DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O certame está organizado pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín

O Premio Xesús Taboada Chivite distinguirá un traballo de investigación en arqueoloxía, antropoloxía ou historia

Profesorado do Departamento de Historia, Arte e Xeografía participa na súa xestión

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Divulgación
  • Premios
  • Investigación
DUVI Ourense 24/04/2019

Tras estar se convocarse desde o ano 2007, o Premio Xesús Taboada Chivite, organizado pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín, volve de novo á palestra e faino contando coa colaboración de profesorado do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo. Ao certame, cuxas bases xa son públicas, poden presentarse “traballos inéditos de investigación científica sobre temas históricos, antropolóxicos e arqueolóxicos, referidos ao ámbito territorial da antiga Gallaecia ou que estuden as relacións de Galicia e Portugal ao longo da historia”.

A colaboración nesta segunda edición do Premio Xesús Taboada Chivite (2ª etapa) do profesorado da Facultade de Historia do campus de Ourense Susana Reboreda, Fermín Pérez, Adolfo Fernández, Jesús de Juana e Julio Prada materialízase nunha asistencia técnica que abrangue a divulgación do premio, a revisión das bases da convocatoria, a selección do panel do xurado, a avaliación das candidaturas e a organización do acto de entrega do galardón, que se celebrará en Verín. “Para nós é moi importante esta iniciativa no senso de que unha vez máis estamos interaccionando coa contorna e abríndonos a unha tarefa nova”, comenta Susana Reboreda en nome do equipo do Departamento de Historia, Arte e Xeografía participante.

Prazo aberto ata o 1 de setembro

O galardón, que conta co apoio da Deputación de Ourense, ten como fin homenaxear a obra de Xesús Taboada Chivite e promover traballos de investigación científica nos ámbitos da arqueoloxía, a antropoloxía e a historia. A súa convocatoria, recentemente feita pública, recolle que os traballos que se presenten deben ser inéditos, ter unha extensión mínima de 150 páxinas e máxima de 300 e estar escritos en galego, portugués ou castelán. O prazo de presentación de traballos comeza o día 1 de xullo e remata o día 1 de setembro de 2019.

O xurado que avaliará as propostas presentadas estará composto por cinco membros de recoñecido prestixio vinculados a institucións ou entidades científicas relacionadas coa temática do premio. O autor ou autora do traballo gañador recibirá a cantidade de 6000 euros, podendo o premio quedar deserto se o xurado así o estimase. O traballo premiado será publicado, reservándose a organización do premio todos os dereitos da publicación, sen limitación de exemplares nin de edicións, con expresa reserva dos dereitos de edición en calquera lingua, que poderá ceder a terceiros de estimalo oportuno. No caso de suxerilo a editorial, o autor ou autora, que renunciará aos dereitos económicos da obra publicada e recibirá de balde 30 exemplares da obra, comprométese a axustar o volume e o estilo ao formato requirido. Previamente á entrega do galardón, o ou a premiada ofrecerá unha conferencia sobre o seu traballo.