DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu autor é o historiador Rubén Castro

O Premio Taboada Chivite distingue un traballo que explica a orixe da diversidade de medida dos ferrados

A súa hipótese apunta a que o mapa metrolóxico correspóndese nun 92% co mapa dos antigos concellos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Investigación
DUVI Ourense 04/10/2019

O premio da 2ª Edición do Premio Xesús Taboada Chivite, convocado pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín co apoio técnico de profesorado do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo, foi concedido por unanimidade este venres a Rubén Castro. No traballo galardoado, titulado De señores, señoríos e medidas do país: cartografía metrolóxica da Galicia moderna, o historiador lanza unha hipótese para explicar por que a medida dos ferrados é tan diversa no territorio galego.

A colaboración nesta segunda edición do premio, que estaba sen convocarse desde o ano 2007, do profesorado da Facultade de Historia Susana Reboreda, Fermín Pérez, Adolfo Fernández, Jesús de Juana e Julio Prada, materialízase nunha asistencia técnica que abrangue a divulgación do premio, a revisión das bases da convocatoria, a selección do panel do xurado, a avaliación das candidaturas e a organización do acto de entrega do galardón, que se celebrará en Verín. Os integrantes do xurado, que se reuniron este venres en Monterrei, foron Fátima Brañas, antropóloga e profesora Facultade de Ciencias de Educación do campus de Ourense; Xulio Rodríguez, arqueólogo e director do Museo Arqueolóxico de Ourense; Xosé Carlos Sierra, arqueólogo e antigo director do Museo Enolóxico de Ribadavia, e Pedro López e Roberto López, historiadores e profesores da Universidade de Santiago de Compostela. Na súa resolución o xurado resalta o traballo de investigación levado a cabo polo autor da investigación, valorando que “parte dunha hipótese de interese que conxuga a metroloxía coa xurisdición e trata os ámbitos de historia política, administrativa e social, achegando unhas conclusións e un apartado cartográfico que este xurado entende son de relevancia para os campos académicos sobre os que versa esta edición”.

“Unha cousa moi galega”

“A idea deste traballo naceu para dar resposta a unha cousa moi galega como é por que as medidas tradicionais, como os ferrados de superficie, miden diferente en moitas partes de Galicia e porén hai sitios nos que miden igual a pesar de estar afastados. Quería dar resposta á distribución das medidas tradicionais”, comenta Rubén Castro, actualmente investigador posdoutoral da Xunta de Galicia na Universidade París 1 Sorbona. A teoría aceptada, indica, “era a do caos, que non había ningunha orde” e no seu traballo propúxose “buscar algunha cousa que xustificase esa aparente desorde”.

No seu traballo Rubén Castro lanza a hipótese de que o mapa da distribución das medidas dos ferrados é idéntico nun 92% ao mapa dos concellos antigos, das xurisdicións, que se prolongan desde a parte final da Idade Media ata toda a Idade Moderna, ata o século XIX. “Superpoñendo as dúas distribucións, a política e a metrolóxica, resulta que saltou a chispa”, sinala o historiador. Unha mesma xurisdición, detalla, tiña as medidas de ferrado iguais para todo o seu territorio pero, advirte, estas xurisdicións, aos contrario que acontece cos concellos actuais, estaban repartidas en anacos separados xeograficamente, de aí a diversidade actual. “A idea xurdiu realmente cando miraba por casualidade o que pasaba no concello onde nacín, en Begonte”, comenta o historiador. Ese concello, indica, non existía na Idade Moderna, estando o seu territorio dividido en moitas xurisdicións. “Dinme conta de que dúas parroquias deste concello que compartían xurisdición a pesar de non estar pegadas xeografifcamente compartían o tamaño dos seus ferrados. Entón pensei que iso podería ser o que pasara no resto de Galicia”, afirma Castro. Comprobando esta hipótese no resto de concellos, atopou que “o 92% dos valores das medidas de ferrados son iguais dentro da súa xurisdición” e que “todo se explica a partir da planta dos concellos antigos”.

Satisfacción

Sobre a concesión do premio, Rubén Castro indica como a título persoal está “moi agradecido á mancomunidade e ao xurado por ter valorado este traballo de investigación, xa que seguro que se presentaron outros de igual ou maior calidade”. A título máis amplo, o historiador recalca como “é unha gran satisfacción que haxa institucións que aposten por traballos de investigación, pois hai moi poucos premios coma este, sobre todo no ámbito das humanidades. É unha gran sorte que haxa este tipo de iniciativas para lanzar traballos de xente nova”.