Promovida pola Universidade de Vigo e a Escuela Naval Militar
O presidente de Telefónica protagoniza unha nova conferencia da Cátedra Álvarez-Ossorio
José María Álvarez-Pallete impartirá este mércores un relatorio con entrada libre, previa inscrición
Impulsada en 1994 pola Universidade de Vigo e a Armada como órgano de relación institucional para temas culturais, científicos, técnicos, humanísticos e de interese común, a Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio ten nas contribucións de España na esfera internacional o eixe central da súa programación no presente curso. Nela insírese a conferencia que este mércores levará á Escuela Naval Militar (ENM) a José María Álvarez-Pallete López, presidente executivo de Telefónica, compañía que neste 2024 alcanzaba os cen anos de historia convertida nunha das maiores operadoras de telecomunicacións do mundo.
Hic sun dracones, frase empregada antigamente nos mapas para referirse a territorios descoñecidos, é o título da conferencia que o presidente de Telefónica impartirá este mércores 4, ás 19.00 horas, no salón de actos da ENM, en Marín. Como destaca Eva María Lantarón, vicerreitora do campus de Pontevedra e membro do comité da cátedra, actividades como este relatorio constitúen "unha valiosa oportunidade para fortalecer a colaboración entre a Universidade de Vigo e a ENM", á vez que permiten pór o foco na "importancia da innovación e o liderado empresarial no desenvolvemento de España". Deí que poña de relevo que esta conferencia "non só enriquece a formación académica, senón que tamén promove a transfernencia de coñecemento á sociedade", á vez que fomenta o "intercambio de ideas e experiencias, servindo de inspiración ás novas xeracións para contribuír no progreso da sociedade".
Licenciado en Ciencias Económicas pola Universidad Complutense de Madrid, Álvarez-Pallete incorporouse en 1999 ao grupo Telefónica como director xeral de Finanzas de Telefónica Internacional. Ese mesmo ano, pasou a ocupar o cargo de director xeral de Finanzas Corporativas de Tefelónica SA e en 2002 foi nomeado presidente executivo de Telefónica Internacional. Entre 2006 e 2011, exerceu como director xeral de Telefónica Latinoamérica, para logo ser nomeado presidente executivo de Telefónica Europa e, en 2012, conselleiro delegado de Telefónica SA, pasando en 2016 a converterse no presidente executivo dunha compañía que opera en trece países e contou en 2023 cuns ingresos de máis de 40.000 millóns de euros. A traxectoria profesional de Álvarez-Pallete levouno a ser recoñecido como mellor CEO de España pola revista Forbes en 2016, ano no que o Consejo Superior de Deportes (CSD) concedeulle o ingreso na Real Orden del Mérito Deportivo, na categoría de medalla de bronce. En 2016, foille concedida a Cruz do Mérito Militar con distintivo branco, recibiu o premio ao directivo do ano pola Asociación Española de Directivos e foi elixido 'líder empresarial do ano' pola Cámara de Comermcio España-Estados Unidos. A estas distincións sumaríanse posteriormente o premio Ecofin ao Financeiro do Ano, en 2020; o seu nomeamento como embaixador honorario da Marca España en 2021; ou o Premio ao Empresario do Ano que en 2022 lle outorgaba a UPF Barcelona School of Management. Álvarez-Pallete converteuse así mesmo en 2023 en doutor honoris causa pola Universidade CEU San Pablo e un ano antes, era elixido presidente da GSMA, a asociación que engloba os maiores grupos de telecomunicacións e industrias afíns do mundo, converténdose no primeiro executivo dunha compañía española en asumir a presidencia desta organización.
Terceira conferencia do curso
A conferencia contará con entrada libre, previa confirmación de asistencia, que pode relaizarse no correo electrónico enmsecretaria@fn.mde.es ou no teléfono 986 80 47 10, ata este martes 3 de decembro. As e os interesados deberán indicar o seu nome e apelidos, número de DNI e data de nacemento. Inserida nunha programación que busca reflectir a importancia de España e das e dos españois en diferentes ámbitos da sociedade, a de Álvarez-Pallete será a terceira conferencia do curso da Cátedra Álvarez-Ossorio, tras as protagonizadas en outubro polo Alto Representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade e vicepresidente da Comisión Europea, Josep Borrell, e o conselleiro delegado de Repsol, Josu Jon Imaz.