DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No XVI simposio internacional na rede Reppe, que se desenvolverá de xeito virtual 

Preto de 300 docentes analizarán os efectos da covid-19 nas prácticas académicas 

Analizarán as dificultades e oportunidades derivadas dos cambios aos que obrigou a pandemia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Internacional
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Pontevedra 24/06/2021

As prácticas, curriculares e extracurriculares, que o alumnado universitario realiza en empresas, institucións e outra serie de entidades co obxectivo de completar a súa formación constitúen, desde 1987, o eixo de análise do Symposium Internacional sobre o Prácticum e as Prácticas Externas, un evento de carácter bienal que ten como sede o Mosteiro de Poio. Mais a covid-19 obrigou neste 2021 a converter en virtual un evento no que participarán preto de 300 docentes, ao mesmo tempo que determinou tamén a temática central desta edición, o impacto que a covid-19 tivo nesta actividade formativa. Prácticas externas virtuales versus presenciales: transformando los retos en oportunidades para la innovación é o título da XVI edición deste simposio, promovido pola Asociación para el Desarrollo del Prácticum y de las Prácticas Externas: Red de Prácticum (Reppe) e que entre o 7 e o 9 de xullo afondará nos efectos da pandemia no desenvolvemento das prácticas, que en moitos casos obrigou a converter en virtuais, así como os retos e oportunidades que poden derivarse deste escenario.

“Cando se decretou o Estado de Alarma, en moitas das titulacións estaban desenvolvéndose as prácticas externas curriculares ou estaban próximas a iniciarse. Por iso houbo que tomar medidas excepcionais, ser creativos e mesmo en ocasións reinventarse para poder das cumprimento ás esixencias formativas da práctica preprofesional”, salienta Manuela Raposo, profesora da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e presidenta do comité organizador deste foro internacional, no que tamén están representadas as universidades de Santiago de Compostela, País Vasco, Valencia, Málaga e Ramón Llull de Barcelona. Preto de 300 investigadores e docentes de diferentes países asistirán, de xeito virtual, á nova edición dun simposio que naceu ligado ao prácticum das titulacións de ciencias da educación e que foi progresivamente ampliando o seu obxecto da análise, de xeito paralelo á xeneralización das prácticas externas no ensino universitario. De feito, como explica Raposo, no programa desta edición, que oa colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra terá na Casa das Campás a sede da súa coordinación e da actividade do equipo organizador, figuran tanto propostas relacionadas co ámbito educativo, como con titulacións do ámbito sanitario, das ciencias sociais ou da enxeñaría. 

Dificultades e oportunidades

Como lembra Raposo, a “excepcionalidade” á que, no referido ao desenvolvemento das prácticas, obrigou a pandemia, trouxo consigo dificultades “para todos os axentes implicados”, que serán un dos focos do debate nestas xornadas. Nese senso, analizarase tanto a súa incidencia no desenvolvemento por parte do estudantado das competencias asociadas ás prácticas, como a “necesidade de buscar alternativas viables” á que obrigou aos e ás responsables da titorización académica e externa. Mais, ao mesmo tempo, o simposio propón debater tamén en que medida desta situación excepcional poden extraerse innovacións e oportunidades. “Queremos sacar unha aprendizaxe tanto das boas como das malas experiencias”, salienta Raposo, que incide en que un dos obxectivos deste evento será “compartir o que funcionou e o que non”, analizando tanto “as barreiras que nos atopamos”, como “as posibilidades inexploradas que foron xurdindo, as innovacións e cambios na planificación, desenvolvemento e avaliación das prácticas”.

Conferencias, mesas de debate e comunicacións

A “contraposición e complementariedade” entre prácticas presenciais e virtuais será nese senso o eixo da conferencia que impartirá o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e impulsor deste simposio, Miguel A. Zabalza, mentres que os efectos da pandemia nas prácticas das titulacións sanitarias serán abordadas polo profesor da Universidade de Barcelona Xavier Colina. Así mesmo, o programa de conferencias deste foro complétase co relatorio sobre o papel da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) nas prácticas externas, que impartirá a presidenta do seu grupo de emprego e asuntos estudantís, Nuriá Grané, profesora da Universidade de Alacante. Por outra banda, os efectos da pandemia serán tamén o núcleo das tres mesas redondas programadas para esta edición, nas representantes de universidades de España, Portugal, Chile e Ecuador porán o foco na virtualización das prácticas, presentarán unha serie de experiencias levadas a cabo durante a pandemia e reflexionarán sobre posibles alternativas ao seu desenvolvemento presencial. 

Por outra banda, o simposio abordará tamén outra serie de aspectos que “se manteñen ao longo dos anos”, como as competencias que deben desenvolver os futuros e futuras profesionais, o papel que poden xogar neste eido as novas tecnoloxías, a investigación sobre o prácticum ou os “novos escenarios para a práctica”. Estas e outras temáticas serán abordadas nas 87 comunicacións que se presentarán neste simposio, que completa o seu programa cunha serie de talleres dirixidos a achegar recursos e iniciativas aos e ás docentes participantes.

Retorno a Poio en 2023

Se ben a situación sanitaria obrigou neste 2021 a converter en virtual este foro, o denominado tamén Symposium Poio mantén a súa “vocación presencial”, como subliña Raposo. Nese senso, a organización prevé retornar ao Mosteiro de Poio en 2023, “de forma presencial ou semipresencial”, xa que, lembra, este cambio obrigado supuxo tamén a oportunidade de sumar unha “ampla participación de congresistas latinoamericanos”, preto de un centenar nesta edición.