DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirección e Xestión Publica acolleu a presentación dos resultados deste proxecto do IISGS

‘Practicum Direct’ complétase co deseño dun simulador capaz de prever distintos escenarios nunha crise sanitaria

Desenvolveuse o prototipo dunha ferramenta de apoio aos xestores nunha pandemia   

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • TIC
  • Investigación
DUVI Pontevedra 06/10/2022

Deseñar unha ferramenta de simulación, baseada no uso de intelixencia artificial, que axudase á toma de decisións na xestión sanitaria de crises como unha pandemia era o obxectivo central de Practicum Direct, un proxecto de investigación do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), que profesionais sanitarios desenvolveron xunto co Observatorio da Gobernanza G3 da Universidade de Vigo e investigadores da Universidade da Coruña (UDC). Despois de dous anos de traballo, a Facultade de Dirección e Xestión Pública acollía este xoves a presentación dos resultados deste proxecto financiado pola Axencia Galega de Innovación (Gain), que se completou co deseño dun prototipo de simulador que permitiría xerar diferentes escenarios e coñecer así o efecto que as decisións en materia de xestión sanitaria poderían ter en diferentes variables clínicas.

Unha investigación nacida dunha pandemia mundial

Seleccionado na convocatoria especial de fondos de investigación sobre a covid-19 de Gain, cofinanciada con fondos europeos Feder, e coordinado polos integrantes do grupo de investigación do IISGS eHealth en áreas sanitarias integradas Modesto Martínez e Ismael Said, Practicum Direct reuniu expertos en enxeñaría e políticas públicas, xunto con profesionais da medicina e enfermaría. Esa “combinación de diferentes ámbitos” foi unha das cuestións salientadas pola vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, na inauguración desta xornada, na que lembrou tamén que crises como a provocada pola covid-19 “axudan ao progreso da ciencia”. De feito, lembrou Rubio, o propósito fundamental deste proxecto, financiado con preto de 270.000, era precisamente axudar a “estar máis preparados” ante futuras pandemias. 

Como lembrou Said, Practicum Direct xorde no contexto dunha “pandemia mundial”, coa idea de “aprender do ocorrido e facer unha reflexión sobre como se tomaron as decisións en canto á xestión sanitaria”. Impulsado por un grupo de investigación que traballa no eido da medicina dixital, “pensamos que esa toma de decisións podería ser potenciada polas novas tecnoloxías”, explicou. Nese senso, co propósito de traballar no “deseño dunha ferramenta dixital que aproveitase datos reais, a modo de análise big data, para xerar uns algoritmos baseados en machine learning que puidesen axudar na toma de decisións”, o proxecto contou coa participación do catedrático da UDC Alejandro Pazos e o seu grupo de investigación. Ao mesmo tempo, engadiu Said, coa idea de afondar no "contexto político, social, económico e sanitario da pandemia" e "enlazar diferentes visións" na definición das variables de análise, á investigación sumáronse os integrantes do Observatorio da Gobernanza G3 Enrique Varela, Óscar Briones e Bruno González. 

Decisións que se insiren nun "ecosistema" complexo

Comprender como funciona o sistema sanitario máis aló dos aspectos clínicos foi nese senso un dos eixos do traballo dos investigadores da Facultade e Dirección e Xestión Pública, que Varela e Briones presentaron na primeira das mesas desta xornada. “Un sistema sanitario son máis que hospitais, é un ecosistema complexo do que forman tamén parte os centros de saúde, as familias, as empresas, as asociacións...”, sinalou Varela, que explica que a primeira achega do grupo ao proxecto foi a de incorporar a este “a lóxica da gobernanza multinivel e intergubernamental”, que permitise levar á “teoría de toma de decisións á realidade do sistema sanitario galego nunha situación de crise pandémica”. Con ese mesmo propósito, outro dos traballos buscou achegar “unha visión complementaria” á análise de datos masivos a través “dunha aproximación cualitativa aos actores” que tomaron parte nesa toma de decisións na primeira onda da pandemia. Para iso, realizáronse entrevistas en profundidade a 62 profesionais da medicina e a enfermaría e xestores de hospitais e centros de saúde, un traballo presentado nesta xornada polos investigadores Bruno González e Olga Solas. 

Xerar "diferentes escenarios" a partir dos datos

Finalmente, o analista de datos David Baltar e o investigador da UDC Marcos Gestal encargáronse presentar os traballos para o desenvolvemento dao simulador, que comprenderon a definición dun marco teórico que integrase un conxunto de variables e a elaboración dun primeiro “prototipo” da ferramenta. A idea deste proxecto, sinalou Baltar, é pór o foco nos “efectos colaterais” das decisións de xestión sanitaria tomadas en contextos como os dunha pandemia, “que están pouco analizados”. Decisións como pode ser dotar ás urxencias de máis persoal ou pechar consultas de atención primaria, explicou, “xeran unha serie de repercusións na xestión sanitaria”, desde cambios no número de ingresos a unha maior ou menor diagnose de determinadas enfermidades nun determinado período. “Por desgraza, os nosos sistemas de xestión sanitaria non permiten análises rápidas e, dentro deste problema, a calidade das decisións está directamente relacionada coa calidade da información”, sostivo este experto, que incidiu en que, pese a que esa análise partiría de información presente nas bases de datos dos sistemas sanitarios, “non hai ningunha ferramenta que se dedique a modelizar as relacións entre as decisións de xestión e como os seus resultados impactan a nivel clínico”. Deseñar unha ferramenta que teña en conta esas interrelacións era precisamente o obxectivo de Practicum Direct, aínda que “os límites que tivemos no desenvolvemento do proxecto” só fixeron posible o deseño dun prototipo. Este baséase “na utilización a intelixencia artificial para xerar diferentes escenarios e que estes sexan dinámicos e evolutivos”, de tal xeito que a modificación de determinados parámetros permitiría coñecer os cambios que provocaría en "diferentes variables clínicas”. 

Decisións máis aló da experiencia

Contribuír á que as decisións sanitarias se baseen "na lóxica dos datos" era nese senso o propósito central deste proxecto, como sinalou Varela, decano comisario da Facultade de Dirección e Xestión Publica, que inaugurou esta xornada xunto con Rubio, Said e o director da área de Innovación de Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) José María Romero. Este acto de apertura contou tamén coas intervencións en vídeo do director de ACIS, Antonio Fernández-Campa, que lembrou que, en preto de dous anos, a covid-19 infectou a preto de 535 millóns de persoas; e do investigador principal do proxecto, Modesto Martínez, quen subliñou a importancia de que a toma de decisións no eido sanitario poida basearse "na efectividade e non só na experiencia", lembrando nese senso que Practicum Direct buscaba tamén axudar “identificar boas prácticas e aquelas que non serían recomendables”. Por outra banda, as xornadas foron clausuradas pola vicerreitora do campus, Eva Lantarón, que destacou a importancia de proxectos como este “que buscan facilitar a vida das persoas”.