DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto Zosteco investiga a interacción na enseada de San Simón e na baía de Santander

Praderías mariñas e actividades humanas, unha convivencia posible? 

A UVigo lidera a identificación de medidas que melloren a xestión destes espazos naturais  

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 15/06/2021

Consideralas algas e non plantas que, como as terrestres, teñen raíces e se poden reproducir por pole e xerar sementes, é un erro habitual que proba o descoñecemento global que existe na sociedade sobre as praderías mariñas. Igualmente ignorados para a cidadanía son os beneficios que reportan estes ecosistemas, nomeadamente a captación de CO2 atmosférico; servir de hábitat a moitas especies, algunhas delas de interese comercial como o choco; a depuración da auga do mar; a retención de sedimentos ou evitar a perda de area. “Non obstante, a súa localización, moi próxima á costa, convérteas en moi vulnerables, estando expostas a numerosas ameazas, entre elas, a ocupación da súa zona de asentamento por recheos, contaminación, fondeo de embarcacións ou a actividade marisqueira”, detalla o catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo Emilio Fernández, que xunto aos tamén docentes e investigadores do CIM Gonzalo Méndez e Jesús Troncoso, lideran o proxecto Zosteco, no que tamén participan o investigador da USC Sebastián Villasante e o Instituto de Hidráulica Ambiental de Cantabria.

Zosteco botou a andar hai seis meses con varios obxectivos: avaliar e cartografar os beneficios que xeran as praderías mariñas á sociedade e explorar os potenciais conflitos e sinerxías que se establecen entre estas e as actividades humanas, coa finalidade de mitigar os impactos que se produzan, permitindo unha xestión máis axeitada dos espazos naturais nos que se centra a investigación, dunha banda, a redondelana enseada de San Simón e, doutra, a baía de Santander, ambas con extensas praderías de Zostera que coexisten coa actividade marisqueira. Con preto de 88.000 euros de orzamento, un ano de duración, e o apoio da Fundación Biodiversidad, o Ministerio para a Transición Ecológica y el Reto Demográfico a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), o proxecto celebra esta tarde no auditorio de Redondela un obradoiro participativo, no que, coa participación dos actores implicados, se presentarán, discutirán e validarán os resultados acadados ata este intre.

Recompilación do coñecemento publicado, entrevistas e guía didáctica

Ao longo dos últimos meses, os investigadores do proxecto Zosteco traballaron cunhas 60 publicacións científicas, que se sintetizaron nun informe que recompila o coñecemento actual sobre a zona e que se transformará nun libro de alta divulgación científica. “Zosteco pretende utilizar, dunha banda, todo o coñecemento publicado e, pola outra, o coñecemento que teñen os usuarios das zonas obxecto de estudo, no noso caso a enseada de San Simón, para cartografar a situación das praderías e as actividades que se desenvolven nelas coa finalidade de identificar os solapamentos espaciais entre estas que poden conducir a potenciais conflitos”, explica Emilio Fernández en relación cunha das liñas de traballo do proxecto. 

Para acadar este fin, realízaronse entrevistas de máis dunha hora de duración aos usuarios e usuarias da enseada seleccionados por sectores: mariscadoras, pescadores, ecoloxistas, administracións, empresas de actividades recreativas, etc. Logo, os resultados das respostas procesáronse, xunto cos resultados da revisión bibliográfica realizada polos investigadores, co obxectivo de que se validen ou non as súas conclusións, “que non son máis que o procesado das respostas, co fin último de identificar posibles medidas que poidan mellorar a xestión do espazo natural permitindo a coexistencia de praderías cos usos propios asociados ás actividades económicas”, sinala o catedrático da UVigo. Así mesmo, cando o proxecto está a piques de acadar o seu ecuador, os investigadores tamén teñen case finalizada a elaboración dunha guía didáctica centrada na ESO e Bacharelato, e para a que desenvolveron un proxecto piloto co IES Poeta Añón de Serra de Outes. 

Praderías ben desenvolvidas en San Simón e en Santander 

A especie imperante e o seu estado de conservación son as características que diferencian unhas praderías doutras. Así, na España Atlántica as praderías están dominadas por dúas especies do mesmo xénero: Zostera marina e Zostera noltei, ambas presentes en San Simón, mentres que no Mediterráneo a Posidonia oceánica é a especie preponderante.

No caso concreto da enseada de San Simón e da baía de Santander, un estudo, realizado precisamente polo Instituto de Hidráulica Ambiental, amosa que as súa situación é moi variable e que hai unha ampla diversidade de estados de conservación e de tendencias de cambio. “En xeral, tanto en San Simón, como en Santander, atópanse praderías ben desenvolvidas. A escala europea, parece que a súa extensión está, en promedio, aumentando, como consecuencia da mellora da calidade das augas, ao estenderse a depuración, e, en menor medida, polas accións de restauración, emprendidas nalgúns países”, detalla Emilio Fernández. 

No proxecto colaboran a Xunta de Galicia a través da Conselleria de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; o Gobierno de Cantabria a través da Consejería de Desarrollo Rural, Ganadería, Pesca, Alimentación y Medio Ambiente; o Concello de Redondela; representantes da pesca artesanal (Confederación de Pescadores de Galicia e en particular a confraría de Redondela); colectivos ambientalistas (ADEGA) e investigadores da Fundación Lonxanet.