Nun proxecto financiado polo programa europeo Reinforcing
Post-Growth Innovation Lab estuda como promover a participación cidadá na transición cara unha economía azul
Cunha metodoloxía que porá a proba nun foro comunitario sobre a sostibilidade dos océanos
A contaminación, a explotación dos seus recursos, a degradación dos fondos mariños ou os efectos do cambio climático sitúan os océanos nun “estado crítico sen precedentes”, que fai “esencial” unha transición cara unha “economía azul xusta e sostible”. Deste xeito presenta o grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab o escenario que constitúe o punto de partida do proxecto CoBLUE (Co-production of knowledge and politics for a just and sustainable blue economy), centrado no deseño dunha metodoloxía que permita involucrar “un amplo espectro de persoas”, incluíndo “grupos vulnerables e infrarrepresentados”, na toma de decisións en materia de transición ecolóxica. “A participación cidadá neste tipo de accións de toma de decisións descentralizadas permite non só lexitimar axendas de cambio urxentes e necesarias, senón tamén que a cidadanía se involucre de forma activa nunha transición que necesita do esforzo colectivo”, subliña Brais Suárez, investigador principal dun proxecto financiado polo programa Horizon, a través do proxecto Reinforcing. Xunto ao desenvolvemento desta metodoloxía, CoBLUE abrangue tamén á súa posta a proba coa organización dun “foro comunitario” centrado na implantación "responsable e xusta de proxectos vinculados co medio mariño" e a elaboración dunha “guía práctica para a coprodución de axendas políticas, a través da activación e mobilización das comunidades afectadas".
“A día de hoxe, a participación cidadá resúmese en consultas simples que teñen, en realidade, pouco de participativas”, sostén Suárez Eiroa, que pon de relevo que “as políticas top-down demostraron ser insuficientes, ineficaces e incluso contraproducentes”, o que fai necesario “involucrar á cidadanía na transición ecolóxica, especialmente para garantir que sexa unha transición xusta”. CoBLUE busca nese senso definir un método que permita levar a cabo “procesos participativos complexos e inclusivos” e que poida ser transferible a outras áreas. Seleccionado nunha convocatoria dirixida a impulsar a investigación e innovación aberta e responsable, o proxecto contará coa participación, xunto ao grupo do campus pontevedrés, de investigadores e investigadoras do grupo Governance and Economics Research Network (Gen) e do Future Oceans Lab do CIM, así como do Centro de Investigação do Território, Transportes e Ambiente (CITTA), de Portugal.
Definición e experiencia piloto
O obxectivo principal de CoBLUE, que se desenvolverá ao longo de 2025, é deseñar, implantar e avaliar os efectos dunha dun metodoloxía “para a creación de foros comunitarios, de forma eficaz e inclusiva”, de tal xeito que que dea resposta á pregunta de como xuntar unha comunidade “arredor dun tema”, para “negociar colectivamente unha axenda común de transición ecolóxica xusta”, salienta Suárez. Nese senso, a investigación porá o foco na integración da “diversidade, a equidade e a inclusión”, indo máis aló da “implantación rutineira de procesos de participación” e estudando como involucrar un amplo espectro de persoas. “Un punto central do proxecto é entender como garantir a inclusividade deste foros”, subliña o responsable dun proxecto que terá en conta cuestións como os efectos das políticas da economía azul en función do xénero e a necesidade de promover oportunidades para que a cidadanía poida participar en iniciativas de ciencia aberta.
Con esa idea, os traballos arrancaron cunha serie de talleres de capacitación dos investigadores e investigadoras, que hai unhas semanas participaban en Bruxelas nas sesións iniciais de Reinforcing, centradas na Open and Responsible Research and Innovation (ORRI). Posteriormente, o deseño da metodoloxía permitirá constituír un “foro comunitario para a transición xusta á economía azul”, empregando un caso de estudo no sur de Galicia. “Entendemos por foro comunitario xuntar persoas interesadas nun tema concreto a negociar unha axenda colectiva”, o que abrangue, “non só empresas, políticos e sindicatos, senón tamén persoas que se poidan ver afectadas de múltiples formas”, subliña Suárez. De feito, o obxectivo do equipo investigador é implicar neste proceso entre 30 e 40 cidadáns e cidadás, dos que cando menos un 30% proveñan de “grupos vulnerables”.
Esta iniciativa dará lugar á publicación dunha “axenda de políticas” para a economía azul, á vez que contribuirá á concienciación cidadá sobre a sostibilidade dos océanos.
Unha metodoloxía replicable
“A intención é construír unha metodoloxía para a creación de foros comunitarios, replicable en Europa e en diferentes temas”, subliña Suárez. Con esa idea, CoBLUE completarase coa elaboración dunha guía que reúna unha serie de directrices sobre como adaptar o proceso a diferentes contextos. Este documento será remitido a máis de 250 gobernos, ONG e académicos e académicas de diferentes puntos de Europa, ademais de poder incorporarse á plataforma do proxecto europeo Reinforcing, financiado a través do programa Horizon Europe.