DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O certame do CIM, que acada a súa 3ª edición, visibiliza o traballo das investigadoras

Premios Marie Tharp para tres vídeos sobre adaptación de especies invasoras, factores de crecemento dos peixes e historia ambiental da ría de Vigo

Jessica Calo, Alejandra García e Nerea Cazás recibiron hoxe os seus galardóns 

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • HRS4R
  • Igualdade
  • Investigación
  • Premios
  • Investigación
DUVI 10/02/2025

Co gallo das celebracións do Día Internacional da Muller e a Nena a Ciencia, o Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo, entregou este luns os galardóns do concurso Marie Tharp 2024 cos que se procura dar visibilidade ao traballo desenvolvido polas mulleres investigadoras no ámbito mariño. Na terceira edición dos premios Jessica Calo, Alejandra García e Nerea Cazas recibiron cadanseu galardón por tres vídeos divulgativos dun minuto de duración nos que explican de xeito ameno e accesible ao publico as investigacións que desenvolven no CIM.

O director do CIM, Daniel Rey, destacou no acto de entrega dos premios, celebrado este mediodía, que esta iniciativa non só recoñece a excelencia científica das investigadoras, senón que tamén permite achegar o seu traballo á sociedade, facendo que a ciencia mariña sexa máis accesible e inspiradora para as novas xeracións. “A ciencia precisa de todas as súas voces, e no CIM seguiremos traballando para garantir que o talento feminino teña o espazo e o recoñecemento que merece”, afirmou.

Pola súa banda, a directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Yolanda Rodríguez, destacou que "o talento e a experiencia teñen nome de muller. Este premio representa un catalizador esencial para captar talento novo e feminino, fomentando así a presenza das mulleres no ámbito científico. Ademais, iniciativas coma esta son fundamentais para motivar e impulsar a traxectoria académica e investigadora das novas xeracións de científicas, contribuíndo á eliminación das barreiras de xénero e á consolidación dunha ciencia máis igualitaria e diversa”.

Mentres, a presidenta da Comisión de Igualdade e Sostibilidade do CIM, Ana Bernabeu, incidiu na importancia deste certame como unha ferramenta de divulgación e visibilización do talento feminino na ciencia mariña e o compromiso do centro coa promoción da igualdade no ámbito científico. “Esta iniciativa pretende “visibilizar o talento das novas investigadoras, recoñecer o seu traballo e contribuír activamente á construción dun entorno máis equitativo na ciencia”, dixo Bernabeu, que tamén destacou a necesidade de impulsar accións concretas que permitan fortalecer a carreira das mulleres científicas e crear referentes para as futuras xeracións. 

As investigacións premiadas: o océano desde múltiples perspectivas

Na terceira edición deste certame, ao que concorreron, seis pezas audiovisuais recoñeceuse, na categoría posdoutoral, o traballo de Jessica Calo, unha peza audiovisual que afonda na importancia dos factores de crecemento de fibroblastos (FGFs) na regulación da inxesta alimentaria dos peixes. A súa investigación busca entender o papel destas proteínas, fundamentais para o metabolismo e o desenvolvemento dos organismos, co obxectivo de optimizar a eficiencia alimentaria na acuicultura e garantir o benestar dos peixes en cultivo.

Pola súa banda, Alejandra García foi galardoada na categoría predoutoral polo seu vídeo sobre a capacidade de adaptación das especies invasoras acuáticas, centrando no caracol da lama (Potamopyrgus antipodarum). A través do seu estudo, analiza como estas especies logran prosperar en hábitats diversos e que impacto poden ter nos ecosistemas mariños, un coñecemento esencial para a xestión destas especies e a protección da biodiversidade autóctona.

A mención especial foi para Nerea Cazás, que afondou no pasado ambiental da ría de Vigo a través do estudo da súa vexetación primixenia. Mediante a análise de testemuños de sedimentos acumulados desde o último máximo glaciar, a súa investigación permite reconstruír os cambios ambientais e climáticos da ría ao longo de milenios. Estes resultados non só achegan información importante sobre o pasado, senón que tamén permiten anticipar o impacto do cambio climático nos ecosistemas e na biodiversidade futura.

Os galardóns foron entregados polas gañadoras da pasada edición, nun xesto que simboliza a continuidade desta iniciativa e o seu impacto no impulso da igualdade de xénero no eido científico. Os premios, dotados con 1000 euros por categoría e 500 euros por mención especial, están destinados á adquisición de material informático ou á asistencia a congresos.

Gañadoras das primeiras edicións

Desde a súa primeira edición en 2022, o concurso Marie Tharp consolidouse como unha cita anual para as investigadoras do CIM. Na primeira edición do premio, a gañadora na categoría posdoutoral foi Sara Gamboa Jurado-Centurión; na categoría predoutoral, María Alborja Valado; e a mención especial foi para Iria García Moreiras. Na convocatoria do premio do 2023, na categoría posdoutoral a gañadora foi Sara Comesaña; na categoría predoutoral Estefanía Pereira e o galardón na mención especial foi para Elisa Osorio.