DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes de 16 colexios e institutos presentan nesta xornada 28 investigacións

Pontenciencia congrega máis de 500 futuras e futuros científicos na EE Forestal

A Feira da Miniciencia arrancou coa presentación dos proxectos do alumnado de primaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 09/05/2025

Procedentes de 16 colexios e institutos de Pontevedra, 540 mozos e mozas participan este venres na Escola de Enxeñaría Forestal na Feira da Miniciencia, o evento final de Pontenciencia. Ao longo deste venres, os alumnos e alumnas defenden diante dun comité científico integrado por investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo e do CSIC os resultados das 28 investigacións que levaron a cabo nos últimos meses e coas que optan aos premios que se entregarán no mediodía do sábado.

Promovido polo Concello de Pontevedra, co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e a colaboración, entre outros, da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, Pontenciencia ten como obxectivo achegar o método científico tanto ao estudantado de primaria e secundaria, como á sociedade en xeral. De aí que a presentación das investigacións se vexa complementada por máis dunha vintena de obradoiros e actividades, das que na mañá deste venres puideron gozar os 349 estudantes de primaria participantes na categoría de 'Ciencia no Cole'.

Tres categorías, 34 proxectos

A defensa dos 14 proxectos desenvolvidos polo alumnado de primaria nesta modalidade abriu este evento final da décimo segunda edición de Pontenciencia. Entre eles, atopábanse investigacións como a que o estudantado do CEIP Ponte Sampaio centrou en coñecer como a fase lunar afecta ao crecemento do cabelo ou o prototipo de faro autosustentable que emprega diferentes sistemas de xeración eléctrica baseadas na auga do CEIP Froebel. Xunto a estes, o comité científico encargouse de avaliar tamén investigacións sobre se o baile ten un efecto positivo no estado de ánimo, do Sagrado Corazón de Pontevedra; ou os prototipos xerados cunha impresora 3D polos mozos e mozas do CEIP Cabanas.

Os colexios Parada-Campañó, Xeve, Daria González, Los Sauces, Sagrado Corazón de Placeres e Calasancio presentaron así mesmo os seus proxectos nesta mañá de venres, que se completou coa visita aos diferentes postos do concelleiro de Educación, Demetrio Gómez, e a directora da EE Forestal, Ángeles Cancela.

Pola tarde, chega o momento do alumnado de secundaria, bacharelato e formación profesional, que optan aos premios 'Homenaxe á muller investigadora'. Esta segunda modalidade conta coa participación de 149 mozos e mozas, procedentes dos IES Gonzalo Torrente Ballester, Montecelo e Luís Seoane, do CFEA Lourizán, do Sagrado Corazón e de Los Sauces, que presentarán un total de 14 investigacións.

A estas sumarase na mañá do sábado a defensa doutros seis proxectos, realizados na categoría de 'Ciencia en Familia'.

Achegamento a múltiples ámbitos científicos

A programación desta feira complétase cun conxunto de actividades como as visitas á xiloteca da escola e ao arboreto de campus ou un taller no que mozos e mozas poden coñecer os diferentes ámbitos de aplicación dos estudos que se imparten na Escola de Enxeñería Industrial. Da man de investigadoras e investigadores da EE Forestal, outro dos talleres permitiu aos e ás escolares coñecer os traballos que se desenvolven neste centro con drons e tecnoloxía LiDAR.

Xa o sábado, esta programación continúa con diferentes propostas abertas ao público, como o taller con lentes de realidade virtual, robots e lapis 3D da Delegación de Alumnado da EE Industrial ou unha sesión do proxecto 'Te lo cuentan las matemáticas', do grupo de innovación docente MaReMa. A estes súmanse á súa vez as cinco propostas que achega á feira o Programa Universitario de Maiores, os talleres Pintar con luz, O ximnasio da mente, Biomecánica e marcha nórdica, Todo é ciencia e Quebracabezas: desde o mineral. Do mesmo xeito, Pontenciencia permite tamén coñecer a exposición As mulleres que nos levaron á lúa e achegarse o labor da asociación estudantil UVigo Space Lab.