DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolvida pola investigadora do grupo Xeotecnoloxías Aplicadas Ana Novo

Premian unha metodoloxía que permite determinar de xeito automático o risco de incendio preto das estradas

Foi recoñecida cun galardón impulsado pola Universitat Autónoma de Barcelona e Securitas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Premios
  • Investigación
DUVI Pontevedra 08/02/2023

A través do desenvolvemento de algoritmos automatizados para a análise de datos LiDAR e de imaxes multiespectrais obtidas por satélite, a investigadora do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, que forma parte do Cintecx, e profesora da Escola de Enxeñaría Forestal Ana Novo xerou unha metodoloxía para a inspección automática da vexetación na contorna das estradas, que permite á súa vez determinar, tamén de xeito automático, o risco de incendios forestais nestas zonas. Tanto pola súa relevancia no eido científico e tecnolóxico, como pola súa contribución no ámbito da seguridade humana, a súa investigación foi recoñecida co primeiro Premio Cátedra Manuel Ballbé SHDG-Securitas, un galardón promovido pola Unversitat Autónoma de Barcelona (UAB) e Securitas Seguridad España.

Novo Gómez concorreu a estes premios, dirixidos a recoñecer proxectos de investigación relacionados coa seguridade humana e o dereito global, cunha “parte das investigacións, ás máis orientadas á transferencia tecnolóxica”, que integran a súa tese de doutoramento Evaluation of Vegetation around roads by LiDAR data processing and multiespectral images, que defendía recentemente na EE Forestal. “Recibir este premio é algo xenial”, recoñece dun galardón cunha dotación económica de 3000 euros, á que se suma a presentación do seu traballo no próximo Congreso Internacional sobre Seguridade, que terá lugar en Barcelona, e a súa publicación no Journal of Human Security and Global Law. Nese senso, Novo destaca o positivo deste premio, tanto porque “pon en valor todos estes anos de investigación e motívache para continuar”, como pola “visibilidade” que achegará as súas investigacións “poder expoñer o teu traballo nun congreso internacional”, así pola posibilidade de que “abra portas a futuras colaboracións e á transferencia tecnolóxica”. 

Dirixidos a recoñecer, como informou a UAB, “solucións innovadoras” en diferentes ámbitos relacionados coa seguridade, como é neste caso os riscos que implican para persoas e infraestruturas os incendios forestais, a comisión avaliadora destes premios estaba formada pola presidenta da Cátedra Manuel Ballbé, a exvicepresidenta do Goberno María Teresa Fernández de La Vega; o seu director académico, Carlos Padrós, e a directora de Persoas e Talento de Securitas, Alicia Goméz de Hinojosa.

Actuacións preventivas fronte os grandes lumes

O punto de partida da investigación que Novo desenvolveu no programa de doutoramento en Xeotecnoloxías Aplicadas á Construción, Enerxía e Industria, baixo a dirección dos profesores Higinio González e Joaquín Martínez Sánchez, é a previsión de que o risco de incendio en Galicia “aumente nos próximos anos”, por mor dos efectos no cambio climático. Mais concretamente, explica, o risco de padecer os chamados “incendios de sexta xeración”, caracterizados pola súa virulencia, que fainos “imposibles de controlar polos medios de extinción”. Este escenario leva á súa vez a pór o foco na importancia que, en materia preventiva, ten a xestión da vexetación en espazos como a contorna das estradas, onde, explica, “adoitan orixinarse” unha “alta porcentaxe de lumes”, á vez que son tamén “a vía escape da poboación” no caso de que se orixinen.

Nese senso, o obxectivo da súa investigación era desenvolver “unha serie de metodoloxías” que permitan “detectar, analizar, modelar e avaliar a vexetación” nestes espazos, o que á súa vez facilite a realización de “accións de mantemento” orientadas a “mitigar a severidade” dos lumes. Concretamente, as metodoloxías e os algoritmos desenvolvidos permiten o procesamento automatizado dos datos sobre o tipo de vexetación, altura ou grao de humidade, obtidos a través de tecnoloxía LiDAR, “tanto embarcada nun dron, como nun coche e nunha avioneta”, así como de imaxes multiespectrais obtidas por satélite. 

“Conseguiuse realizar as inspeccións da vexetación dun xeito totalmente automatizado”, apunta Novo respecto dunhas metodoloxías que testou en diferentes puntos de Galicia. Concretamente, tanto nos municipios de Ferrol e Celanova como, principalmente, no parque natural Baixa Limia-Serrá do Xurés, principal escenario destes traballos, tanto pola importancia ambiental desta Reserva da Biosfera como por ser, lembra, “unha das zonas que máis incendios forestais sofre cada ano en Galicia”. 

Xeración de mapas de risco e propostas de actuación

“A caracterizacións dos combustibles proporciona información sobre o risco de incendio e os posibles efectos do lume, segundo a súa estrutura e disposición”, salienta Novo, que logrou con estas metodoloxías “monitorizar” a evolución desa vexetación, o que permitiría reducir “custes e tempo de execución nas labores de inspeccións das infraestruturas”, ademais de acadar información sobre o seu estado que “en ocasións é imposible obter mediante medios humanos”.

A partir de aí, a súa investigación abrangueu o desenvolvemento dun “índice de risco” que, tamén de xeito automatizado, pondera un conxunto de factores alén do propio estado da vexetación, como os datos climatolóxicos, o “histórico de incendios” de cada zona, a súa topografía e os factores “antropoxénicos”, derivados da acción humana. Este “mapa de risco” permite determinar a menor ou maior probabilidade de incendio dunha determinada contorna, así como, a través da integración das TIC, propor as “medidas ou recomendacións que segundo o estado da vexetación obtido deberían ser abordadas polos xestores das estradas”.

Concretamente, co obxectivo xerar “resultados de fácil interpretación” que contribúan a “optimizar a toma de decisións” en labores de prevención e conservación, esta metodoloxía permite adxudicar a cada espazo un nivel de risco que se sitúa entre o 0 ou “nulo” e o 5 ou “moi alto”. Cada un destes niveis leva á súa vez aparellada unha serie de recomendacións específicas, que no caso dos niveis “moi baixo e baixo” pasan pola realización de labores de vixilancia das zonas, mentres que no caso do risco “moderado” implicarán tamén avaliar a necesidade de dar prioridade os labores de control de vexetación nestes espazos, entre outras medidas. No caso do risco alto, proponse a programación de “actividades de roza extraordinarias”, así como unha “vixilancia continuada” e informar a través de paneis do alto risco de incendios, xunto coa activación dos protocolos pertinentes, medidas que se manteñen no caso do nivel “moi alto”, no que se avoga tamén pola avaliación dos índices de risco nas zonas da contorna, “co fin de definir vías de escape ou itinerarios alternativos”.