DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man de Ponte… nas ondas! e co edificio MIralles como nodo central

Preto de 2000 de estudantes galegos e portugueses participarán o vindeiro luns na celebración do Día Mundial da Radio

Combinarase a emisión en directo desde múltiples emisoras con difusión en streaming de podcasts

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Institucional
D Besadío DUVI 07/02/2023

Preto de 2000 estudantes de 38 escolas, institutos e centros universitarios de toda a Eurorrexión Galicia norte de Portugal celebrando xuntos o Día Mundial da Radio. Esa é a idea coa que a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas! está a organizar a décimo segunda edición do Día Mundial da Radio. Será o  vindeiro luns 13 de febreiro en diferentes radios e centros de ensino de toda Galicia e norte de Portugal, incluído o edificio Miralles da Universidade de Vigo, nodo central desta celebración e ata onde se achegarán, ademais do propio alumnado universitario, alumnas e alumnos de 15 escolas de ensino primario, catro centros de ensino secundario e, participando por primeira vez nesta iniciativa, o centro de educación especial Saladino Cortizo de Vigo.

Así se explicou esta mañá nunha rolda de prensa que contou coa participación da vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e o director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, xunto cos representantes de Ponte… nas ondas!  Santiago Veloso e Xerardo Feijoo e a artista Uxía Senlle, “entusiasta” desta iniciativa e colaboradora habitual. Todos fixeron fincapé na importancia de sumarse a esta efeméride para difundir así o modelo de Ponte… nas ondas!, recoñecido pola Unesco como “modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial”, e que leva xa 27 anos promovendo o emprego da radio nas escolas como unha potente ferramenta pedagóxica que axuda ao alumnado a desenvolver a súa competencia oral e comunicativa, ademais de ir construíndo unha potente rede de persoas, escolas, universidades e institucións que buscan o recoñecemento do patrimonio inmaterial galego-portugués no mundo.

“Unha gran festa da radio” 

“Desde a Universidade de Vigo levamos xa 15 anos colaborando con Ponte... nas ondas! e non temos máis que agradecerlles que nos permitan seguir formando parte deste proxecto”, explicou a vicerreitora, quen tamén salientou a grande oportunidade que supón para a UVIgo “un día de radio que traerá ata o campus a ducias de escolares que terán así a oportunidade de coñecer por primeira vez este lugar”. A estas palabras o portavoz da Xunta, Anxo Lorenzo, engadiu o orgullo que supón para Galicia “este fermosísimo proxecto entre Galicia e Portugal que foi quen de conseguir o rexistro de boas prácticas da Unesco”.

Para Santiago Veloso, que agradeceu o apoio técnico de UVigoTv, será “unha xornada de radio actividade en toda a Eurorrexión” ou, en verbas do seu compañeiro Xerardo Feijoo, “unha gran festa da radio”. Ademais de no propio edificio Miralles da UVigo, un dos “nodos centrais da actividade”, haberá radio en directo feita por estudantes na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e en diferentes radios municipais, desde Tui ata Burela, pasando por Allariz ou As Nogais, así como na Radio Universitaria do Miño e Radio Afifense de Caminha. As emisións arrancarán ás 10.00, hora galega; ás 09.00 hora portuguesa.

Tal e como explicaron os representantes de Ponte... nas ondas! combinaranse as emisións en directo desde as radios dos centros educativos coa emisión en streaming a través do portal Escolas nas Ondas das emisións de Vigo, Compostela e demais radios, así como dos podcasts enviados polas escolas galegas e portuguesas elaborados polo alumnado especificamente para o Día Mundial da Radio. Xerardo Feijoo explicou neste sentido que desde Ponte… nas ondas! se convocou a todos os centros da Eurorrexión a conmemorar esta efeméride convidándoos a acudir  ás radios municipais ou profesionais da súa contorna para realizar dende alí programas en directo, así como a realizar postcasts sobre calquera apartado do patrimonio cultural; sobre o tema proposto pola Unesco para este ano, Radio e paz, ou facendo presentacións das radios das súas escolas ou institutos, describindo a súa actividade, os seus recursos e as súas realizacións. “De momento xa recibimos máis de 70 podcasts, pero sabemos que esta cifra pode chegar a duplicarse, pois a maior parte dos centros enviaranos nestes últimos días”, explicou Feijoo.

A Ponte, "un himno" feito por artistas da lusofonía

As actividades programadas para o vindeiro luns inclúen tamén a estrea do tema musical e do videoclip A Ponte, realizado por diferentes artistas da lusofonía para Ponte... nas ondas!  “Este tema é un himno no que se fala, propiamente, de tender pontes a través da música e da educación”, explicou Uxía Senlle, impulsora da iniciativa e unha das artistas implicadas no proxecto, xunto co brasileiro Chico César ou a portuguesa Celina da Piedade, entre outros. “É un tema no que se mesturan moitos ritmos, que se queda na cabeza e agardamos que ese día todos os nenos e nenas o canten e formen un gran coro”, recalcou Senlle.