DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As profesores e investigadoras recolleron o galardón no acto institucional do Día Internacional da M

O Premio Uviguala recoñece o feminismo vital e académico de Purificación Mayobre e Beatriz Suárez Briones

Carme Adán reflexionou sobre unha crise e unhas políticas que fixeron ás mulleres "máis desiguais na

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 07/03/2014

Por impulsar a institucionalización dos estudos de xénero na Universidade de Vigo coa posta en marcha dun máster pioneiro en Estudos de Xénero. Por promover a creación de grupos de traballo e de investigación en diversas áreas dende unha óptica feminista. Por contribuír a situar no mapa das universidades españolas á Universidade de Vigo como referencia en estudos de xénero e teorías feministas. En definitiva, e como se recolle no acordo da Comisión de Igualdade do 17 de febreiro, “polo seu compromiso coa loita da igualdade entre as mulleres e os homes, acórdase conceder o II Premio de Compromiso coa igualdade de xénero da Universidade de Vigo Uviguala 2014 a Purificación Mayobre Rodríguez e a Beatriz Suárez Briones”.

Agradecidas e emocionadas pola distinción e cunha bagaxe de loita constante ás costas, as docentes e investigadoras Beatriz Suárez Briones, do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura e Purificación Mayobre, do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía, recolleron este venres o premio no transcurso do acto institucional da Universidade de Vigo co gallo do Día Internacional das Mulleres. Artífices dun Máster en Estudos de Xénero pioneiro en España que se impartiu durante sete anos, quixeron compartir a distinción coas docentes e alumnas que o fixeron posible “e actúan na actualidade como textos vivos deste posgrao”, destacou Mayobre. En especial dedicaron o premio a Mª Jesús Fariña, “directora na sombra deste mestrado” e á profesora da Universidade Complutense, Silvia Tubert, recentemente falecida, como explicou Suárez Briones.

O reitor da Universidade, Salustiano Mato, subliñou que con este galardón se recoñece “o labor de promoción de igualdade de xénero no eido da comunidade universitaria, animando ás boas prácticas en igualdade e impregnando de perspectiva de xénero todos os eidos da Universidade, axudando tamén a recoñecer modelos de referencia que promovan a transmisión de valores igualitarios”.

Dúas loitadoras pola igualdade

Suárez Briones e Mayobre son dous referentes do feminismo dentro e fóra da Universidade de Vigo con décadas de traballo e loita ás costas en defensa da igualdade real e efectiva dende o activismo e dende a investigación académica. Beatriz Suárez Briones é profesora de Crítica Literaria e a súa liña de investigación céntrase na teoría feminista e nas súas intersecións coa teoría da sexualidade, a psicoanálise e a escritura. Foi presidenta de Legais, o colectivo LGTB de Vigo e asesora do presidente da Xunta de Galicia en materia de xénero e dereitos civís entre 2005 a 2009. É autora e editora de libros como Las lesbianas (no) somos mujeres. En torno a Monique Wittig.

Purificación Mayobre é profesora da área de Filosofía investigadora en teoría e historia feminista; educación e xénero; xénero e liderado; TIC e xénero, entre outros. Foi unhas das fundadoras da Cátedra Caixanova de Estudos Feministas e presidenta do Seminario Interdisciplinario de Estudos de Xénero. É autora e coordinadora de varias publicacións como Xénero e Política ou O feminismo onte e hoxe.

Na súa intervención, as premiadas analizaron o momento que o feminismo e a igualdade están a vivir na actualidade e explicaron que, se uns anos atrás “estabamos o alto da onda poñendo en marcha organismos e leis específicas, agora mesmo estamos no punto máis baixo da onda”. E isto reflíctese tamén no feminismo académico, polo que demandaron unha maior implicación da Universidade para “remontar esa onda e asumir o reto da igualdade”. Para iso destacaron a necesidade dun relevo xeracional no feminismo académico “con novas persoas xa formadas no eido da igualdade” pero tamén demandaron o compromiso da institución para revitalizar iniciativas como a Cátedra de Estudos Feministas, unha luva que foi recollida polo reitor, que avogou por "buscar novas fórmulas" para recuperar esta cátedra.

Desiguais na desigualdade

A parlamentaria do BNG e secretaria xeral de Igualdade durante o bipartito, Carme Adán, foi a encargada de impartir un conferencia maxistral na que se centrou no impacto da crise na igualdade social e de xénero. Entre 2008 e 2013, 58.000 mozas deixaron Galicia pola crise, unha cifra que amosa que a crise pon á pobreza rostro de muller. “Máis pobreza feminina, máis exclusión e traballos máis vulnerables fan que as mulleres sexamos máis desiguais na desigualdade” recoñeceu. Este forte impacto da crise entre as mulleres fixo que Adán dubidase da efectividade das políticas de igualdade que non resistiron o impacto da crise. "Pode que tivesen un sesgo de clase, pode que equivocasen o foco e se centrasen no simbólico, preocupándonos polo teito de cristal e obviando á maioría das mulleres”. A parlamentaria amosouse moi crítica cos recortes en igualdade que se levaron a cabo coa escusa da crise pero cun carácter marcadamente ideolóxico. Isto reflictese, na súa opinión, nun novo imaxinario colectivo sobre as mulleres que pretende devolvelas á casa. "Atopamos modelos de mulleres sumisas dispostas a renunciar á súa vida e á súa profesión, que só senten realizadas a través do amor e da maternidade”. Son discursos que considera sutís pero que o van impregnando todo con conceptos tan perigos como os empregados na reforma de lei do aborto, que se refire aos dereitos das mulleres embarazadas, no lugar dos dereitos das mulleres. Na súa opinión, a palabra igualdade "está a quedar baleira de contido feminista" e as políticas de igualdade, "se non son feministas, non son nada”.

As alumnas tamén alzan a voz

O acto concluíu coa lectura dun manifesto por parte de dúas estudantes do Grao en Educación Primaria no campus de Pontevedra no que, se ben identificaron o camiño que aínda queda por recorrer para acadar unha igualdade real nas universidades e na sociedade, tamén quixeron recoñecer o esforzo de todos e todas aquelas que dentro da comunidade universitaria levan anos traballando para mudar a realidade. Daisy Alcalde e Patricia Agulla apelaron á rebeldía da xuventude para loitar contra a discriminación e a desigualdade, “non queremos xeracións acomodadas, resignadas á realidade”. Houbo unha lembranza tamén para as mulleres asasinadas “polo terrorismo máis forte da nosa sociedade e o máis difícil de parar, o terrorismo machista” e unha denuncia do ataque que supón a reforma da lei do aborto, “froito da violencia estrutural coa que vivimos as mulleres”.

Finalmente, e dentro das actividades programadas nesta data pola Unidade de Igualdade, esta noite, entre as 20.30 e as 00.00 horas, a praza da Constitución acolle a proxección das obras das 86 artistas que participaron nas tres edicións do Proxecto de Visibilización Artistas, que ten como finalidade dar a coñecer e pór en valor o traballo realizado polas creadoras novas da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra.