DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preparación para o exame do diploma Celga de man da Área de Normalización Lingüística

Ábrese o prazo para a aprendizaxe da lingua vasca

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 31/01/2008

O 11 de febreiro é a data de inicio do período de matriculación nos cursos de lingua galega que a Área de Normalización Lingüística pon en marcha de xeito gratuíto para os membros da comunidade universitaria e ao prezo de 50 euros para o público en xeral.
Dentro dos niveis inicial e intermedio, os estudantes Erasmus teñen a posibilidade de asistir a un curso presencial, de 75 horas de duración, que dará comezo o 4 de marzo, mentres, as persoas sen coñecemento da lingua galega poderán asistir ao Celga 1 en modalidade semipresencial e aqueles que xa teñan certa competencia lingüística teñen á súa disposición o curso Celga 4. Nestes dous casos a Universidade expedirá unicamente un certificado de asistencia,posto que o diploma oficial obterase unha vez superada a proba de avaliación establecida pola Xunta de Galicia.
Os cursos específicos de redacción de textos escritos, en modalidade virtual, e de galego oral, que require a asistencia a clase, están dirixidos a persoas con amplos coñecementos do idioma e a data fixada para o seu inicio é o 3 de marzo.

Curso de iniciación á lingua vasca

De xeito gratuíto, os interesados na aprendizaxe da lingua vasca teñen de prazo ata o 25 de febreiro para inscribirse nunha das corenta prazas do curso que a Área de Normalización Lingüística, en colaboración do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, pon á súa disposición.
As clases terán lugar todos os mércores entre o 3 de marzo e o 14 de maio en horario de 15.00 a 17.00 horas e o encargado de impartir as 40 horas de docencia será o profesor Isaac Xubín, licenciado en Filoloxía Galega e Euskal Filologiaren Lizentziaduna.
Para obter o certificado de asistencia e aproveitamento do curso, os alumnos terán que superar a proba escrita establecida polo profesor e asistir como mínimo ao 80% das clases.