europe, dirixidos a achegar as experiencias de emprendedores e emprendedoras doutros países e a amosar como facer fronte aos medos á hora de emprender no estranxeiro e a como construír redes de alianzas internacionais.

Por outra banda, no Espazo de Desenvolvemento de Competencias e Economía Social, inclúense actividades como un seminario que desde o luns promove AJE-Pontevedra,e centrado en axudar ás e aos emprendedores a facer fonte a nova situación xerada pola pandemia, baixo o título de Como deseñar a vacina para frear os efectos da covid-19 no teu negocio utilizando metodoloxía design thinking. Nesa mesma liña, o grupo WordPress Pontevedra ofrecerá, na tarde do venres, un encontro sobre dixitalización, tecnoloxía e márketing, no que expertos e expertas nestas áreas abordarán como levar a cabo a dixitalización á que se viron obrigadas moitas empresas por mor da pandemia. Neste bloque agrúpanse así mesmo un obradoiro sobre seguridade informática e un seminario sobre márketing dixital.

Videoxogos e “háckers éticas”

No Espazo de Igualdade do evento reúnense nesta edición dúas actividades, unha mesa redonda con “háckers éticas galegas, expertas en ciberseguridade”, o sábado; e un coloquio, o xoves, sobre como a pandemia están afectando ao posicionamento laboral das mulleres, no que intervirán seis emprendedoras participantes en anteriores edicións do Pont-Up Store. 

Por outra banda, un dos espazos nos que se realizou un “maior esforzo” neste evento foi no centrado nos videoxogos, o Espazo Gaming, no que se agrupan tres charlas divulgativas na tarde do venres, organizadas por SPA-cc/HobbyPont e dirixidas a dar a coñecer experiencias de emprendemento neste eido. Por último, dentro do Espazo de Innovación Social, agrúpanse iniciativas como un encontro de iniciativas empresariais impulsadas no rural galego, coordinado por Espazo Arroelo, ou un coloquio sobre emprendemento social.