DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dos Premios de Investigación ‘Homenaxe á muller investigadora’

Pontenciencia sumará por segundo ano as investigacións do alumnado de ESO, Bacharelato e FP

A feira desenvolverase o 31 de maio e 1 de xuño na EE Forestal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Premios
  • Transferencia
DUVI 07/03/2019

Preto de 350 alumnos e alumnas de Primaria de dez centros educativos de Pontevedra participan neste 2019 na sexta edición de Pontenciencia, un proxecto impulsado pola Concellería de Educación xunto á Universidade de Vigo no que os e as escolares desenvolven unha serie de investigacións que, os días 31 de maio e 1 de xuño, presentarán na Miniferia da Ciencia na Escola de Enxeñaría Forestal. Aberto tamén ás participación das familias, este evento contará ademais, por segundo ano, coa participación de estudantes de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, a través dos Premios de Investigación Homenaxe á muller investigadora, presentados nesta xornada no Concello e que manteñen aberto ata o 3 de maio o seu prazo de inscrición.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Educación, Carme Fouces e o vicerreitor do campus, Jorge Soto, acompañados por diferentes representantes da Universidade e das empresas que financian estes cinco premios que contan cunha dotación económica de 300 euros, presentaron no Concello a segunda edición dunha actividade que constitúe, “o espazo reservado ao ensino secundario dentro de Pontenciencia”, un proxecto inicialmente dirixido ao alumnado de Primaria, a través das súas modalidades Ciencia no Cole e Ciencia en Familia. Hifas da Terra, Cristalería Pontevedresa, Orballo, Setga e Viaqua son as cinco empresas que colaboran cuns galardóns que se levaron a cabo por primeira vez en 2018, “cun éxito importante”, como lembrou Fouces, xa que se presentaron un total de 15 proxectos. 

“Para nós é un auténtico pracer seguir colaborando con esta iniciativa”, engadiu o vicerreitor do campus, quen sinalou a importancia que para a institución académica ten unha iniciativa dirixida a “poder achegar á ciencia” aos máis novos e novas. “Desde logo, se queremos que o futuro estea na innovación e no desenvolvemento, hai que empezar polas idades máis pequenas”, engadiu Fernández Lores, quen manifestou tamén a súa satisfacción pola colaboración entre Universidade, Concello e Federación de Asociacións de Nais e Pais de Pontevedra (Fampa) que supón este evento, financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade.

Inscrición aberta ata o 3 de maio

Con tres institutos xa preinscritos, que presentarán varias propostas, estes premios manteñen aberta ata o 3 de maio a súa inscrición, aberta tanto aos centros educativos da Pontevedra como a inscricións independentes por parte do alumnado, tanto de xeito individual como grupal, explicou Fouces. Con temática libre, estes premios están dirixidos a recoñecer proxectos de investigación científica, de investigación documental ou proxectos tecnolóxicos, que os seus autores e autoras deberán defender na feira que terá lugar o 31 de maio e 1 de xuño diante dun xurado integrado por 24 investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo, Misión Biolóxica de Galicia-CSIC e Instituto Español de Oceanografía de Vigo . “Realmente sempre nos sorprende a todos como presentan os seus proxectos”, salientou ao respecto Purificación Marcet, profesora da EE Forestal e coordinadora dun xurado que, explicou, nesta sexta edición incorpora novos membros e novos criterios de avaliación dirixidos especificamente para os proxectos presentados desde os centros de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional.