DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto involucrou 300 estudantes de sete institutos da contorna

Postgrowth SA culmina un ano de traballo con institutos para facer de Vigo unha cidade máis sostible e azul

O alumnado analizou as actividades económicas relacionadas co mar, en especial a eólica mariña

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Transferencia
DUVI 17/07/2025

Tras un intenso ano de traballo, o proxecto de ciencia cidadá Postgrowth SA: Vigo está xa enfocando a súa fase final. Ao longo deste curso, esta iniciativa impulsada polo grupo de investigación da Universidade de Vigo Post-Growth Innovation Lab en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, involucrou institutos da contorna co obxectivo de facer de Vigo unha cidade máis azul. O proxecto contou coa participación de máis de 310 mozos e mozas dende 3º da ESO ata 1º de Bacharelato de sete centros de educación secundaria: IES O Castro, IES Coruxo, IES A Guía, IES República Oriental do Uruguai, Colegio Compañía de María, Colegio Amor de Dios e CPR Mercantil. A finalidade era xerar coñecemento sobre a transición sostible en materia de economía azul poñendo o foco principalmente na implementación da eólica mariña na costa suroeste galega.

Para isto, ao longo deste curso 2024-2025 desenvolveuse a parte presencial nos centros educativos, de xeito que tanto o profesorado como o alumando se puidese formar co persoal investigador do Post-Growth Innovation Lab en temas de eólica mariña, transición enerxética e investigación e innovación responsable e aberta (ORRI, polas súas siglas en inglés). Como explican Brais Suárez Eiroa e Cristina Míguez González, os dous investigadores que se encargaron de desenvolver as sesións presenciais, a finalidade desta formación é que “o alumnado puidese responder coas súas investigacións á pregunta de se a implementación da eólica mariña en Galicia está sendo responsable e xusta”.

Cinco casos de estudo, 22 análises documentais e un cento de entrevistas

O proxecto artellouse arredor de cinco casos de estudo: eólica mariña e ecoloxía; eólica mariña e economía; eólica mariña e sociedade; eólica mariña e transición ecolóxica e eólica mariña e ciencia aberta. Estes casos de estudo foron realizados polo alumnado e profesorado dos centros educativos participantes, guiados e apoiados polo persoal investigador de Post-Growth Innovation Lab, cunhas 5 sesións presenciais en cada centro, un contacto e seguimento constante e a asistencia a unha presentación oficial dos seus resultados no XVII Congreso da Nacional da Asociación Española de Ecoloxía Terrestre (AEET) e III Congreso da Sociedade Ibérica de Ecoloxía (Sibecol), celebrado en Pontevedra este xuño de 2025.

Durante a investigación, o alumnado realizou análise documental, recollida de datos cualitativos a través da realización de entrevistas e recollida de datos cuantitativos por medio de enquisas. En total realizáronse uns 22 análises documentais de diversos informes e documentos oficiais como El Plan Nacional Integrado de Energía y Clima, a Hoja de Ruta Eólica Marina, o Plan de Ordenación Marítimo Nacional, Informes de Transición Ecológica e os cinco DIPs (Documentos Iniciais de Proxecto) de Eólica Mariña que actualmente se atopan na web do Ministerio de Transición Ecolóxica. 

Ademais, o alumnado realizou 101 entrevistas a axentes sociais da temática do proxecto: cidadanía das áreas afectadas, investigadores de diversas entidades, administración pública, sector pesqueiro e ONGs ambientais entre outros. “Esta variedade de entrevistas logrou captar a visión da cidadanía e persoal experto sobre a temática a tratar, resaltando as súas limitacións e beneficios esperados, así como coñecendo casos de éxito ou problemáticas xeradas noutros países”, destacan dende o Post-Growth Innovation Lab. Por outra banda, realizáronse 341 enquisas anónimas que deixaron patente, engaden, “a desinformación da cidadanía sobre o tema, facendo relevante a xeración urxente de procesos de participación pública e a consecución da participación das persoas neles”.

Unha vez realizados os casos de estudo, o alumnado presentou os seus resultados no XVII Congreso da Nacional da Asociación Española de Ecoloxía Terrestre (AEET) e III Congreso da Sociedade Ibérica de Ecoloxía (Sibecol), en formato póster. Nesta cita, os representantes dos centros educativos puideron explicar os seus resultados a investigadores e investigadoras, ademais de coñecer liñas de traballo doutras universidades e interactuar nun ambiente internacional científico, sendo a representación xuvenil da conferencia.

Unha axenda política

Unha vez rematada a colaboración cos centros escolares, agora o persoal investigador do Post-Growth Innovation Lab está a elaborar unha axenda política sobre a temática así coma unha guía de recomendacións sociais, que serán repartidas por municipios da costa galega. Ademais, dentro do proxecto, fundouse a Rede de Ciencia Cidadá Poscrecemento de Galicia, que conta xa co apoio de centros educativos e foi presentada oficialmente na feira Científica da UCC da Universidade de Vigo, en Lalín.