No noveno Congreso da Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte
Preto de 250 especialistas en psicoloxía deportiva reuniranse no campus
Participarán profesionais que traballaron con Carlos Alcaraz ou a selección brasileira de fútbol
Procedentes de 14 países de Europa e América Latina, máis de 250 especialistas en psicoloxía deportiva reuniranse no campus de Pontevedra entre o 15 e o 18 de outubro, con motivo do noveno Congreso Iberoamericano do Psicoloxía do Deporte, que desenvolverase por primeira vez en Galicia. Co profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e presidente da Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte, Joaquín Dosil, á fronte do comité organizador, trátase dun congreso internacional que porá o foco tanto na investigación académica que se desenvolve neste eido, como na súa aplicación práctica no traballo cos deportistas. Con ese obxectivo, o evento contará coa participación como conferenciantes de profesionais que traballaron coa selección brasileira de fútbol e con deportistas como Carlos Alcaraz.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da sociedade promotora presentaron este martes en rolda de prensa a novena edición deste congreso bienal, promovido nesta ocasión co apoio da Universidade, o Consello Social da UVigo, o Concello de Pontevedra, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial. “O que se busca neste congreso é reunir durante unha semana os máximos representantes da psicoloxía do deporte de toda Iberoamérica”, sinalou Dosil, quen explicou que o evento contará coa participación de conferenciantes e expositores de 14 países e prevese que conte con entre 250 e 300 asistentes, chegados dunha vintena de países.
Baixo o título de Investigación, innovación y aplicación en la Psicología del Deporte Iberoamericana, o congreso que terá como sedes as facultades de Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte busca afondar tanto na situación actual desta disciplina, como nas súas perspectivas de futuro, pondo o foco tanto nos estudos académicos como “no ámbito da súa aplicación”, apuntou Dosil. Nese senso, lembrou que “a psicoloxía do deporte abrangue desde a iniciación ata o alto rendemento”, pero tamén o traballo cos e coas deportistas profesionais na “transición” que supón a súa retirada. De aí que incidise en que entre os obxectivos do congreso figura tanto o traballo destes profesionais para obter “o máximo rendemento” na parte mental do traballo cos e coas deportistas, como o labor que desenvolven en materia de prevención e abordaxe de posibles problemas de saúde mental e os beneficios que pode achegar a práctica deportiva neste eido.
Catro días de actividade
Co edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública como sede central, o congreso desenvolverase entre o mércores 16 e o venres 18 e o seu programa abrangue “cinco conferencias plenarias, oito talleres, doce simposios convidados” e a presentación de preto de 50 pósteres, como lembrou o alcalde, que destacou a importancia deste tipo de eventos na aposta de Pontevedra polo deporte. A conferencia de apertura correrá a cargo de Isabel Balaguer, psicóloga de Carlos Alcaraz; e o congreso contará tamén coa participación como relatores de profesionais como a brasileira Regina Brandão, quen traballou coa selección brasileira de fútbol; ou o cubano Luis Gustavo González, quen asesorou o récord mundial de salto de altura Javier Sotomayor. Así mesmo, no programa figuran tamén as conferencias do chileno Alexi Ponce e do mexicano Tomás Trujillo, que participaron en varias edicións dos Xogos Olímpicos acompañando a deportistas e equipos dos seus países.
Por outra banda, tanto esta facultade como Ciencias da Educación e do Deporte acollerán doce simposios, nos que participarán especialistas de diferentes países, así como a presentación de preto de 50 investigacións en formato de pósteres. O congreso contará ademais cunha xornada previa, o martes 15, na que terán lugar unha serie de talleres sobre “diferentes temas de actualidade, como a utilización do neurofeedback” e outra serie de “innovacións que se están introducindo no ámbito do deporte”, apuntou Dosil.