DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un total de 42 novas empresas exhiben as súas ideas no encontro impulsado pola UVigo

Pont-Up Store converte Pontevedra no epicentro do emprendemento en Galicia

A Universidade fixo entrega dos premios aos mellores traballos académicos neste ámbito

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Feiras e exposicións
  • Premios
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 20/09/2024

Xurdidas na maioría dos casos despois da pandemia, procedentes de múltiples puntos de Galicia e lideradas nun 70% por mulleres, 42 novas iniciativas empresariais dan a coñecer os seus produtos e servizos na décimo primeira edición de Pont-Up Store, o encontro do emprendemento que este venres e sábado se desenvolve en Pontevedra. Impulsado pola Universidade de Vigo e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, o evento conta co apoio de máis de 50 entidades públicas e privadas e ten como obxectivo servir como “un espazo onde convivan as entidades do ecosistema emprendedor”, como sinalou o seu director, Pedro Figueroa. Con ese obxectivo, á presentación das iniciativas emprendedoras na carpa instalada na praza de España súmase un programa integrado por máis dunha vintena de actividades. Entre elas, o acto de entrega da primeira edición dos premios que a UVigo outorga a traballos de fin de grao e máster e teses de doutoramento relacionadas co emprendemento e a presentación dos proxectos desenvolvidos o pasado curso no programa Incuvi da institución académica.

“O emprendemento é unha forza poderosa, que impulsa o crecemento económico, a innovación e a creación de emprego na nosa comunidade”, sinalou a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, no acto inaugural deste encontro. Nel puxo de relevo o compromiso da institución académica “para que os nosos egresados adquiran esas competencias que lles van axudar a ser emprendedores”, así como o “papel protagonista” da UVigo, “tanto nos stands como incorporando novas actividades á ampla programación” do encontro. “Estamos nun espazo onde as ideas transfómanse en colaboracións, onde se apoian e impulsan proxectos de emprendemento e innovación, xerando riqueza e emprego”, sinalou Lantarón, nun acto no que participou tamén a vicerreitora de Estudantado e Emregabilidade, Natalia Caparrini. 

O acto inaugural contou tamén coas intervencións do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández; o vicepresidente primeiro da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez; o delegado especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades; e o representante de R Faustino Batallán, en representación das empresas colaboradoras. Todos eles puxeron de relevo a colaboración entre entidades públicas e privadas no impulso dun evento polo que nestes anos "pasaron case 500 proxectos ilusionantes de xente nova cunha visión de vangarda”, como lembrou o alcalde.

“Entre todos, converteremos Pontevedra nun verdadeiro hub do emprendemento”, sinalou Figueroa, que destacou que as 42 iniciativas empresariais seleccionadas nas tres modalidades de participación do evento son “proxectos nacidos xa cunha visión de mercado global e onde o dixital está plenamente integrado nos seus procesos de venda e produción, así como a consolidación da sostibilidade”. O presidente da asociación organizadora destacou así mesmo a “tendencia crecente” do número de propostas de emprendemento centradas no ocio e na saúde dun encontro no que 33 novos emprendedores e emprendedoras contan cun posto no recinto, entre os que se atopa a asociación CES UVigo, que dá a coñecer o seu proxecto de barco solar. Outras empresas organizan actividades dentro da programación do evento e seis foron seleccionadas para a nova modalidade Pont-Up Venture, centrada en proxectos de base tecnolóxica. Así mesmo, no programa desta edición inclúense tamén diferentes actividades formativas, que poñen o foco en aspectos como a ciberseguridade ou o márketing dixital.

Premios á investigacións que conectan innovación e emprendemento

Tras a inauguración tivo lugar a entrega dos premios cos que a UVigo busca recoñecer traballos académicos que propoñan o desenvolvemento de novos produtos e servizos cun potencial nicho de mercado ou orientados a xerar un proxecto que poida contribuír á creación dunha iniciativa empresarial. Esta convocatoria, explicou Caparrini, é froito dun convenio asinado coaa Xunta de Galicia “para fomentar o emprendemento universitario”, financiada con 20.000 euros procedentes da UE-Next Generation. Dirixidos a recoñecer a innovación e o emprendemento, esta convocatoria abranguía un primeiro e un segundo premio en cinco ámbitos de coñecemento, tanto na categoría de teses como de TFG e TFM.

A vicerreitora do campus e o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais participaron xunto con Caparrini nun acto no que se fixo entrega de cinco primeiros premios, dotados con 1600 euros, á teses de doutoramento. No ámbito de Ciencias da Saúde o galardón foi para Pablo Hernández pola súa investigación Intervencións baseadas na escola das costas para o tratamento e prevención da dor; mentres que en Ciencias Sociais e Xurídicas recoñeceuse a tese na que Nuno André Pinto avaliaba as aplicacións da realidade virtual no sector do enoturismo. En Ciencias foi premiada a tese Análise da evolución histórica computacional e da calidade do código dos modelos climáticos de Michael García, mentres que no eido Enxeñaría outorgáronse dous premios, un para Rubén Domínguez, por Deseño dun sistema CAD en colonoscopia baseado en aprendizaxe automática, e outro a Antón Puga, que investigou a combinación de tecnoloxías avanzadas de oxidación e absorción selectiva para o tratamento de microcontaminantes. Así mesmo, foron distinguidas cun segundo premio as teses de Antía González e Quiu Zhouyan.

No referido aos TFG e TFM, Antía Vieiro logrou o primeiro premio na categoría de Arte e Humanidades polo desenvolvemento do proxecto empresarial Florida Moda, mentres que Cora Campos acadouno en Ciencias da Saúde por un traballo centrado na implantación da técnica da imaxinería mental nas unidades de rehabilitación de fisioterapia. Dotados con 1000 euros, tamén foi concedido un primeiro premio a Santiago Pérez polo desenvolvemento dunha ferramenta para a avaliación da rendibilidade social dos proxectos turísticos, no ámbito de Ciencias Sociais e Xurídicas, mentres que en Ciencias distinguiuse o traballo de Iliana Durán sobre a aplicación de novas aproximacións terapéuticas ao estudo do cancro. Finalmente, no ámbito da enxeñaría foi premiado Pablo Alonso por Predición de alertas de mal funcionamento en turbinas eólicas con aprendizaxe profunda. A estes galardóns súmanse os segundos premios outorgados a Lara Areal, Raquel González, Álvaro Alonso, Iria Moreira e Iria Otero e o accésit concedido a Laura Eugenia Ceide.

Como explicou Caparrini, estes galardóns buscaban tamén pór de relevo a importancia para o alumnado universitario de “explorar a senda do emprendemento”, o que levouna a pór o foco nas diferentes iniciativas impulsadas desde a Área de Emprego e Emprendemento. Entre elas destacou o programa Incuvi, que conta con “tres etapas”, Emprende, Avanza e Consolida, que abranguen desde avaliación da inicial da idea de negocio á súa “consolidación”. Os 14 proxectos seleccionados o pasado curso nestestres niveis protagonizaron esta tarde a Demo Day do programa Incuvi, inserida por primeira vez na programación do Pont-Up Store. Este encontro, no que participaron diferentes entidades patrocinadores, que permitiu coñecer os diferentes proxectos desenvolvidos ao abeiro desta iniciativa e “como evolucionaron”, sinalou a vicerreitora.