A inscrición para a décimo primeira edición deste encontro permanece aberta ata o 5 de xullo
Pont-Up Store incorpora unha nova modalidade para o emprendemento de base tecnolóxica
En conxunto, 40 novas empresas darán a coñecer en setembro os seus produtos e servizos
Presentado pola organización como “o principal evento de fomento da innovación e o emprendemento do noroeste pensinsular”, Pont-Up Store celebrará os días 20 e 21 de setembro a súa décimo primeira edición, na que preto de 40 novos proxectos empresariais poderán dar a coñecer os seus produtos e servizos no recinto que se instalará na carpa de España. Xunto á posibilidade de contar cun posto gratuíto neste espazo e de promover actividades demostrativas, o encontro terá como principal novidade o Pont-Up Venture, unha nova modalidade de participación centrada nas iniciativas de emprendemento de base tecnolóxica.
Ata o 5 de xullo permanece aberto o prazo de presentación de candidaturas para participar nun evento impulsado pola Universidade de Vigo e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal e o apoio da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, así como de preto de 50 entidades públicas e privadas. A vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías; o vicepresidente primeiro da Deputación, Rafael Domínguez, e o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández, participaron este xoves, xunto ao presidente da asociación promotora, Pedro Figueroa, na presentación das “liñas mestras” dunha edición que combinará novamente a visualización dos emprendedores e emprendedoras cun programa de actividades complementarias.
Como lembrou Lantarón, Pont-Up Store deu comezo hai once anos da man do grupo de investigación que Figueroa dirixiu na Universidade de Vigo ata a súa xubilación, contribuíndo desde os seus inicios á “dar visibilidade ao emprendemento”, o que é tamén unha das “liñas estratéxicas” da institución académica. “A formación é o que se ve, pero favorecer que os nosos egresados emprendan é fundamental”, subliñou Lantarón, que incidiu tamén en que este encontro é o resultado da colaboración entre diferentes institucións. Esta fai posible, como lembrou Gulías, que Pontevedra poida converterse “un ano máis na capital do emprendemento galego”, da man do que Domínguez definiu como “un evento pioneiro e absolutamente visionario”. Fernández, pola súa banda, sinalou o “acerto” que supón que esta edición poña o foco nas iniciativas empresariais de base tecnolóxica, que supoñen “unha transferencia da universidade ao ámbito privado moi positiva, cunha ratio de mortalidade moi baixa”.
Tres modalidades de participación
Dirixido a proxectos cuxa traxectoria non supere os tres anos e medio, Pont-Up Store contará neste 2024 con tres modalidades de participación. Por unha banda, explicou Figueroa, as empresas poden optar a un 36 stands gratuítos que se porán á súa disposición no recinto, así como a promover “actividades demostrativas” neste espazo, un formato que se recupera nesta edición despois “de que se interrompese o ano pasado pola celebración do décimo aniversario”.
A estas dúas opcións súmase á “innovación máis importante deste ano”, o Pont-Up Venture, centrado en iniciativas empresariais de base tecnolóxica. Tratarase dun evento para o que serán seleccionados seis proxectos, cuxos responsables presentarán, en intervencións de tres minutos, a un xurado integrado por “especialistas en financiamento de startups”, co obxectivo de que poidan atopar vías de financiamento para as súas propostas.
Sendo posible optar tanto a unha como a varias destas modalidades, as candidaturas para participar no Pont-Up Store poderán presentarse ata o 5 de xullo. De entre as propostas recibidas, a organización seleccionará preto de 40 proxectos, tendo en conta criterios como orixinalidade, innovación e creatividade, valor social, sustentabilidade, potencial impacto económico e social e capacidade de desenvolvemento no futuro.
Actividades centradas na intelixencia artificial e na ciberseguridade
A visualización de proxectos emprendedores verase complementada, un ano máis, por un programa de actividades que, como explicou Figueroa, terá un dos seus eixes na economía social, á vez que xirará tamén en torno á tecnoloxía e o financiamento. Esta programación contará tamén con conferencias e coloquios que porán o foco en cuestións como a ciberseguridade ou o papel da intelixencia artificial “como un elemento que pode dar oportunidade ao desenvolvemento de emprendementos actuais” e ao impulso de novos proxectos.