DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Simposio internacional en Vigo sobre nanotecnoloxía en medicina

As posibilidades do "nano" para un mellor control da saúde

Coa participación de destacados científicos

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 08/11/2007
Investigadores e representantes do sector empresarial, terán ocasión de coñecer, desde o vindeiro luns e durante dous días, a través das intervencións de destacados expertos, o extraordinario potencial e logros acadados ata o momento pola nanotecnoloxía con aplicación biomédica.
O simposio internacional Nanotecnología en medicina: Diagnóstico y terapia, organizado pola Fundación Ramón Areces en colaboración coa Universidade de Vigo, reunirá os días 12 e 13 de novembro en Vigo a destacados investigadores chegados de toda Europa e EE.UU que centrarán as súas intervencións en aplicacións da nanotecnoloxía como os sistemas e vehiculización de fármacos.

Gran nivel científico

Luis Liz, coordinador xunto con África González do programa científico do simposio, destaca entre as intervencións previstas a de Ulrich Pison, do Charité, Universitätsmedizin de Berlín, "primeiro centro a nivel mundial no uso de nanopartículas en terapias de cancro". Xunto a el e durante os dous días que durará o simposio, os conferenciantes nacionais e internacionais abordarán cuestións como as nanopartículas nas Ciencias Materiais y nas Ciencias da Vida, plataformas biosensoras, a aplicación de dendrímeros en biomedicina ou anticorpos monoclonales e nanopartículas.
Liz lembra que foi a Fundación Ramón Areces a que contactou cos grupos de investigación que dirixen na Universidade de Vigo el mesmo e África González para a celebración dun simposio sobre a aplicación da nanotecnoloxía na medicina. O diagnóstico e a terapia foron os temas elixidos polos organizadores que lograron reunir un importante elenco de relatores ao tempo que se desbordaron as previsión iniciais de inscritos para participar no simposio, pasando dos 100 iniciais aos 140 finais. "Investigadores novos e senior, pero tamén representantes do sector empresarial", afirma Liz, "asistirán a un simposio que garante un nivel de calidade igual aos celebrados internacionalmente".

O nano na mellora da saúde

O desenvolvemento de novos procedementos terapéuticos, métodos de diagnóstico máis rápidos e fiables, así como a detección temperá de moitas enfermidades, son áreas de traballo nas que a nanotecnoloxía está a aportar importantes avances a través do deseño de novas técnicas e procedementos.
É o caso de novos fármacos dirixidos a dianas específicas ou os de liberación controlada que permiten un mellor control da dosis. Sen embargo dado que as nanopartículas son elementos extraños ao organismo, cómpre antes do seu uso en terapia, explorar o potencial rexeitamento por parte do sistema inmune e incluso o seu potencial na inducción de tumores.
Ben no campo do diagnóstico in vivo ou in vitro, a nanotecnoloxía en medicina require, segundo afirma Luis Liz "moita investigación das súas innumerables posibilidades, así como a evaluación de forma sistemática dos posibles riscos". Un traballo que máis alá do ámbito da medicina se impulsa desde a recentemente creada Rede Galega de Nanotecnoloxía á que pertencen as tres universidades galegas, ou a posible creación dun posgrao en nanotecnoloxía.