DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido pola rede de universidades Reppe, terá lugar do 2 ao 4 de xullo no Mosteiro de Poio

Preto de 200 docentes de oito países debaterán sobre o futuro das prácticas académicas nun simposio internacional

Porán o foco en cuestións como as titulacións duais ou o impacto da intelixencia artificial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 20/06/2025

Entre o 2 e o 4 de xullo, preto de 200 docentes e investigadores debaterán sobre o futuro das prácticas que leva a cabo o alumnado universitario no simposio que a rede de universidades Reppe promove cada dous anos no Mosteiro de Poio. Combinando a asistencia presencial e virtual, o XVIII Symposium Internacional sobre o Prácticum e as prácticas externas contará coa participación de académicas e académicos de oito países e porá o foco en cuestións como a implantación dos graos duais ou o impacto da intelixencia artificial nas prácticas curriculares e extracurriculares do alumnado.

Dirixido a promover un intercambio de investigacións e experiencias respecto destas estadías formativas, trátase dun simposio promovido pola Asociación para el Desarrollo del Prácticum y de las Prácticas Externas: Red de Prácticum (Reppe), da que forman parte as universidades de Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, País Vasco, Valencia, Málaga, Ramón Llull e Internacional de Andalucía. Co financiamento da UVigo, ao abeiro da súa liña de axudas á organización de congresos, a súa 18 edición leva por título Un novo significado do prácticum? Quo vadis, co propósito de articular un debate sobre os efectos tanto dos cambios normativos como dos avances tecnolóxicos nas prácticas académicas. “É un momento, non sei se de incerteza, pero si de abordar cara onde imos”, recoñece a profesora Manuela Raposo, representante da UVigo na Comisión Executiva deste simposio xunto á tamén docente da Facultade de Educación e Traballo Social María Ainhoa Zabalza.

Dos modelos de xestión á intelixencia artificial

Tras centrarse en 2023 en como as prácticas podían contribuír ao desenvolvemento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, esta edición buscará dar resposta á pregunta de “se estamos ante un novo significado das prácticas académicas”, pondo o foco en cuestións como as implicacións que nesta pode ter “o vertixinoso avance que está a ter a intelixencia artificial”, sinala Raposo. Varias das actividades centraranse nese senso nas posibilidades que estas ferramentas poderían achegar “tanto para apoiar as tarefas dos titores como as oportunidades para o estudantado”, xa que, lembra, as prácticas implican en moitos casos tamén unha “aprendizaxe simulada”, de tal xeito que estas tecnoloxías poderían permitir ao estudantado vivir experiencias próximas ás que vivirían nunha contorna profesional, recibindo unha “retroalimentación inmediata”.

Outros dos focos de análise será a “proliferación das titulacións duais nas universidades”, uns estudos que, ademais das prácticas, abranguen tamén “unha parte de formación na empresa", lembra Raposo. A través de iniciativas como unha mesa redonda na que participará o director de Educación e Formación da CEOE, Juan Carlos Tejeda, o simposio buscará coñecer diferentes experiencias na implantación duns estudos “que permiten unha alta empregabilidade do estudantado e que desenvolven habilidades que desde a teorización é difícil”. 

O terceiro eixe central do congreso serán os cambios normativos relacionados coa cotización á seguridade social das prácticas e a “problemática emerxente” que, recoñece Raposo, está a supor en termos de xestión, no referido á realización dos trámites administrativos necesarios sen que isto afecte “á parte educativa e formativa”. 

Conferencias, debates e grupos de discusión

Por segunda edición, o simposio conta cunha modalidade virtual, dirixida a favorecer o seu seguimento por parte do profesorado de América Latina. De feito, xa está confirmada a participación de docentes de México, Brasil, Ecuador, Perú e República Dominicana, país que estará representado por unha trintena de asistentes, consolidando a colaboración deste evento co Instituto Superior de Formación Docente Salomé Ureña. A estes súmase á presenza de investigadores e investigadoras de diferentes universidades españolas, de Portugal e de Andorra, nun simposio que conta a día de hoxe con 187 inscritos e inscritas. 

Ao longo das súas tres xornadas, o evento contará coas intervencións de 106 expertos e expertas, nas diferentes actividades inseridas no seu programa. Entre elas atópanse as conferencias plenarias de Miguel A. Zabalza, da USC; María Obdulia González, da Universidad de Gualajara (México), e do pedagogo José Ignacio Pastor, titor dun centro de prácticas, así como dúas mesas redondas, que permitirán debater sobre programas formativos duais e sobre metodoloxías innovadoras para o seguimento das prácticas.

Unha das novidades desta edición será a recuperación dos grupos de discusión, dirixidos a compartir boas prácticas, identificar problemáticas e definir recomendacións, en ámbitos como as aplicacións da intelixencia artificial nas prácticas, a xestión destas actividades formativas, os seus retos actuais e futuros e os desafíos da formación universitaria. O programa do simposio complétase con catro talleres e coa presentación de 88 comunicacións.