DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No peche das Xornadas de Comunicación cos orientadores de ensino medio

As prácticas externas e a mobilidade de estudantes, claves para o éxito dos alumnos

Coa participación do vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, e do decano de Belas Artes,

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 18/04/2008

A novena edición das Xornadas de Comunicación cos centros de ensino medio chegou ao seu fin, logo de dous intensos días nos que se debateron as principais cuestións sobre o futuro da universidade no novo marco de converxencia europea. Nesta segunda xornada, orientadores de toda Galicia coñeceron de man do vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, a importancia que ten a realización de prácticas externas e a mobilidade de estudantes co Espazo Europeo. Ademais, Ignacio Barcia, decano da Facultade de Belas Artes tamén presentou o primeiro e único título de grao, o de Belas Artes, que a Universidade de Vigo comezará a impartir no vindeiro curso.
Ata o momento, diferentes programa fomentaban a mobilidade estudantil, “tanto a nivel nacional, grazas ao SICUE, como internacional, co programas Erasmus, en Europa, ou ISEP, con Estados Unidos, e que xestionaban na nosa universidade, dende a Oficina de Relacións Internacionais” explicou Iván Area. O alumno “partía cun plan de estudos coa validación das materias entre o país de destino e o de orixe, e unha bolsa financiada por diferentes fondos: a propia Universidade, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Educación e Ciencia, ademais de, nalgunha ocasión, empresas privadas”, engadiu. De feito, a Universidade de Vigo, con 498 alumnos Erasmus, “o programa de mellor acollida pola súa facilidade de xestión, convértese na primeira universidade de Galicia en canto ao seu número, e, proporcionalmente, na sétima de España” dixo o vicerreitor. Agora, no novo marco de Boloña, “o MEC fixo públicos documentos de traballo coas directrices futuras para homoxeneizar as cualificacións no ensino universitario referido ao Sistema Europeo de Créditos, e regular o recoñecemento e transferencia dos mesmos” dixo. Para promover a mobilidade, a Universidade de Vigo “é a única de España que recoñece aos equipos decanais que moven estudantes, e ademais temos no noso Plan Estratéxico unha firme aposta pola importancia do ensino de idiomas” remarcou.
En canto á realización de prácticas externas, en empresas e institucións, Area explicou que “ata o de agora só nalgunhas titulacións eran obrigatorias, o chamado practicum. De todos os xeitos, como institución nos interesaba que os nosos alumnos as realizaran para coñecer a realidade do mercado, e agora, no marco xurídico do EEES se establece que poden supoñer un máximo de 60 créditos, o que vén sendo un curso enteiro, preferiblemente nos últimos anos” dixo. A postura da Universidade, aprobada polo Consello de Goberno, é “que sexan recomendables pero non obrigatorias, porque para iso teríamos que garantir un tecido empresarial capaz de absorber a todos os estudantes cumprindo unhas condicións que estipulamos, como que teñan remuneración” explicou.

O novo grao en Belas Artes

O decano da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra, presentou o plan de estudos do que é o primeiro e único grao da Universidade de Vigo ata este momento, “e que supuxo un gran esforzo realizar, porque aínda que xa está a lexislatura, faltan moitos axustes, polo que, en certo modo, tamén tivemos moita liberdade” comentou Barcia. “Agora mesmo está en proceso de revisión na ANECA e contamos implantalo co comezo do curso. Puidemos ir neste primeiro prazo porque xa tiñamos traballo adiantado cando saíu o Decreto Lei, que daba só uns meses de marxe para presentar o plan de estudos. Ademais, somos un centro nuclear no que practicamente todos os docentes só dan clases aquí” dixo o decano.
O novo grao terá 240 créditos ECTS divididos en oito cuadrimestres de 30, non terá prácticas externas, e o seu traballo de fin de grao constará de 18 créditos. Seguirá sen haber proba de acceso e cada ano entrarán 130 estudantes, segundo a súa nota de selectividade. “Estamos moi contentos porque aproveitamos a normativa propicia para realizar un plan moito máis sinxelo e claro. Ademais, sentimos que con este cambio de mentalidade no ensino baseado no traballo individual que o alumno desenvolve nas a aulas centrado no aprendizaxe e non na docencia, se adapta totalmente ao noso modo habitual de traballar” comentou Barcia, que engadiu que “aínda que ata o de agora era case unha característica nosa, é extrapolable a todas as demais titulacións, como se vai ver”.