Realizado pola egresada da EE Forestal Eva Alonso
Premian un TFG que afonda na necesidade de información actualizada para facer fronte os incendios
Nos V Premios Cámara de Comercio-Ence á Innovación Forestal
Actualización da cartografía de modelos de combustibles mediante tecnoloxía LiDAR na comarca do Baixo Miño é o título do estudo co que a egresada da Escola de Enxeñaría Forestal Eva Alonso obtivo o galardón ao mellor traballo de fin de grao (TFG) nos V Premios Cámara de Comercio-Ence á Innovación Forestal. Titorizado por Laura Alonso, este traballo parte da necesidade de contar con información actualizada, tanto na prevención como na loita contra os lumes forestais. Nomeadamente, na importancia de contar con “mapas de combustible actualizados”, que permitan non só coñecer o tipo de vexetación presente en cada área, senón tamén avaliar como esta se comportaría ante un hipotético lume tendo en conta diferentes variables.
Concretamente, o seu traballo céntrase na problemática que pode supor a falta de actualización dos datos obtidos con tecnoloxía LiDAR aérea para xerar, en combinación cos datos obtidos cos satélites Sentinel, mapas de combustible, . Alonso Castro buscou nese senso coñecer se os mapas de combustible seguen sendo válidos co tempo e son capaces de adaptarse aos cambios no territorio, nunha análise que levou a cabo na comarca do Baixo Miño. Esta graduada en Enxeñaría Forestal levou a cabo unha serie de mostraxes de campo, para logo analizar a correspondencia dos datos obtidos sobre o terreo coas cartografías existentes, podendo así analizar “a tendencia de evolución dos distintos modelos de combustibles, para poder ter criterios de actualización do mapa nos períodos de carencia de datos”.
Este traballo foi recoñecido co premio ao mellor TFG, dotado con 2000 euros en material informático, nos galardóns promovidos pola Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, ao abeiro do Plan Social Ence, entregados na tarde deste xoves no Pazo Provincial. Neste acto outorgouse tamén o premio á mellor iniciativa empresarial ao proxecto Cornea, así como as distincións aos mellores traballos de fin de máster, nas que o tamén egresado da EE Forestal Carlos Peco acadou un accésit por un estudo desenvolvido na Universidade de Santiago de Compostela.
