Realizada por Ashling Ocampo como traballo de fin de grao na Facultade de Comunicación
Premio Augal á mellor curtametraxe a ‘La casa de la abuela’
Oito traballos foron seleccionados finalistas do concurso ‘A Canteira’
Como un traballo que “fala das expectativas vitais na mocidade e pon en valor a diversidade” presenta a titulada en Comunicación Audiovisual Ashling Ocampo La casa de la abuela, unha curtametraxe de ficción que narra a historia dunha moza con síndrome de Down que anuncia a súa decisión de sacar o carné de conducir na festa do seu 18 aniversario e coa que se converte na gañadora do IV Concurso A Canteira-Augal. Inserido na programación da Máster Class Audiovisual Galego, que a Facultade de Comunicación promove xunto coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), este certame busca recoñecer as mellores curtas realizadas cada curso polo alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual, como a que Ocampo desenvolveu para o seu traballo de fin de grao (TFG), no que tivo como titora á profesora Laura Miragaya.
Oito curtas, nacidas como traballos académicos para diferentes materias ou como TFG, optaban nesta edición a un premio cunha dotación económica de 500 euros. Tras a súa proxección, na tarde deste xoves, foron avaliadas por un xurado integrado pola egresada e axudante de dirección Bibiana Juanes, a tamén exalumna e guionista Sara Varela, o presidente da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización Crea, Fon Cortizo, o tamén egresado e profesor convidado Miguel Gómez Abad e o codirector de Augal Miguel Anxo Fernández. Todos eles “destacaron a calidade dos traballos” e seleccionaron como gañadora unha curtametraxe “intimista e moi coidada esteticamente”, como destaca o tamén codirector desta máster class, Paulino Pérez.
“Con moitísimo orgullo”, recoñece, recibía Ocampo o fallo do xurado, ao remate dunha sesións á que acudiu xunto á súa prima María, protagonista dunha curta que hai unhas semanas acadaba o primeiro premio do concurso Fas Curtas, do Ourense Film Festival (OUFF). Agora, La casa de la abuela suma un segundo galardón do que esta egresada destaca a “ilusión” que supuxo telo recibido na facultade na que se formou, nunha xornada que compartiu cos autores e autoras de “traballos con moitísimo nivel”. Agora, esta titulada agarda poder levar esta curtametraxe, que conta tamén coa participación da actriz Mela Casal, a diferentes festivais. De feito, vén de ser seleccionado para XII Festival de cine social ManzanaREC, á vez que tratará tamén, recoñece, de que “teña un percorrido máis aló da competición, nun ámbito máis educativo e social”.
Xunto á La casa de la abuela, no concurso A Canteira-Augal foron seleccionadas as curtametraxes Dúas señoras, de Luján Monteiro e Iria Soutullo; Gralla, de Rebeca Tella e Daniel Filloy; O porco, de Hugo R. Morgado; Alma, de Iria Diéguez e Isabel Fariña; Áncora; de Miguel R. Berride; Cinexin, de Luján Monteiro, e Todo dicho, de Nel González.
Augal retorna en febreiro
Dirixida a conectar o alumnado coa realidade do sector audiovisual, a décimo cuarta edición de Augal arrancou no mes de novembro con máis de 50 inscritos e inscritas e, tras a sesión deste xoves, continuará a súa programación no mes de febreiro. Con sesións abertas ao público, esta máster class retomará a súa actividade o día 5 coa proxección de La Parra, de Alberto Gracia, que será presentada pola produtora e profesora Beli Martínez. Á semana seguinte, a egresada Silvia Fuentes protagonizará un coloquio sobre a súa traxectoria como produtora e o día 19 terá lugar unha sesión dedicada á serie Ghuassap. O 26 de febreiro, Augal permitirá coñecer as curtametraxes A Marola, de Ángel de la Cruz; Abellón, de Fon Cortizo; e María Rita, de Juan Barbazán, mentres que o 12 de marzo a directora Lucía Estévez, tamén egresada da facultade, falará do seu traballo nas series Los argonautas e Weiss & Morales. Esta XIV Máster Class Audiovisual Galego pechará a súa programación o 26 de marzo, coa proxección de Filmei paxaros voando, de Zeltia Outeiriño.