Foi un dos galardoados por PEFC-España nos primeiros Premios Somos Bosque
Premian o profesor Enrique Valero pola súa contribución á certificación forestal
Esta distinción sinálao como un dos pioneiros na posta en marcha deste sistema
Garantir que a xestión forestal se realiza seguindo uns criterios e indicadores que confirmen que os bosques están sendo xestionados dunha maneira sostible era o propósito co que naceu en 1999 en París PEFC-Internacional (Programme for the Endorsement of Forest Certification), un selo de certificación ao que están adheridas na actualidade máis de 295 millóns de hectáreas de masas forestais no mundo. Con motivo do seu 25 aniversario, PEFC-España buscou recoñecer “a quen desde os seus inicios lideraron e apoiaron a implantación e desenvolvemento” deste sistema de certificación. Entre eles, ao profesor da Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo Enrique Valero, que foi un dos galardoados na categoría de pioneiros dos primeiros Premios Somos Bosque desta esta organización non gobernamental.
Director do grupo de investigación AF-4 e presidente de PEFC-Galicia, Valero formou parte hai 25 anos do grupo de impulsores deste sistema de certificación forestal, o que lévao a ver neste galardón un “recoñecemento, non a min, senón os pioneiros de todo aquilo, que foi case unha aposta a cegas, pero intuitivamente esperanzadora”. Neste punto, o investigador pon o foco en que hai 25 anos existía un descoñecemento xeneralizado respecto “do que podían achegar os sistemas de certificación”, mentres que a día de hoxe PEFC “é un selo recoñecido internacionalmente, unha historia de éxito”.
Xunto a Valero, Enrique Alonso, Joan Botey, José Causí, Kepa Albizu, Ricardo García-Borregón, Francisco Rovira, Pilar Ruiz de Austri, Juan Luis Abián e José María Solano foron as e os recoñecidos na categoría de pioneiros dos Premios Somos Bosque, que PEFC España entregaba recentemente no acto conmemorativo deste 25 aniversario.
Un sistema co que seguir avanzando desde a investigación
Como lembra Valero, PEFC integra tanto propietarios e xestores de montes, como ás “diferentes ramas da industria” da madeira, que certifican con este selo a trazabilidade dos seus produtos, mais tamén outra serie de colectivos e entidades, como administracións rexionais, colexios profesionais, centros de investigación ou universidades. De feito, a Escola de Enxeñaría Forestal está adherida “desde os seus inicios” a PEFC Galicia, onde máis de 477.000 hectáreas e 461 empresas contan con este selo.
Neste punto, o docente sinala o reto de ir máis aló dos bosques e produtos derivados da madeira e avanzar na “certificación dos servizos ecosistémicos”, o que conecta directamente cunha das liñas de investigación do grupo AF-4, que traballa no desenvolvemento dunha metodoloxía pioneira, que permita certificar os “bens inmateriais e intanxibles asociados aos bosques”. Máis aló da “fixación de carbono procedente da atmosfera, da conservación da biodiversidade e da regulación do réxime hídrico”, as masas forestais prestan tamén outra serie de “servizos que teñen que ver co benestar e a saúde, co recreo, co goce da natureza, coas emocións da xente cando vai o bosque...”, salienta Valero, que lembra que estes bens “intanxibles, pero reais” están tamén recollidos nos criterios da Conferencia de Helskinki, nos que se sustenta este sistema de certificación. O seu obxectivo neste punto é definir unha serie de indicadores e descritores que permitan avaliar estes aspectos e xerar unha metodoloxía validable e replicable, que contribúa tanto á conservación das masas como ao desenvolvemento das zonas rurais.