DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celébrase este xoves e venres no Centro Cultural Marcos Valcárcel

O presente e futuro dos servizos municipais, a análise no segundo congreso da Rede Localis

Participan arredor de 70 expertos e expertas tanto do eido académico como profesional

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Transferencia
Rosa Tedín DUVI Ourense 21/06/2018

O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense acolle este xoves e venres a celebración do II Congreso da Rede Localis. A cita, organizada polo Grupo de Investigación Governance and Economics Research Network Gen da Universidade de Vigo e a Rede Localis, volve a reunir a expertos e expertas tanto do eido académico como profesionais da administración para avanzar nos grandes retos das entidades locais. Entre os temas abordados na súa primeira sesión estivo a necesidade de reformar os impostos municipais. 

A inauguración da cita, que nesta ocasión leva por lema Presente e futuro dos servizos municipais: a dimensión óptima, contou coa participación de Santiago Lago, director do congreso xunto a Concepción Campos e responsable do Grupo Gen, e Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial, destacando este último a colaboración existente entre o ente provincial e o grupo de investigación universitaria. Neste senso, Santiago Lago comezou igualmente recalcando esta colaboración, materializada na sinatura dun convenio de colaboración que ten como obxectivo fomentar o coñecemento no eido local. 

O obxectivo desta cita, afirmou Santiago Lago durante a apertura, “é integrar, xuntar, mesturar, dous mundos que tratan sobre o mesmo pero que o traballan en espazos diferentes e en lóxicas non sempre coincidentes: o da academia e o dos profesionais”. Así, destacou, o congreso reúne expertos e expertas procedentes de diferentes universidades, tanto do eido do dereito como da economía, e a expertos e expertas procedentes da administración local ou de entidades relacionadas, como deputacións. “Uns e outros podemos aproveitarnos dos nosos coñecementos”, comentou o director do Grupo Gen. Lago tamén destacou o feito de que a Rede Localis e este congreso teñan a súa sede en Ourense pero que traballen con vocación galega e estatal. “A nosa aposta é Ourense”, dixo.

Reforma dos tributos

Trala inauguración, Cristina García-Herrera, directora de estudos do Instituto de Estudos Fiscais, do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e profesora da Universidade Complutense de Madrid, deu a conferencia inaugural. A súa intervención centrouse en ofrecer algunhas notas sobre as necesidades e posibilidades de reforma dos sistema tributario local. “É necesario reformar algúns dos tributos esenciais”, afirmou. Deste xeito, a relatora abordou para as e os asistentes tanto as posibles medidas que se poderían tomar para modificar os impostos existentes como outros novos tributos que se poderían crear. Trátase, afirmou, de mellorar e sobre todo actualizar “un sistema arcaico, antigo” porque son tributos de carácter indiciario, creados pensando en facilitar a xestión da administración local, pero non axustados á capacidade económica real dos que na actualidade teñen que tributar. 

Segundo explicou García-Herrera, esta reforma do sistema tributario local sería necesaria para acadar “uns impostos máis xustos e unhas administracións locais máis potentes”. Entre os impostos que detallou que necesitan reforma citou o IBI, o Imposto de Bens Inmobles, o IAE, o Imposto de Actividades Económicas, e o Imposto de Plusvalía, declarado inconstitucional o pasado ano segundo comentou. En cada caso debullou posibles escenarios de reforma que permitirían renovar o actual modelo. “Estamos falando de tributos moi antigos que persistiron no tempo cando estamos nunha sociedade que demanda tributos máis modernos e adaptados á realidade social”, afirmou a directora de estudos do Instituto de Estudos Fiscais.  

E moitos outros temas   

Coa intervención de Cristina García-Herrera arrancou un amplo programa de conferencias, paneis e sesións nos que participan expertos e expertas de diferentes puntos da xeografía estatal procedentes tanto do eido da administración, como da universidade como da empresa privada. Elas e eles abordarán cuestións como o control financeiro e auditoría nas entidades do sector público local; os datos abertos ao servizo da transparencia e as chaves para a reforma do financiamento local. Tamén haberá tempo para tratar cuestións como o dimensionamento da planta local para unha axeitada prestación de servizos municipais; o novo modelo de gobernanza na contratación pública local ou a avaliación da AIReF do cumprimento da normativa de estabilidade orzamentaria no ámbito local.