O encontro do emprendemento terá lugar o venres 19 e o sábado 20 en Pontevedra
Pont-Up Store congregará 40 iniciativas empresariais e máis de 20 actividades para facer de Pontevedra “un polo de innovación”
Entre elas, a presentación dos proxectos desenvolvidos no programa Incuvi da UVigo
Máis dunha vintena de actividades, que poñen o foco en aspectos como o cooperativismo, as industrias culturais ou as aplicacións da intelixencia artificial, conforman o programa de Pont-Up Store, o encontro do emprendemento que este venres e sábado desenvolverá na praza de España a súa décimo segunda edición. Seleccionadas de entre preto de 150 candidaturas, 40 novas iniciativas empresariais darán a coñecer os seus produtos e servizos no “principal foro de emprendemento do noroeste peninsular”, como destacou a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, na presentación desta programación.
Organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store e impulsado pola Universidade de Vigo, este espazo do emprendemento conta co Concello de Pontevedra como patrocinador principal e o apoio da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e máis de 50 entidades públicas e privadas. De aí que Lantarón puxese de relevo a colaboración institucional como un aspecto clave dun evento que busca “converter Pontevedra nun polo de innovación”. Fíxoo nunha presentación que contou coas intervencións do director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa; a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías; a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez; e o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta, Pablo Fernández.
Un escaparate para 40 emprendedores e emprendedoras
Nesta décimo segunda edición, Pont-Up Store recibiu máis de 140 candidaturas de participación, procedentes de “toda Galicia”, como explicou Figueroa, que salientou que, “por primeira vez”, máis do 50% das propostas tiñan a súa orixe no rural ou nas vilas, así como que máis do 60% están lideradas por mulleres. Delas, 40 “empresas especialmente innovadoras e vinculadas ao territorio” foron seleccionadas para este evento, no que 32 contarán cun espazo no recinto da praza de España e oito darán a coñecer os seus modelos de negocio ao xurado do Pont-Up Venture, que lles dará acceso a oportunidades de financiamento.
E para o emprendemento universitario
Como lembrou Lantarón, Pont-Up Store “naceu na UVigo, da man do grupo de investigación que dirixía Pedro Figueroa”, ata a súa xubilación, e a institución académica continúa “promovendo ano tras ano” un encontro que contribúe a “fortalecer a conexión entre a Universidade, a cidade e a economía galega”. Nese obxectivo insírese por segundo ano a presentación de varios dos proxectos seleccionados na última edición do programa Incuvi, co que a Universidade apoia o desenvolvemento das ideas de negocio e do seu estudantado e das persoas recentemente tituladas. Da man da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade, o venres ás 12.30 horas terá lugar unha Demo-Day, na que poderán coñecerse seis dos proxectos desenvolvidos nos últimos meses nos tres itinerarios do programa, Emprende, Avanza e Consolida. Apep Energy, Krealt, Fontoira Studio, TecnificaTe, Xistra e Mvico serán as iniciativas protagonistas deste encontro, ás que se suma, lembrou Lantarón, a presenza de varias destas iniciativas no stand institucional da Universidade. Neste espazo poderá coñecerse tamén o proxecto de innovación aberta OpenLabs, no que participa o grupo de Organización do Coñecemento da UVigo, mentres que outra iniciativa empresarial impulsada polo programa Incuvi, Luxsit formará parte do Pont-Up Venture.
Así mesmo, contará cun stand neste encontro a spin-off da UVigo Serenia Solutions, xurdida do traballo do Grupo de Tecnoloxías de Información de atlanTTic e nacida para poñer no mercado o asistente conversacional Celia, baseado en intelixencia artificial e deseñados para acompañar a persoas maiores en situacións de soidade ou con demencia en estados iniciais.
Máis de 20 actividades completan o programa
Como apuntou Figueroa, un dos “focos” centrais da programación que completa este evento será o cooperativismo, despois de que a ONU declarase este 2025 como o Ano Internacional das Cooperativas. Nese senso, o encontro acollerá iniciativas como unha xornada de fomento do emprendemento promovida por Espazo Coop ou a creación dun mural “inspirado na economía social e nos seus valores”, da man da Rede Eusumo da Xunta de Galicia.
“Outro foco será o audiovisual”, sinalou Figueroa, que destacou a presenza no programa de iniciativas como O camiño do emprendemento musical, promovida tamén pola Xunta, ou a presentación da produtora audiovisual Borneo. Así mesmo, a asociación Hobby Pont promoverá unha maratón creativa de 24 horas, que busca reunir profesionais, estudantado e persoas afeccionadas aos videoxogos para desenvolver proxectos conxuntamente, mentres que a comunidade local de WordPress asesorará ás e aos participantes para a mellora das súas webs.
Así mesmo, destacan desde a organización, a intelixencia artificial tamén estará moi presente nesta edición, na que se recupera o espazo 10 minutos de gloria, para presentar “tres emprendementos disrputivos”, entre os que se atopa a spin-off Serenia Solutions.
Por outra banda, o encontro recibirá as visitas institucionais do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González; da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.
