DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A vindeira semana terá lugar unha reunión con Zona Franca para avanzar nas negociacións

A posible cesión do edificio Siemens na ETEA centra a primeira xuntanza entre Universidade e Concello de Vigo tras a reelección do reitor

O alcalde anunciou que se subvencionará o uso do auditorio Mar de Vigo para eventos universitarios

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
M. Del Río DUVI 13/07/2022

A posible cesión do edificio Siemens por parte da Zona Franca á Universidade de Vigo protagonizou a primeira xuntanza entre o reitor e o alcalde da cidade, Abel Caballero, tras a reelección de Manuel Reigosa á fronte da institución académica o pasado mes de maio.

Reitor e alcalde estiveron acompañados por Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación e por Abel Losada, concelleiro de Cultura e profesor da Universidade de Vigo, nunha reunión que serviu tamén para presentar o novo equipo, “no que houbo algúns cambios e falar dos proxectos que temos en marcha”, moitos deles con presenza do Concello, explicaba Reigosa tras a xuntanza. 

O reitor quixo agradecer a “sensibilidade” de quen foi primeiro catedrático da UVigo e remarcou a transcendencia de toda unha serie de proxectos que xa están en marcha e que se substanciarán a curto prazo. O alcalde, pola súa banda ofreceu, “como sempre fixen, a cooperación do Concello” e lembrou que a Universidade en Vigo dende o ano 1990 foi un revulsivo para a cidade, “hai un Vigo antes da creación da Universidade e un Vigo distinto despois e, por isto, terán e teñen toda a nosa cooperación”. 

Na liña de “reiterar, renovar e fortalecer a cooperación entre ambas entidades”, como recalcaba Abel Caballero en rolda de prensa, ademais de avanzar na posible cesión do edificio Siemens á UVigo, Caballero e Reigosa tamén abordaron outras cuestións, como o impulso da presenza da Universidade na cidade, a utilización conxunta para algunhas actividades do auditorio Mar de Vigo e outras instalacións do Concello, así como de mobilidade e outras temáticas de interese universitario. “Foi unha xuntanza moi frutífera, da que estamos moi agradecidos e agardamos seguir avanzando nos temas que hoxe quedaron enriba da mesa”, salientou Reigosa, quen insistiu en que Vigo conta cunha Universidade “moi boa, que quere estar máis coa cidadanía, coa cidade e formar parte do entramado institucional que vai facer seguir medrando a esta cidade”.

Unha nova xuntanza sobre a ETEA a próxima semana

Sobre o edificio Siemens da ETEA, Caballero destacou que Zona Franca, propietaria do inmoble, “ten intención de cedelo á Universidade de Vigo, como xa lle adiantei ao reitor hai varios meses”. O tema quedou aparcado polas eleccións á reitoría da UVigo, pero unha vez rematado o proceso coa reelección de Reigosa, a vindeira semana retomaranse as negociacións e terá lugar unha xuntanza entre o delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, o presidente da entidade, Abel Caballero, e o reitor e parte do equipo de goberno “para falar a fondo da cesión do edificio aos efectos da súa utilización por parte da Universidade”. O alcalde ofreceu tamén toda a colaboración do Concello no relacionado coa futura Cidade do Mar na ETEA e o traslado ou creación de dependencias da Universidade nesta zona.

Transporte ao campus e Auditorio Mar de Vigo 

No transcurso da reunión tamén se abordaron outras liñas de colaboración entre ambas entidades. De feito, como explicaba Caballero, actualmente a “maior cooperación en termos económicos é a subvención das viaxes de autobús ao campus por parte do Concello”. O alcalde avanzou a continuidade desta colaboración, que supera o millón de euros, e a ela sumarase unha nova redución no custo do billete “pola subvención que achega o Goberno de España para o derradeiro trimestre do ano”.

Finalmente, dende a alcaldía tamén se propuxo á Universidade a posibilidade de que o Concello costee a utilización do Auditorio Mar de Vigo para eventos que teñan que ver coa Universidade, como o Concerto de Nadal, actos de graduación ou xuntanzas “para apoiar á Universidade e a súa presencia na cidade”.

En resumo, explicaba Caballero na rolda de prensa, “fixen o ofrecemento ao reitor que en todo aquilo que vexa posible a cooperación do Concello, o poña no noso coñecemento porque eu como alcalde e, pero tamén a cidade, quere estar ao lado da UVigo”.