DUVI

Diario da Universidade de Vigo

UVigo e Deputación de Ourense outorgarán 45 bolsas a alumnado deste título

Un premio extra para os mellores expedientes do Grao en Turismo

A contía máxima será de 900 euros por persoa e 450 adicionais para dez estudantes de novo acceso

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 10/06/2022

A Universidade de Vigo convocou este venres 45 bolsas para o alumnado matriculado no curso 2022/2023 no Grao enTurismo ou no programa conxunto (PCEO) dos graos de Turismo e Xeografía e Historia no campus de Ourense. Froito da colaboración entre a institución académica e a Deputación de Ourense, a contía será de 900 euros para cada estudante seleccionado e 450 adicionais para os mellores expedientes de acceso, tendo prioridade o alumnado que inicie estudos.

A iniciativa desenvólvese ao abeiro dun convenio de colaboración asinado en marzo entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense para a o fomento de actuacións universitarias de promoción da formación en Turismo no campus de Ourense e que redunden en beneficio da sociedade e do interese xeral da provincia. O obxecto destas axudas, tal e como recolle a súa convocatoria, é contribuír a sufragar o custo destes estudos e deste xeito contribuír tamén á promoción da formación de profesionais do sector turístico na provincia de Ourense. A iniciativa, apunta neste senso Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da UVigo, xorde tendo en conta que “dada a riqueza natural, patrimonial e cultural de Ourense, é necesaria a presenza de bos profesionais do sector turístico para favorecer e mellorar a calidade turística da provincia”.

45.000 euros dispoñibles

Segundo explica Natalia Caparrini, estas bolsas supoñen “unha moi boa oportunidade para atraer estudantado ao campus de Ourense en xeral e ao Grao enTurismo en particular e que estudantes que por falta de recursos económicos non poden permitirse realizar un grao fóra da súa contorna familiar, poidan dispor dunha axuda para cubrir gastos de desprazamento, manutención ou residencia, por exemplo”. O orzamento destas axudas ascende a un total de 45.000 euros e a contía máxima para cada estudante seleccionado será de 900 euros. Ademais concederanse unha contía máxima de 450 euros adicionais para nove estudantes coa mellor nota de acceso no curso 2022/2023 no Grao enTurismo e para un estudante coa mellor nota de acceso no PCEO Grao enTurismo-Grao en Xeografía e Historia.

Esta axuda é compatible con calquera outra axuda, e, en concreto, coa bolsa de carácter xeral para o curso académico 2022/2023 do Ministerio de Educación e Formación Profesional. O importe das bolsas, recolle a convocatoria, en ningún caso poderá ser de tal contía que de xeito illado ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o coste da actividade subvencionada. O prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de outubro de 2022. A selección das persoas beneficiarias será efectuada por unha comisión. No caso de alumnado que inicia estudos terase en conta a nota de acceso ao grao, no caso de alumnado que continúa estudos a nota media do expediente académico. En todo caso, sinálase na convocatoria, terá preferencia o alumnado que inicia estudos de grao en primeiro lugar e do programa conxunto en segundo lugar, fronte ao alumnado de continuación de estudos.

Un grao “participativo, internacional e dinámico”

Para o curso 2022/2023, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense oferta en primeiro curso 45 prazas no Grao en Turismo e 10 no do PCEO Turismo e Xeografía e Historia. Moi satisfeitos pola posta en marcha destas bolsas en canto redundarán tanto en beneficio primeiro do alumnado como posteriormente da contorna socioeconómica, desde o centro animan principalmente ao alumnado que agora acaba de rematar as ABAU a que coñezan as oportunidades que lles brindan estes estudos. O campus e a cidade de Ourense, salientan, “son perfectos para vivir a experiencia universitaria” e neste contexto, engaden, o Grao enTurismo sobresae polo seu “carácter participativo, internacional e dinámico” e por darlle ao seu alumnado un gran protagonismo no desenvolvemento da actividade do centro.

Neste senso, no eido formativo, desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo poñen en valor, ademais da calidade das instalacións e profesorado do centro, o desenvolvemento de todo tipo de actividades complementarias. No eido das prácticas, destacan aspectos como os plans de carreira existentes con cadeas hoteleiras internacionais, como RIU Centroamérica, Palladium, Ritz-Carlton, Hotusa e Paradores. O centro, indican, realiza “unha continua aposta pola mellor formación integral do alumnado e a súa integración no mercado laboral, presentando propostas dirixidas a mellorar sempre as súas competencias”. Ademais, recalcan a aposta pola internacionalización, con iniciativas  como a posibilidade de obter a dobre titulación de Turismo-Turismo de Cruceiros coa universidade alemá de Bremerhaven; a rede Erasmus con máis de 80 universidades europeas, e iniciativas como a International Week ou Joint Seminars, con profesorado e alumnado estranxeiro.

En primeira persoa

Entre as persoas que realizaron este Grao enTurismo están Andrea García (egresada en 2017 e actualmente traballando en Madrid, na empresa NH Hotel Group). “Estudar Turismo foi a mellor decisión. Eu tiña claro que quería estudiar Turismo e irme a Ourense facelo foi incrible, xa que nesta facultade fante sentir como na túa casa, tanto os compañeiros como moitos dos profesores”, sinala. Este grao, engade, “abre moitas portas laboralmente, moitas incluso que non nos plantexamos cando empezamos a estudar, e podemos chegar ata onde queiramos dentro dunha empresa ou emprendendo”. A piques de rematar esta titulación pero xa traballando no Hotel Hard Rock de Eivissa está Lucía Garza. “A proximidade ao meu lugar de residencia, a obrigatoriedade de cursar dúas linguas estranxeiras, as prácticas en cadeas de gran relevancia no sector turístico e as actividades interculturais como a International Week foron as principais razóns que me levaron a escoller esta facultade”, lembra. Unha vez realizado o grao, afirma que “sempre destaco da miña facultade o sentimento de familia, de pertenza a un lugar que che fai sentir que non es un número, senón que tes nome, apelidos e unha situación ao teu redor”.

“Aos que están indecisos de mudarse a Ourense, que non o dubiden. É a mellor cidade para estudar o Grao enTurismo, polo grande equipo de profesores que hai, polos espazos abertos dos que temos sorte de gozar no campus, polo ambiente da noite ourensá, pola vida cultural da cidade e tamén pola calidade de vida en canto aos prezos. Ourense acolle aos estudantes da mellor das maneiras”, engade Iria Juncal, egresada en 2017 e actualmente traballando no Hotel Quinta da Auga de Santiago de Compostela. Por último, Felipe Barcala, tamén a piques de rematar o grao e traballando xa no Hotel RIU en Costa Rica, pon en valor o carácter versátil deste grao, xa que, indica, “ten un pouco de números, un pouco de idiomas, un pouco de historia, de cultura, de patrimonio, etc”. A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, comenta, “é unha facultade dinámica e é doado estudar aí, danche facilidades e o profesorado é moi próximo”, destacando ademais como no seu caso “as prácticas curriculares fíxenas nun hotel en Berlín e despois entrei en RIU polo convenio que teñen coa facultade, polo que penso que non só as intencións da facultade son boas senón que moi acertadas tamén, pódese dicir que hai opcións”.