A Facultade de Comunicación foi seleccionada sede da próxima edición deste evento da AE-IC
Pontevedra acollerá en 2026 o principal congreso de investigación en comunicación de España
Prevé reunir entre 400 e 500 persoas
Integrada por 765 docentes de diferentes universidades españolas, a Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC) celebrará en Pontevedra o seu X Congreso Internacional, que terá lugar en xuño de 2026. Así se acordou na última asemblea desta asociación, que ratificou a proposta de que a Facultade de Comunicación sexa, por primeira vez, sede do que é “o principal congreso” de investigación neste ámbito que se desenvolve en España, como sinala a súa decana, Emma Torres, que prevé que este evento poida reunir na cidade “entre 400 e 500 persoas”. Ao mesmo tempo, nesta asemblea acordouse tamén a renovación da xunta directiva da asociación, á que se incorpora, como secretario académico, o tamén profesor da facultade pontevedresa Xosé Rúas.
“A AE-IC é a asociación máis grande no ámbito da comunicación e que Pontevedra acolla un evento como este, pona no mapa e reforza o traballo que se está facendo en termos de docencia e investigación no noso centro”, sinala Torres, que hai uns días presentaba á facultade na asemblea que a AE-IC celebraba en Murcia, no marco da novena edición deste congreso internacional de carácter bienal. Despois de que a Facultade de Comunicación acollese en xuño do 2023 o IV Doctorial da AE-IC, dirixido a dar visibilidade ao traballo de novas e novos investigadores, a asociación propuxo este centro da UVigo como sede do seu principal evento científico. “Na facultade temos moita actividade, pero desde o Lusocom de 2014”, o congreso da Federación das Asociacións Lusófonas de Ciencias da Comunicación, “non acollíamos un evento desta magnitude”, recoñeceTorres.
Como explica a decana, “un equipo da facultade coordinará a organización do evento, sempre en colaboración co equipo directivo da AE-IC” e nos próximos meses traballará xa na definición do que será o eixe temático deste eventi internacional, despois de que a súa anterior edición púxese o foco na innovación sostible.
A UVigo incorpórase á directiva da asociación
Outro dos aspectos destacados por Torres é que a facultade pontevedresa é unha das que conta “con máis membros dentro da asociación”, grazas á participación de 14 investigadores e investigadoras. Un deles é o tamén director do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da UVigo, Xosé Rúas, que formaba parte da candidatura elixida nesta asemblea para situarse á fronte da AE-IC os próximos catro anos. Nomeado secretario da asociación, Rúas é o único representante dunha universidades galega na nova directiva desta asociación, presidida pola investigadora da Universidad del País Vasco/Euskal Herriko Unibersitatea Carmen Peñafiel. "A AE-IC é a principal asociación deste eido en España e conta con 14 seccións, que abranguen todos os ámbitos da comunicación", lembra Rúas que destaca tamén "a proxección internacional" dunha asociación que no seu último congreso internacional reuniu investigadores e investigadoras de máis dunha vintena de países.