DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acto estivo organizado co Google Developer Group Ourense

O presente e futuro da computación cuántica centra unhas xornadas na Escola Superior de Enxeñaría Informática

Un centenar de persoas inscribíronse na actividade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Académica
DUVI Ourense 10/09/2025

Tras o arranque este luns do curso académico 2025/2026 os centros e escolas do campus de Ourense están retomando progresivamente a súa axenda de actividades. Entre os primeiros estivo este mércores a Escola Superior de Enxeñaría Informática, onde se celebrou a xornada Computación Cuántica: Presente ou Futuro?, organizada por Google Developer Group Ourense co apoio desta escola. 

A actividade presentouse como “unha ocasión incomparable para explorar a vasta e enigmática esfera do fascinante ámbito da computación cuántica e as súas aplicacións potenciais, que poderían revolucionar a tecnoloxía tal e como a coñecemos”. Segundo indican desde a súa organización, o evento foi deseñado especialmente “para aqueles que desexan mergullarse en tecnoloxías emerxentes e establecer contactos valiosos con persoas igualmente apaixonadas por estes temas”, ofrecendo a oportunidade de participar en debates interactivos e talleres prácticos deseñados para fomentar a aprendizaxe e a colaboración.

O número de persoas inscritas ascendeu a un centenar, maioritariamente alumnado dos graos de Enxeñaría Informática e Intelixencia Artificial que se imparten na Escola Superior de Enxeñaría Informática pero tamén alumnado de posgrao, profesionais e outras persoas interesadas. A sesión, en horario de mañá e tarde, correu a cargo de Javier Mas Solé, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela coordinador do programa TalentQ do proyecto Quantum Spain, e David Olivieri, profesor da Universidade de Vigo. Ademais, no seu arranque contou coa participación de Arno Formella, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, e de membros da organización do evento. 

Dos principios básicos á interacción real

A sesión arrancou cunha introdución aos principios básicos da programación cuántica, detallando os conceptos fundamentais de superposición, entrelazamento e decoherencia. De seguido realizouse unha análise detallada da estado da arte do hardware cuántico, incluíndo os novos desenvolvementos que chaman a atención da comunidade investigadora internacional. Ademais, o público asistente tivo “unha oportunidade única para interactuar directamente co QMIO, o ordenador cuántico actual situado no prestixioso Cesga”, experiencia que lles permitiu observar de primeira man como se implementan algoritmos cuánticos nunha contorna real. 

O evento non só se centrou no hardware cuántico, senón que tamén incluíu sesións enfocadas en quantum machine learning, a aprendizaxe automática cuántica, que é o estudo de algoritmos cuánticos que resolven tarefas de aprendizaxe automática. Neste caso, as persoas participantes achegáronse tanto á súa evolución teórica como ás súas novas aplicacións prácticas e á linguaxe de modelado Qt coa idea de obter “unha perspectiva integral sobre como estas innovacións están a remodelar o futuro de campos vangardistas como a intelixencia artificial e a computación cuántica”. Ademais, na xornada discutiuse en profundidade a posibilidade de que poida converxer coa intelixencia artificial xeral, “un tema que suscita debates apaixonados entre os expertos”, tal e como indican desde a organización do evento. 

A organización da actividade correu a cargo de membros do Google Developer Group Ourense: Rubén Fernández, Manuel Alonso, Lorena Otero e Javier Pérez (membros da Universidade de Vigo); Cesáreo González (ViewNext), Brais Fontán (CTAG) e David Asensio.