Desenvolverase tanto no campus e na Illa das Esculturas, como no casco histórico
Pontevedra acolle este sábado o Campionato Galego Universitario de Orientación
Coa participación de 53 estudantes das tres universidades galegas
Un total de 53 estudantes das tres universidades públicas galegas participarán este sábado 7 de marzo en Pontevedra no Campionato Universitario Xunta de Galicia de Orientación, unha modalidade deportiva na que as e os participantes deben completar un percorrido cronometrado, seguindo unha serie de puntos, chamados balizas ou controis, axudados por un mapa ou compás. Disputada na modalidade sprint, a competición estenderase tanto polo campus e a Illa das Esculturas, como polas rúas do casco histórico da cidade. Organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, trátase da primeira vez que esta proba ten lugar no campus pontevedrés.
A UVigo estará representada neste campionato galego universitario por un total de 28 estudantes, 19 homes e nove mulleres, mentres que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) concorrerá a esta cita con nove alumnos e dez alumnas e a Universidade da Coruña (UDC) contará con seis deportistas, catro mozos e dúas mozas. Nese senso, desde a organización destacan que esta xornada deportiva “pretende ser, ademais dunha competición, unha oportunidade de encontro e convivencia entre as distintas universidades”.
Do campus ás rúas da cidade
Corredores e corredoras reuniranse na mañá do sábado na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde ás 10.00 horas terá lugar a saída das probas clasificatorias. Estas disputarase no ámbito do campus e da Illa das Esculturas, o que que permitirá “unha alta velocidade de carreira combinada con eleccións de ruta dinámicas”, como sinalan desde a organización. A clasificación nesta proba determinará que deportistas loitarán, a partir das 12.15 horas, polas medallas na final A deste campionato, mentres que o 50% de participantes cos peores tempos tomarán parte na final B. En ambos casos, tratarase dunha proba cun “carácter máis urbano”, cuxa primeira parte transcorrerá polas rúas de Pontevedra, incluíndo o seu casco histórico, o que fará preciso “unha lectura precisa do mapa e unha boa planificación das eleccións de ruta”, para completarse o percorrido novamente no campus.
Finalizadas as probas, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acollerá ás 14.00 horas o acto de entrega de galardóns, tanto para as e os tres primeiros clasificados nas finais A como para a universidade gañadora do campionato, que se determinará computando os resultados das e dos tres mellores representantes de cada institución na final A.
Campionatos Galegos Universitarios
A competición deste sábado insírese na celebración dos Campionatos Universitarios Xunta de Galicia que nestas semanas organizan as tres universidades públicas galegas. As competicións arrancaron o 24 de febreiro coa disputa na UDC do torneo de natación, no que a UVigo acadou 23 medallas, e continuaron o pasado xoves coa disputa en Vilagarcía de Arousa do campionato de vela, no que a UVigo estivo representada por dúas embarcacións, rematando en terceiro lugar no computo xeral de universidades. Xa a vindeira semana, a USC acolle as competicións de deportes colectivos, que terán lugar o martes 10 e o mércores 11 no campus de Lugo.
