DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Como traballo para unha materia dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria

Preto de 50 estudantes participan en Ribeira nunha xornada de actividades deseñadas polo propio alumnado

Englobou unha serie de propostas centradas no ODS

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 03/05/2022

Preto de 50 estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte viviron este luns unha intensa xornada de actividades no municipio de Ribeira, nunha iniciativa que implicaba a posta en práctica dun proxecto educativo que un grupo de oito alumnas e alumnos dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria deseñaron como traballo para a materia Coñecemento da contorna. Como explica o seu docente, Roberto Silva, o obxectivo desta iniciativa era promover que o alumnado leve a cabo proxectos educativos centrados “no aproveitamento da contorna dunha maneira activa e saudable” e que á súa vez sirvan para concienciar sobre a importancia do Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

“Son eles os que elixen o destino, falan cos centros aos que imos ir, deseñan as actividades...”, salienta Silva dunha iniciativa que propón “facer unha aula fóra de calquera edificio”. Nese senso, o proxecto deseñado por este grupo de estudantes levou aos seus compañeiros e compañeiras a visitar o faro de Corrubedo, para logo percorrer o camiño litoral que leva desde este edificio ata a vila e coñecer “diversos sendeiros e recursos arqueolóxicos do Parque Natural”. Organizada polas estudantes de Educación Infantil Zaira Díaz, Andrea Ledicia García, María Fernández e María Figueroa, xunto coas alumnas de Educación Primaria María Pérez-Ardá, Ana Vázquez, Estefanía Rívas e o alumno Pablo Lago, a xornada comprendeu tamén unha actividade de recollida selectiva de residuos na praia do Vilar. Por último, a xornada completouse cunha visita guiada á lonxa de Ribeira e cunha actividade de “mapping paisaxístico”, tomando como referencias o Castro da Cidá e o mirador da Pedra da Rá.