A asociación Auria Technologies participa na competición Formula Student do Reino Unido
Preto de 30 estudantes do campus poñen a proba o seu sistema de condución autónoma no circuíto de Silverstone
Compiten nunha modalidade centrada no desenvolvemento de software con intelixencia artificial
Un total de 27 alumnos e alumnas de catro titulacións do campus de Ourense integran Auria Technologies, unha asociación estudantil que leva varios meses traballando no desenvolvemento dun sistema de condución autónoma que nestes días poñen a proba na competición Formula Student do Reino Unido. Esta proba reúne entre o 16 e o 20 de xullo un cento de equipos universitarios de todo o mundo no circuíto internacional de Silverstone. A proba conta con varias modalidades, entre elas Formula Student-Artificial Intelligence, que é na que compite o equipo ourensán e consistente no desenvolvemento, programación e posta a punto dun sistema de condución autónoma que se integra nun vehículo sen piloto proporcionado pola organización.
Trátase, en concreto, dunha modalidade de competición centrada “no desenvolvemento integral do software de intelixencia artificial de control do vehículo, así como na adaptación do hardware necesario para a súa condución autónoma”, sinala Carlos Carballido, team leader de Auria Technologies. “Os equipos deben integrar un sistema de visión artificial, planificación de traxectorias e intelixencia artificial para superar diferentes probas dinámicas e estáticas, sen intervención humana”, engade Carballido. Preto de 30 equipos de diferentes países toman parte nas probas desta categoría da Formula Student, na que os equipos universitarios deben presentar os sistemas de condución desenvolvidos para que o vehículo opere de forma completamente autónoma. “O noso vehículo é 100% eléctrico, equipado con cámaras, sensores LiDAR e un sistema de procesamento baseado en redes neuronais para a toma de decisións en tempo real”, engade o representante desta asociación estudantil.
Un equipo de traballo multidisciplinar
Xurdida hai uns meses no campus de Ourense, Auria Technologies reúne a día de hoxe 27 estudantes dos graos en Intelixencia Artificial, Enxeñaría Informática, Enxeñaría Aeroespacial e Turismo. Trátase, como sinalan, dun proxecto que busca “promover o talento estudantil e o traballo multidisciplinar”, que nestes días pon a proba en Silverstone o seu traballo de desenvolvemento de software impulsado por intelixencia artificial. Nese senso, Carballido recoñece que acoden á Formula Student United Kingdom co “obxectivo principal de demostrar a capacidade técnica do equipo, acadar unha boa clasificación na competición e seguir consolidando o noso proxecto como referente na aplicación da intelixencia artificial no ámbito da automoción”.
Auria Technologies conta co apoio da Universidade de Vigo, do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e da Deputación de Ourense. Dentro da institución académica destacan así mesmo a colaboración da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e do seu grupo de investigación Aerolab, da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Esta é a segunda escudaría de Formula Student coa que conta a UVigo, ademais de UVigo Motorsport, que presentou o seu monopraza UM25 nas pasadas semanas.
