DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No III Congreso Internacional para o Estudo da Mediación e o Conflito

Preto de 200 especialistas poñen en valor en Pontevedra o papel da mediación para mellorar a xustiza

Promovido pola Cuemyc xunto coa Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 07/06/2018

“A mediación é xustiza, é unha nova dimensión da tutela xudicial efectiva, estamos falando dunha actividade propiciatoria da resolución de conflitos”. Con estas verbas puña de relevo o vocal do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ) Álvaro Cuesta, na apertura do III Congreso Internacional para o Estudo da Mediación e o Conflito, o papel que a mediación, a resolución de conflitos a través dun acordo voluntario entre as partes baixo a guía dun mediador ou mediadora, pode xogar na mellora da xustiza. Preto de 200 especialistas, procedentes tanto do ámbito académico como do xudicial ou da avogacía, participan entre este xoves e o sábado neste congreso promovido pola Conferencia Universitaria para el Estudio de la Mediación y el Conflicto (Cuemyc) xunto coa Universidade de Vigo, dirixido a abordar as múltiples dimensións de aplicación, tanto no ámbito intraxudicial como extraxudicial, desta vía alternativa para a resolución de conflitos. 

Oito conferencias plenarias, ás que se suma a participación, o sábado, do ex-director xeral da Unesco, Federico Mayor Zaragoza, sete simposios nos que participan 36 expertos e expertas; cinco mesas de debate nas que participan 22 expertos e expertas de diferentes países e a presentación de máis de 70 comunicacións integran o programa dun evento que ten na catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor da Universidade de Vigo e integrante da xunta directiva da Cuemyc Francisca Fariña á presidenta do seu comité local. Un evento que na mañá deste xoves celebraba a súa inauguración coa participación de Álvaro Cuesta, o director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, Juan José Martín; o presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, Francisco Javier Menéndez; a presidenta da Cuemyc, Leticia García Villaluenga; a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Rosa Álvarez; a coordinadora da Rede de Escolas PEA-Unesco en Galicia, Luísa Márquez; e o director da Área de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho.

Un compromiso coa “construción da paz”

Integrada por representantes de preto de 50 universidades, tanto do conxunto de España como doutros países, a Cuemyc naceu en 2012 co “compromiso conxunto de traballar neste ideal común de construción de paz” e co reto de “unir forzas” para impulsar a mediación xerando coñecemento e transferíndoo á sociedade. Así o puxo de relevo García Villaluenga, quen incidiu tanto na importancia da investigación neste eido como no papel que as universidades deben xogar na formación dos e as profesionais da mediación, ao que contribúen grazas a un “traballo en rede” que lles levou a elaborar un manual das competencias que deben posuír os mediadores e mediadoras e a traballar no desenvolvemento dun selo de calidade neste eido.

“Se a mediación ten unha función importante para evitar conflitos, igual de importante ou máis é a súa función naqueles que xa se formularon nos tribunais”, engadía Menéndez, quen incidía na necesidade de promover o seu uso máis aló daqueles ámbitos nos que é “especialmente recomendable”, como é o caso do dereito de familia. “Calquera solución mediada é unha solución mellor”, engadía Juan José Martín, quen incidía no “plus que fronte ás solucións impostas” teñen aquelas que parten do acordo entre as partes, “e que son mellor interiorizadas”, motivo polo que avogaba por potenciar o seu uso tanto a nivel intraxudicial como extraxudicial. “Nos últimos anos a mediación está cobrando relevancia grazas ás necesidades de alivio do sistema xudicial”, engadía Rosa Álvárez, quen salientaba  tamén a necesidade de promover e divulgar esta “alternativa eficaz para a resolución de conflitos”.

Preto de 9000 asuntos xudiciais pasaron por esta vía

Pór de relevo o compromiso do CGPJ co impulso da mediación intraxudicial foi un dos propósitos centrais da conferencia inaugural, na que Álvaro Cuesta defendeu que non supón “unha privatización da xustiza, senón un mecanismo complementario, que tampouco subtrae ao xuíz a capacidade xurisdicional”, xa que, lembrou, será este o que dea validez ao acordo acadado. Por iso, Cuesta puxo de relevo a necesidade de impulsar a mediación, na que “quedan moitas cousas por facer e existen importantes déficits”. Neste punto, incidiu tanto no impulso por parte deste órgano de actividades de formación para xuíces e maxistrados como os diferentes convenios asinados tanto con diferentes administracións como con universidades.

“En España, conseguimos que máis de 700 órganos xudiciais, sexan xuíces ou tribunais, cada vez que teñen un litixio, sexa en materia mercantil, civil, de familia ou incluso penal, se ven posibilidade de que as partes poidan atopar unha solución entre elas, invítanas a que teñan cando menos unha primeira sesión informativa”, explicou da implicación de xuíces e xuízas cunha vía pola que pasan xa “máis de 9000 asuntos” e que aínda que non todos poidan derivar nun acordo, si contribúen cando menos a unha “aproximación de posturas”.

Tres días, doce áreas de análise 

A mediación penal, civil e mercantil, familiar, escolar, social e comunitaria, organizacional; a análise e estudo do conflito, a universidade e a mediación, a convivencia e cultura de paz, a xustiza restaurativa, a xustiza terapéutica e as novas metodoloxías de construción de consenso constitúen as doce áreas temáticas dun congreso que nesta primeira xornada acolleu tamén as conferencias do profesor da Universidade de Roma Massimo Proto, sobre o papel que a mediación pode xogar na resolución de conflitos deportivos, e da presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez, xunto con dous simposios e dúas mesas de expertos.

Tres talleres, sobre xustiza restaurativa, valoración crítica da análise do conflito e tradución e interpretación na mediación social, completan a primeira xornada dun congreso que o venres contará coas conferencias do catedrático da Universidad de Castilla La Mancha Juan Ramón de Páramo. e do catedrático da Universidad de Cagliari Carlo Pilia, quen abordará a importancia da investigación para o fomento da calidade neste ámbito; xunto con cinco novos simposios. Tamén con tres mesas de expertos, sobre a elaboración do Libro Branco sobre xestión positiva da ruptura de parella con fillos, mediación penal e mediación en consumo que contarán, entre outros, coa participación do fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes; do presidente da Audiencia Provincial de Guipúzcoa, Ignacio José Subijana; do maxistrado da Audiencia Provincial de Barcelona Pascual Ortuño; da presidenta da Asociación Española de Abogados de Familia Isabel Bonilla ou de investigadores de universidades de Brasil, Italia ou Portugal.

Conversas de Paz con Mayor Zaragoza

Na xornada do sábado, o congreso contará coas conferencias de Francisco Javier Gorjón, profesor da Universidad Autónoma de Nuevo León (México), e Carlos Giménez, catedrático da Universidad Autónoma de Madrid, protagonista así mesmo da conversa Diálogos de Paz, que manterá con Federico Mayor Zaragoza. Pascual Ortuño impartirá a conferencia final dun congreso que contará na súa clausura coa presenza do novo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cárdenas.