DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A organización estima que participarán arredor de 200 persoas

Pontevedra acollerá en setembro a primeira WordCamp de Galicia

Será na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • TIC
  • Institucional
DUVI Pontevedra 30/07/2018

Os días 22 e 23 de setembro a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra acollerá a celebración por primeira vez en Galicia dunha WordCamp. A organización estima que arredor de 200 persoas participarán nunha cita centrada en WordPress, sistema de código aberto empregado para a xestión de arredor do 30% das páxinas web de todo o mundo.

No marco da preparación da WordCamp Pontevedra 2018, este luns Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra, e Juan Hernando, presidente da comunidade de WordPress en Pontevedra, asinaron un convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Fundación WordPress para a organización deste evento, estando tamén presente no acto Xosé Baamonde, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. O convenio xorde co obxectivo de “realizar conxuntamente actividades e proxectos en todo tipo de asuntos que resulten de interese” para as dúas institucións. 

Concretamente, o convenio contempla que a Universidade de Vigo cederá gratuitamente os espazos precisos para a celebración da WordCamp Pontevedra 2018 na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e WordPress Community Support PBC comprométese a reservar un 20% das entradas dispoñibles do evento para os membros da comunidade universitaria a un prezo de dez euros por asistente. O interese desta facultade en acoller o evento, sinálase desde o centro, xorde entre outros factores ante o inicio nela este curso académico do Mestrado de Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais, mestrado que, indican, converte a esta facultade nun referente na formación en contidos para contornas dixitais.

Dous días de actividade

Segundo explican os promotores da WordCamp Pontevedra 2018, trátase este dun evento sen ánimo de lucro de dous días de duración organizado por voluntarias e voluntarios da comunidade de WordPress Pontevedra co apoio da organización internacional Fundación WordPress. Como primeira WordCamp que se celebrará en Galicia, o evento "proponse achegar á comunidade galega os mellores contidos con relatores de todo o país e tamén pór en valor o traballo e coñecemento dos profesionais de aquí”, indican desde a organización. Esta edición, apuntan, celebrarase no campus de Pontevedra co obxectivo de achegarse máis á comunidade universitaria.

Na primeira xornada da cita, o sábado, o programa inclúe dous grupos de conferencias con 20 relatores “que abarcarán todas as temáticas posibles para que tanto novatos como expertos aprendan e se divirtan”. Na xornada do domingo celebrarase un Día do Contribuidor no que as persoas interesadas aprenderán a colaborar co propio proxecto de WordPress mediante traducións, soporte, desenvolvemento, vídeo, etc. Ademais, durante o venres celebraranse diferentes actividades, como unhas charlas gratuítas dentro do programa do PontUp Store ou unha visita guiada por Pontevedra.

Desde a organización subliñan como a cita “non é unha conferencia exclusiva con contidos sobre desenvolvemento e programación, senón que calquera tema relacionado con WordPress a calquera nivel é benvido: blogues, negocios, accesibilidade, redes sociais, tendas en liña, etc”. As WordCamp, recalcan, queren “ser alcanzables para permitir a todo o mundo asistir, coñecer a xente, compartir e aprender” e están organizadas en todo tipo de países por usuarios, desenvolvedores e afeccionados de WordPress locais, sendo o prezo da entrada para os dous días de 25 euros grazas a patrocinadores e doazóns e ao feito de que as e os relatores son voluntarios. O diñeiro recadado, indica a organización, repercute exclusivamente no propio evento e se existe superávit o diñeiro dóase á Fundación WordPress para colaborar con outros eventos doutros continentes onde é máis complicado conseguir financiamento.