DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cinco novas empresas darán a coñecer os seus proxectos no ‘Micro Puntazo Exprés’ desta feira

O Pont-Up Store proxectará o emprendemento creativo no Culturgal

As candidaturas poden presentarse ata o 10 de novembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 28/10/2019

O Pont-Up Store, o evento dedicado ao emprendemento que o grupo de investigación G4 Plus promove cada mes de setembro en Pontevedra no marco do Campus Crea, traslada neste 2019 ao Culturgal o seu labor de apoio aos novos emprendedores e emprendedoras. No marco desta feira das industrias culturais, o venres 29 de novembro terá lugar o Micro Puntazo Exprés, un evento no que as e os responsables de cinco “novos emprendementos creativos” poderán presentar os seus proxectos a través dun diálogo con tres representantes “de empresas e entidades galegas conectadas coa economía creativa e xa consolidadas”, como sinala a organización.

Inscricións ata o 10 de novembro

Ata o de 10 de novembro permanece aberto o prazo de presentación de candidaturas para esta iniciativa que dá continuidade ao Puntazo Exprés que o Pont-Up Store promove cada ano xunto coa Concellería de Promoción Económica. Poderán participar nesta actividades proxectos empresariais que sexan “innovadores, creativos e enmarcados no sector da economía creativa”, que leven en funcionamento menos de 42 meses ou que se atopen nunha “fase moi avanzada de desenvolvemento”, salienta a organización. As e os seleccionados exporán os seus proxectos empresariais a Ana Oliveira, presidenta da Unión de Cooperativas Espazocoop e socia da cooperativa Abeluria; Julio Gómez, co-director do Festival Sinsal, e María Teresa Cores, coordinadora da Área de Cultura de Afundación. Segundo recollen as bases desta iniciativa, a orixinalidade, innovación, creatividade, sustentabilidade, potencial impacto económico e social e capacidade de desenvolvemento futuro das diferentes ideas empresariais serán os criterios que definirán a selección das e os participantes neste encontro, no que, dentro do ámbito da economía creativa, daráselle prioridade a aquelas iniciativas relacionadas coas actividades nas que se “centra fundamentalmente” o Culturgal, engade a organización. 

Segundo explica o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, esta iniciativa, que organizan xunto coa Concellería de Promoción Económica, parte do “interese por parte das empresas de replicar a experiencia do Puntazo Exprés”, na que cada participante ten cinco minutos para defender a súa idea de negocio, para logo xerar un espazo de debate sobre os diferentes proxectos. Trátase, engade, “dunha extensión do Pont-Up, da primeira actividade que facemos fóra das datas da feira”, que o grupo G4 Plus, que forma parte da agrupación estratéxica Ecobas, promove desde hai seis anos no mes de setembro, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal.