DUVI

Diario da Universidade de Vigo

UVigo e Concello de Pontevedra promoven o III Congreso Internacional de Mediación Lectora

Preto de 150 persoas reúnense nun encontro virtual sobre a lectura en tempos de pandemia

Os beneficios de ler e como achegar a poesía á infancia foron dúas das cuestións abordadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 22/04/2021

Coas súas 150 prazas cubertas, este xoves botou a andar a terceira edición do Congreso Internacional de Mediación Lectora, un evento que a Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra impulsan dentro da programación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil e que ten como eixo o labor dos diferentes axentes que contribúen a achegar a literatura á infancia e á mocidade. Despois de que a covid-19 obrigase a suspendelo o pasado ano, o congreso desenvolve desde este xoves de xeito virtual a súa terceira edición baixo o título de Emerxencia literaria: ler en tempos de pandemia. Faino a través do Campus Remoto da Universidade e coa súa inscrición completa por persoas tanto de dentro como de fóra de Galicia, que nas 12 conferencias que integran o seu programa poderán descubrir novas referencias literarias e experiencias de promoción da lectura da man de escritores, ilustradores, educadores e outra serie de profesionais.

“Neste tempo de pandemia a lectura volveu converterse nun resgardo e nun alento, ao mesmo tempo que intensificou o noso espírito reflexivo, aspectos todos eles fundamentais para afrontar o futuro con maior ilusión e decisión”, salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, na inauguración do congreso. Organizado pola Vicerreitoría, o Concello, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, a Rede Temática de Investigación Lijmi (Literaturas Infantiles y Juveniles en el Marco Ibérico e Iberoamericano) e o Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, o congreso celebrará as súas seguintes sesións o 29 de abril e o 6 de maio. Coordinado pola profesora de Ciencias da Educación e do Deporte Eulalia Agrelo, xunto coa tamén docente da Universidade de Vigo Isabel Mociño e a coordinadora do Salón do Libro, Eva Mejuto, na súa apertura participaron o vicerreitor do campus, que puxo o acento na “relevancia e pertinencia de manter este congreso en tempos de pandemia”, e a concelleira de Cultura, Carme Fouces, que sinalou ao Salón do Libro como o “ecosistema máis acaído” para abordar desde un punto de vista académico o papel da mediación lectora.

Pode a lectura curar?

A escritora Tamara Andrés foi a encargada de conducir, desde a sede da Vicerreitoría, a primeira xornada do evento, que buscou dar resposta a preguntas como "pode a lectura curar?", á que tratou de dar resposta o educador Jaume Centelles na primeira das conferencias. Autor de preto dunha vintena de contos e de diversos libros sobre literatura infantil, Centelles fixo referencia a dous estudos publicados recentemente na revista Social Science & Medicine, que apuntaban que a lectura “favorecía o benestar emocional”. As investigacións, explicou o que fora mestre e responsable da biblioteca escolar da Escola Sant Josep-El Pi de Hospitalet durante preto de 40 anos, contrapuñan grupos de “xente moi e pouco lectora” e observaban que, no caso dos primeiros, “alongábase a súa vida útil" e os seus niveis de estrés eran menores. Partindo desa referencia, Centelles buscou tamén dar resposta á pregunta de “para que” se le, analizando múltiples opcións, desde que se fai "para saber e atopar respostas” ata por divertimento, para finalmente pór o acento na idea de que “lemos para ter imaxinación, para imaxinar un mundo mellor”. 

Como achegarse á poesía

O congreso contou tamén coa intervención do poeta e director editorial de Xerais, Fran Alonso, quen se centrou na transmisión da poesía a un público infantil e xuvenil. Alonso lembrou que este xénero caracterizase pola súa “linguaxe singular”, na que “non existe o esquema tradicional para descodificar unha mensaxe” aplicable a outro tipo de textos, xa que as “palabras teñen outras motivacións e non teñen unha organización racional”. Por iso, sinalou que a poesía require un proceso de adaptación e achegamento, no que ao seu xuízo é necesario rachar con certos “tópicos” que rodean o xénero. Un deles, salientou, é que “non importa que non sexamos capaces de entender que nos quere transmitir un poeta”, xa que nun poema “as palabras teñen que dicirnos cousas que nós interpretamos desde a nosa propia experiencia”, de tal xeito que un mesmo texto “non di o mesmo a todas as persoas”. 

As capacidades da lectura en voz alta, nun relatorio da narradora Charo Pita, e os vínculos entre lectura e videoxogos, da man dos responsables do Museo do Videoxogo Galo Martínez e Luz Castro, formaron parte tamén das temáticas abordadas nesta primeira xornada.

Dous xoves por diante

Trala súa apertura, o congreso continuará o vindeiro 29 de abril, nunha sesión conducida por Sara Vila, que a escritora Mar Benegas falando de obras que abordan temáticas “tabú” na literatura infantil, como a morte. Nesta xornada participarán tamén a ilustradora Luz Beloso, o humorista Hematocrítico e o escritor Freddy Gonçalves, que abordará como facer que a mocidade non perda os hábitos lectores adquiridos na infancia. 

O congreso pecharase o 6 de maio cunha sesión que abrirá o Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil Jordi Sierra i Fabra e que será conducida polo escritor Nee Barros. Nesta xornada, porase o foco en experiencias que vinculan lectura e solidaridade, como a iniciativa Libros que unen, da comunidade educativa Alpartir, de Zaragoza, o proxecto Bubisher, que se leva a cabo no Sahara e o labor de promoción da lectura que realiza en Colombia Diego Alejandro Ruiz. De pechar esta terceira edición encargarase Luz Gallego, responsable da libraría Seijas, especializada en literatura infantil e xuvenil.