DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A XIII edición da Miteu desenvolverase entre o 20 e o 28 de abril no Pazo da Cultura 

Pontevedra recupera a Mostra de Teatro Universitario

Coa participación de agrupacións dos tres campus da UVigo e dunha aula da USC 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Pontevedra 07/04/2022

Doce anos despois da súa última edición, a Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) retorna a Pontevedra. Promovida pola Vicerreitoría do campus coa colaboración do Concello, esta mostra desenvolverase entre os días 20 e 28 de abril no Pazo da Cultura, onde poderán verse as montaxes realizadas nas aulas teatrais dos tres campus da Universidade de Vigo, entre as que se atopa Nosa señora das nubes, coa que se estrea a impulsada no presente curso no campus de Pontevedra. Con catro funcións con entrada gratuíta e programadas para as 21.00 horas, a Miteu abrirase o mércores 20 coa obra A Casa da forza, da aula de teatro da Universidade de Santiago de Compostela (USC), tras a que poderán verse O parke do crepúskulo, do grupo Maricastaña de Ourense, e Emigrados, da aula do campus vigués.

“Despois de doce anos, o teatro universitario volve a Pontevedra, que é unha cidade onde tiña xa un percorrido moi importante nos anos 70 e 80”, salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, na presentación da XIII Miteu de Pontevedra, coa que se recupera unha iniciativa interrompida, lembrou, en maio de 2010. Na presentación desta programación, estivo acompañado pola concelleira de Promoción Económica e Universidades, Yoya Blanco, e polo responsable de Teatro de Ningures e da Aula de Teatro do campus, Salvador del Río. Soto lembrou que, no marco do convenio de colaboración coa Concellaría, o pasado mes de novembro púxose en marcha, baixo a coordinación de Del Río, unha aula que arrancou “cun cheo total de matrícula”. Esta iniciativa formativa, aberta a toda a cidadanía, comprendía “dous bloques de contidos”, buscando en primeiro termo que as e os participantes puidesen “empezar a vivir e sentir o teatro”, para logo comezar a traballar nunha montaxe teatral. O resultado dese proceso é Nosa señora das nubes, a obra que levarán ao escenario un grupo de 13 alumnos e alumnas, do que forman parte tanto estudantes universitarios como persoas alleas á institución académica de diferentes xeracións. 

Sumando as catro representacións, serán preto de 60 as persoas, entre intérpretes e técnicos, que tomarán parte nunha mostra que, como lembrou Del Río, continuou desenvolvéndose nos campus de Vigo e Ourense e á que agora hai que “darlle a benvida de novo” en Pontevedra. Nese senso, Blanco subliñou o positivo de “recuperar o teatro”, dado o seu “labor didáctico” e a súa capacidade para “facer chegas as mensaxes”, á vez que puxo énfase en que esta iniciativa insírese nun convenio “co que estamos a facer un grande traballo”. 

Catro obras para a reflexión

A aula de teatro da USC, abrirá o mércores 20 esta Miteu con A Casa da forza, unha obra dirixida por Roberto Salgueiro. Baseada nun texto da dramaturga Angélica Liddell, trátase dunha obra centrada “no feminismo e a situación da muller no século XXI”, sinalou Del Río, que salientou que as catro montaxes que integran a programación abordan temáticas “que sempre van invitar ao diálogo e á reflexión”. 

Ao día seguinte poderá verse no Pazo da Cultura O parke do crespúskulo, do grupo Maricastaña, nivel 3 de aula de teatro do campus de Ourense. Con dramaturxia e dirección de Fernando Dacosta e inspirada nun libro de Paul Auster, a obra que na noite deste mércores puido verse na Miteu de Vigo pon o foco na ocupación, “nos motivos que levan á xente a ocupar unha casa deshabitada”, como salientou Del Río. Faino, como recolle o seu texto de presentación, presentando as historias de persoas diversas que conviven nunha casa abandonada, desde unha que traballa nunha empresa de desafiuzamentos a unha “pintora amadora idealista” ou “unha doutoranda que debe acabar a súa tese sen un can”. 

Xa á semana seguinte, a mostra pecharase con dúas obras “cunha temática similar”, recoñeceu Del Río. O mércores 27 poderá verse Emigrados, unha montaxe dirixida por Casilda Alfaro e Sonia Rúa e centrada “nun tema mundial do que aquí en Galicia sabemos moito”, como é a emigración. A través dunha historia múltiple que engarza unha serie de pezas de distintos autores, presenta unha serie de situacións que, desde a proximidade co espectador contemporáneo, buscan promover unha reflexión sobre a emigración, o retorno ou o desenraizamento e “o drama individual e social que supón este outro xeito de exilio”. 

Por último, o xoves 28, pecharase a programación con Nosa señora das nubes, na que conflúen as temáticas de memoria e o exilio. Dirixida por Del Río, esta montaxe ten como punto de partida un texto do autor arxentino Arístides Vargas que, como lembrou, tivo que exiliarse no Ecuador por mor da ditadura militar que sufriu o seu país natal. “É unha obra que collemos como metáfora de todos os movementos de exiliados que se están dando hoxe en día”, salientou o director dunha peza que, “desde o realismo máxico”, permite afondar nas consecuencias que “ten para tanta xente ter que abandonar o teu país de orixe e de como isto incluso faiche perder a memoria do lugar onde naciches”. 

Programa da XIII Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra