DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recibirán o galardón especial de COGAVE, un dos movementos sociais máis importantes de Galicia

Premio á innovación da Agrupación Aeroespacial da Universidade

O acto de entrega celebrarase este sábado 13 de decembro no Liceo de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 12/12/2014
Conseguiron un dos seus obxectivos principais: transmitir o que fan á sociedade. A Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo recibirá este sábado 13 de decembro un dos premios espaciais da Confederación Galega de Asociacións Veciñais, COGAVE, un dos movementos cidadáns máis importantes de Galicia con máis de 120.000 asociados distribuídos en 400 centros por toda a comunidade autónoma. “Se os veciños de Galicia dannos un premio é que cumprimos unha parte da nosa misión e que a cidadanía sabe o que facemos na Universidade de Vigo, tanto en traballos de investigación como de formación dos nosos alumnos e alumnas”, asegurou Arno Formella, un dos investigadores que forma parte do armazón que posibilitou a posta en marcha de Humsat e FemtoXat.

COGAVE entrega cada ano galardóns a personaxes ou entidades propostas polas súas federacións, pero nesta edición por primeira vez o Consello Confederal quixo entregar tres premios especiais, un deles á Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo por aglutinar a investigadores de distintos departamentos de todos os campus e como “recoñecemento social á investigación, á innovación , aos emprendedores... en definitiva, ao futuro deste país”. O vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, participará no acto de entrega de galardóns, que se celebrará a partir das 12 horas no Liceo de Ourense.

Traballos con Brasil

“Este galardón demostra que os galegos están informados de que na Universidade de Vigo fanse cousas interesantes e motivadoras e que somos punteiros tecnolóxicos, con investigadores con moita experiencia pero tamén cunha importante canteira á que intentamos formar ben”, salientou Formella, que lamentou a marcha de moitos destes novos investigadores fóra de España ao non existir en Galicia un tecido aeroespacial suficiente nin fortes investimentos. O equipo no que participa Formella encárgase desde o campus de Ourense da parte informática dos satélites e de desenvolver o software de abordo, “o cerebriño do satélite para que o resto de compoñentes, tamén moi importantes, funcionen”.

A Agrupación Aeroespacial está nestes intres participando no proceso de internacionalización no que se atopa inmerso a Universidade de Vigo mediante o desenvolvemento do que será o primeiro satélite do programa SERPENS, unha iniciativa para realizar experimentos con nanosatélites financiada pola Axencia Espacial Brasileira. Nesta iniciativa traballa un consorcio internacional formado por un instituto federal e catro universidades de Brasil, dúas de Estados Unidos, unha italiana e a propia Universidade de Vigo, encargada dunha plataforma de altas prestacións e unha carga útil evolucionada de Humsat. A organización prevé poder lanzar este primeiro satélite na segunda metade de 2015 dende a Estación Espacial Internacional a través do foguete Falcon 9 de SpaceX.

Máis dunha ducia de premios

Xunto á Agrupación Aeroespacial, os outros galardóns especiais de COGAVE serán para a Fiscalía de Ourense e para as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Galicia. En canto aos premios das federacións, Ourense propuxo facer un recoñecemento público a Cáritas Galicia; Pontevedra a Calor e Café e a Leonor González Prieto pola súa loita polos dereitos sociais; Cangas a Ángela Rodas Castro, do Comedor Social da comarca; Ferrol a dúas coñecidas personaxes da cidade, Emilio Romero Suárez e Trinidad Seco López; A Coruña á Cocina Económica e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil; e Lugo ao alcalde da cidade, José López Orozco e a Jesús Vázquez Varela.