DUVI

Diario da Universidade de Vigo

48 novas empresas presentan os seus produtos no evento impulsado pola Universidade

O Pont-Up Store proxecta en Pontevedra o potencial do emprendemento

O 66% dos proxectos seleccionados están liderados por mulleres

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Emprender
  • Reitor
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 20/09/2019

Apoiar aos novos emprendedores e emprendedoras, axudándolles a dar visibilidade aos seus proxectos, e fomentar “o incremento da cultura emprendedora”, a través da organización de máis de 60 actividades. Estes son, segundo salientou o seu director, Pedro Figueroa, os dous obxectivos centrais do Pont-Up Store, o evento dedicado ao emprendemento que a Universidade de Vigo impulsa en Pontevedra, no marco do Campus Crea, co Concello como patrocinador principal. A aposta pola sustentabilidade e por proxectos relacionados co medio ambiente e o feito de que o 66% das 48 iniciativas empresariais seleccionadas estean lideradas por mulleres foron salientados por Figueroa como dous dos elementos definidores da sexta edición deste encontro do emprendemento, que, trala xornada previa deste xoves, celebrou este mediodía a inauguración do seu espazo central na praza de España.

168 candidaturas procedentes de toda Galicia optaron neste 2019 a participar neste espazo de emprendemento para o que finalmente foron seleccionados 48 proxectos. 34 deles presentan, este venres e sábado, os seus produtos e servizos, nos postos gratuítos dos que dispoñen no espazo central do evento e a eles súmase a participación doutra serie de empresas nas diferentes actividades demostrativas que teñen lugar no recinto e no Puntazo Exprés, coloquio no que dez novos emprendedores e emprendedoras defenderán os seus proxectos diante dos responsables de diferentes empresas. “

Emprender para un futuro mellor

"Este ano detectamos un incremento da calidade dos proxectos, o 40% procedentes das vilas e do rural", explicou Figueroa no acto inaugural no que o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, puxo o acento na importancia que ten para a institución contribuír “á creación de riqueza a través do empuxe dos emprendedores”. Na súa intervención, Reigosa lembrou como nun momento “no que a nosa xuventude ten moitas veces que emigrar para buscar un futuro económico mellor e no que temos unha caída demográfica preocupante”, a universidade pública, “como institución inserida na sociedade, aspira a que Galicia sexa un lugar mellor para vivir, agarimoso co medio ambiente, igualitario”. Desexos que, engadiu, “teñen que ser fortalecidos polo tecido económico e empresarial”, xa que “cuestións como medio ambiente, o fortalecemento do rural e de todo o tecido económico e social teñen moito que ver coa capacidade de emprendemento”. 

Este acto de apertura contou tamén coa participación do vicerreitor do campus, Jorge Soto, e das vicerreitoras de Transferencia, María Consuelo Pérez, e de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, así como de representantes das diferentes institucións e empresas que colaboran co evento. “O Pont-Up Store é xa un referente, dentro e fóra de Pontevedra”, salientou o tenente de alcalde, Tino Fernández, nun acto no que o deputado provincial Gregorio Luís Agís, destacou que esta iniciativa “tense convertido nun evento fundamental para o emprendemento en Galicia”, e no que tamén interveu o presidente de Aempe, José María Corujo, en representación dos diferentes patrocinadores.

Un escaparate para as novas empresas

Produtos orientados a reducir os residuos plásticos, moda sostible, mobiliario artesanal realizado a partires de materiais recuperados, motocicletas eléctricas ou zapatillas veganas son algunhas das propostas que os emprendedores e emprendedoras presentan á cidadanía nun recinto no que tamén contan cun espazo a Área de Captación de Alumnado da Universidade e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Un espazo no que tamén están presentes proxectos empresariais xurdidos nas aulas, como a spin-off da Universidade MycoaGalicia Plantae, que centra a súa actividade “en dar a coñecer os recursos micolóxicos dos montes galegos”, realizando labores de divulgación e formación, así como de investigación e asesoría a propietarios forestais. “Parécenos unha grande oportunidade para os que estamos comezando para a dar a coñecer o que facemos”, salientan os titulados en Bioloxía María Cabaleiro, Andrés Cordeiro, Paula Estévez e Hugo Fernández, impulsores desta empresa xunto coa profesora Marisa Castro. Dar a coñecer os seus traballos e “poder coñecer as opinións, tanto de clientes como doutros emprendedores”, á vez que vender algunha das súas creacións e “conseguir clientes para futuros proxectos” son os obxectivos cos que chegaba a este evento Aida Alonso. Egresada da Facultade de Belas Artes, Alonso presenta unha mostra dos seus traballos de ilustración en diferentes soportes nun evento que supón tamén “a oportunidade de mostrar por primeira vez as lámpadas ilustradas” que realiza “a partir de caixas de viño recicladas”.  

60 actividades para espallar o espírito emprendedor

Máis aló dos proxectos dos emprendedores e emprendedoras, o Pont-Up Store reúne no seu programa máis de 60 actividades, coloquios ou obradoiros, que arrincaron xa na xornada do mércores co Laboratorio Creativo que tiña como sede a Sala X de Belas Artes, onde se levou a cabo un taller “relacionado cos novos escenarios, no que se xuntaba música e audiovisual”, explicou Figueroa. “Este é un evento de emprendedores, no que a innovación tiña que estar presente” engadiu o director dun evento que conta de novo cun Espazo Gaming, centrado nos videoxogos; así como cun bloque de iniciativas relacionadas coa economía social e cooperativa e co desenvolvemento de competencias. A estes sumáronse como novidades o Espazo de Igualdade “xa iniciado o pasado ano, pero no que temos unha programación específica”, xunto co Espazo de Innovación Social, á vez que se potenciou tamén, con novas iniciativas, o Espazo de Networking.