DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro acolle hoxe e mañá a Feira da Miniciencia, evento final de Pontenciencia

Preto de 500 escolares defenden os seus proxectos científicos na EE Forestal

Estudantes e familias presentan 36 experimentos 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 27/05/2022

Pódese crear un horto sen auga? É Pontevedra unha cidade coidadora? O poliéster é mellor illante térmico que o algodón? Estas son algunhas das preguntas ás que estudantes de dez colexios pontevedreses trataron de dar resposta cos proxectos científicos que nos últimos meses desenvolveron nos seus centros no marco da novena edición de Pontenciencia, un proxecto impulsado polo Concello de Pontevedra, coa colaboración da Universidade de Vigo, e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), do Ministerio de Ciencia e Innovación. Tras o desenvolvemento dos proxectos nos centros, este venres chegaba o momento de dalos a coñecer na Escola de Enxeñaría Forestal, no evento final deste proxecto, a Feira da Miniciencia. Coa participación de preto de 500 estudantes de 5º e 6º de primaria, este evento abríase coa presentación por parte dos nenos e nenas dos resultados dos seus proxectos diante dun comité integrado por preto de 25 investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo, o Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e o Instituto Español de Oceanografía (IEO).

“Vimos investigacións moi orixinais, que os nenos e nenas explicaron moi ben”, salienta Purificación Marcet, profesora da EE Forestal e responsable dun comité científico integrado, entre outros, por docentes das diferentes facultades e escolas do campus. Correspondentes á categoría Ciencia no cole, na mañá deste venres correspondeulle avaliar os 18 proxectos desenvolvidos por estudantes dos CEIP Santo André de Xeve, San Martiño, Froebel, Marcón, Ponte Sampaio, San Benito de Lérez e A Xunqueira II, así como dos CPR Calasancio, Sagrado Corazón de Pontevedra e Sagrado Corazón de Placeres. “Como todos os anos vense diferencias entre un colexios e outros, porque, evidentemente, o traballo que fan cos profesores é moi distinto, pero todas eran investigacións moi orixinais e non se repetía ningunha das que se fixeron outros anos”, engade Marcet. Nese senso, as e os integrantes do comité coñeceron nas verbas dos propios nenos e nenas traballos como o que o CRP Sagrado Corazón centrou na baixa representación da muller no rueiro da cidade, o estudo no que os nenos e nenas do CEIP Froebel constataban que as froitas de verán teñen máis sementes que as de inverno, o “ascensor de auga” do CEIP de Lérez ou o estudo sobre o custo económico que implican as intolerancias alimenticias do colexio A Xunqueira II. 

Visibilidade para o labor investigador e para a escola

Nenos e nenas presentaron de novo os seus proxectos na visita inaugural da feira, na que participou o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, e o secretario académico da EE Forestal, José Manuel Casas. “Para nós é unha satisfacción poder colaborar con este proxecto desde os seus inicios”, salienta Casas dun evento que “dá visibilidade á escola” e que contribúe a “introducir aos nenos e nenas no mundo da investigación”, á vez que permite a preto 500 “potenciais alumnos futuros” coñecer a escola desde dentro.

De feito, ademais de defender os seus experimentos, as e os escolares participaron nunha decena de talleres sobre diferentes temáticas, como o que a Fundación Ceo, Ciencia e Cultura e a Área de Astronomía e Astrofísica da Universidade de Vigo centraron no coñecemento do ceo nocturno. Do mesmo xeito, coa colaboración do Campus do Mar, nenos e nenas puideron tomar parte nun taller que amosaba como as praias son “moitos máis que castelos de area”, mentres que a propia EE Forestal programou novas visitas á ruta do arboreto e un taller dirixido a coñecer as imaxes xeradas polos satélites Sentinel, da Axencia Espacial Europea. 

18 proxectos máis por diante

Na tarde deste venres, esta Feira da Miniciencia continúa coa presentación doutros 13 proxectos científicos, realizados por estudantes dos institutos Luís Seoane, Frei Martín Sarmiento, A Xunqueira II, Montecelo, Torrente Ballester e Valle Inclán, o CPR Sagrado Corazón de Placeres, o CIFP Carlos Oroza e o CFEA de Lourizán. Neste caso, os traballos optarán aos premios Homenaxe á muller investigadora, patrocinados polas empresas Hifas da Terra, Viaqua, Setga, Marine Instruments e Cristalería Pontevedresa. 

Tanto estes galardóns como os da modalidade de Ciencia no cole entregaranse no mediodía do sábado, xornada dedicada á categoría de Ciencia en familia, á que concorren cinco proxectos.