DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Como antesala ao festexo da patroa da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

A presentadora e actriz Teté Delgado amosou a súa visión da carreira do actor na derradeira xornada de "CultuKata’ 08"

A semana cultural se clausurará coa participación do director David Hernández

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 23/04/2008
Tras unha intensa semana repleta de conferencias, proxeccións e mesas redondas, CultuKata’ 08, unha iniciativa dos alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para festexar a súa patroa, pechou as súas portas ata o ano que ven ofrecendo unha xornada de cine da man da presentadora e actriz de televisión Teté Delgado e do guionista e director de curtametraxes, David Hernández. Ambos profesionais foron convidados polos estudantes do centro coa finalidade de “achegar aos compañeiros a experiencia destes dous expertos que levan varios anos traballando nos medios”, explicou Cristina Costa, responsable da actividade.
Nun ton distendido e como se fose unha reunión de amigos, Teté Delgado dirixiuse aos asistentes para aportarlles a súa visión da carreira do actor e as vantaxes e os inconvenientes que ten traballar nese medio. “A nosa vida é como unha montaña rusa, unhas veces estás arriba e outras abaixo, é unha profesión moi inestable e moitas veces é difícil situarse”, comentou a presentadora galega. Por outro lado, Teté Delgado tamén incidiu nos bos momentos e nas grandes experiencias que se van adquirindo ao estar constantemente coñecendo a xente nova e traballando en lugares diferentes con persoas moi variadas. A coñecida actriz destacou aos alumnos que a profesión de actor é “unha carreira de fondo se queres manterte aí toda a vida”, e que o mundo da prensa rosa sinxelamente é “pan para hoxe e fame para mañá”, subliñou Teté Delgado.
Ao longo da súa charla non faltou tempo para aportar consellos e recomendacións aos rapaces, como o feito de que hoxe en día o mundo audiovisual está mudando e o importante é saber un pouco de todo, “xa que nunca sabes por onde pode saír unha boa oportunidade”, dixo a presentadora.

Unha ampla traxectoria e un futuro cheo de proxectos

Nesta derradeira xornada de CultuKata’ 08, Teté Delgado adiantou algúns dos proxectos que ten previstos para o futuro máis próximo, ademais de contar todo tipo de experiencias e curiosidades ao longo da súa ampla traxectoria. Actualmente a actriz traballa na rodaxe dunha película do director Daniel Sánchez Arévalo e participa no Teatro Español con algunha representación. Por outra banda e facendo alusión a outras facetas artísticas, Teté comentou a súa ilusión por volver a formar un grupo musical que xa creara anos atrás e do que afirma que “enriba dun escenario e cunha banda detrás, non necesito nada máis. Iso é a plena felicidade”, comentou.

David Hernández clausurará CultuKata’ 08

A semana cultural clausurase ata o vindeiro ano coa conferencia do guionista, David Hernández, na que achegará aos asistentes o mundo da curtametraxe e a importancia do labor dun director de fotografía nunha produción audiovisual. Este profesional da pantalla grande destaca pola flexibilidade das súas obras e pola multitude de facetas que desenvolve en cada proxecto. A luz en inverno (2007), Febreiro, domingo (2006), Dentro (2006) ou Viaxe a Finlandia (2005) son algún dos seus traballos máis salientables.