DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo os datos recollidos no adianto do informe de 2017 do Observatorio Urbano

Pontevedra sitúase á fronte das sete cidades galegas nos principais indicadores de poboación

Foi tamén a urbe con menos baixas en número de empresas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 23/10/2018

Con respecto ás sete cidades galegas, Pontevedra continuou sendo en 2017 a que presentaba unha idade media máis baixa, de 43,5 anos, a que conta coa porcentaxe de poboación de entre 0 e 20 anos máis elevada, o 19%, e a urbe na que a porcentaxe de poboación de máis de 64 anos, o 19,3%, é menor. Estes son algúns dos datos recollidos no adianto do informe correspondente ao ano 2017 do Observatorio Urbano de Pontevedra que amosan que a cidade “mantén a primeira posición comparativa nos principais indicadores de poboación”, segundo salientou o profesor Pedro Figueroa, na presentación dos primeiros resultados do documento que elabora o grupo de investigación G4 Plus, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, no marco dun convenio de colaboración co Concello.

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e o investigador principal do grupo G4 Plus presentaron este martes en rolda de prensa este adianto do informe, que afonda na posición de Pontevedra con respecto ao conxunto das sete cidades, e que a pasada semana era presentado ao Consello Económico e Social. Trátase dun “instrumento rigoroso” para análise “con datos obxectivos” da situación do concello, sinalou Gulías, quen se manifestou “orgullosa de ser a única cidade galega que ten a disposición dos veciños e veciñas" un documento deste tipo. Un informe que, engadiu Figueroa, no que se manteñen os bloques de indicadores definidos o pasado ano, que agrupan á información nas áreas de cohesión social, “na que os datos son positivos”, e económica, na que a cidade se amosa nunha “situación máis intermedia”.

“Datos negativos” en benestar e saúde

Con respecto aos indicadores de poboación, Figueroa incidiu tamén en que Pontevedra mantén, respecto a exercicios anteriores, unha “primeira posición comparativa” en eidos como o crecemento vexetativo, xa que a pesares de que a poboación descendeu en 112 persoas o pasado ano, este foi o mellor dato, en termos porcentuais, das sete cidades. Pola contra, o informe recolle unha “evolución negativa, perdendo posicións comparativas” na evolución da poboación menor de 4 anos, un 13,6% menos que no exercicio anterior, aínda que no refererido á media de idade das nais á hora de ter o seu primeiro fillo ou filla, case 32 anos, e o número de fillos agardados, 1,15, Pontevedra sitúase en terceira posición.

Pola contra, no relativo a benestar e saúde, rexístranse de novo “datos negativos”, como a porcentaxe de recursos humanos en servizos de atención primaria por cada 1000 habitantes, 2,32, a sexta peor das cidades galegas; ou a porcentaxe de entidades de servizos sociais por cada 1000 habitantes, 0,76, a peor porcentaxe das sete.

No relativo á actividade xudicial, Figueroa salientou as melloras rexistradas en diferentes indicadores, entre elas a redución dun 0,79% das infraccións penais, o descenso nun 37% dos delitos contra identidade e a liberdade sexual e a baixada nun 27% dos roubos con forza en domicilio con respecto a 2016.

Saldo empresarial positivo

No bloque de economía e empresa, Figueroa lembrou que nos últimos anos “houbo unha redución xeral da creación de novas empresas e sociedades mercantís” no conxunto do estado, que tamén se da, de xeito “importante”, en Pontevedra, cun descenso do número de altas de preto do 6%, o peor das sete cidades. Pola contra, foi a urbe que rexistrou unha mellor evolución no número de empresas dadas de baixa, que descendeu un 16%, o que fixo posible que en 2017 “o saldo fose positivo”, converténdose Pontevedra na primeira das sete cidades en permanencia das empresas. 

Con respecto aos datos do paro, o número de persoas en busca de emprego na cidade baixou un 11,4% o pasado exercicio e un 29% nos últimos cinco, descenso que, non obstante, “comparativamente é menor que no resto das cidades”, situándose Pontevedra en cuarta e quinta posición nestes indicadores; o que tamén aconteceu na evolución das afiliacións á seguridade social, que aumentaron un 7,7%, pasando a cidade de ocupar o primeiro posto nesta comparativa a situarse en cuarto lugar. 

Este adianto do informe detense así mesmo en indicadores relativos aos fogares, ámbito no que Pontevedra presenta polo xeral “datos positivos”, ao ser a cidade na que máis aumentou o número de fograes (un 16,8%), a urbe na que estes contan cun sustentadores principais con menor idade media (53,6 anos) e a que presenta menor porcentaxe de fogares compostos só por persoas maiores de 65 (o 17%). Neste ámbito, Figueroa incidiu tamén en que se ben os datos sobre ingresos medios amosan unha “evolución positiva” e a taxa de risco de pobreza, do 16,7% e a segunda mellor das cidade galegas, a percepción da cidadanía “non se corresponde con eses datos”, xa que máis do 22% dos fogares aseguran “chegar a finais de mes con moita dificultade".