Tras o acto da EE Forestal, esta semana terán lugar os de Publicidade e RRPP e Belas Artes
Preto de 600 novos titulados e tituladas celebrarán as súas graduacións nas próximas semanas
Ciencias da Educación e do Deporte será a última en despedir o seu alumnado, o 28 de xuño
Acompañadas e acompañados das súas familias, compañeiros e docentes, preto de 600 estudantes festexarán ao longo deste mes de xuño o remate da súa etapa formativa no campus, nos actos de graduación que entre este venres 7 e o 28 de xuño promoven as diferentes facultades e escolas. Os novos titulados e tituladas en Publicidade e Relacións Públicas e en Belas Artes abrirán esta semana un mes marcado por estes actos de despedida e recoñecemento, que xa tiveron como precedente a que a Escola de Enxeñaría Forestal brindaba hai uns días a unha decena de novos titulados e tituladas.
Como explican desde o centro, tratouse dun pequeno acto, pensado para despedir, na compaña das súas familias, preto dunha decena de titulados e tituladas, despois de que outra parte da promoción participase na graduación do pasado curso. Con Laura Alonso e Ana Novo como madriñas, precedeu un mes de actos que abrirá este venres a XV promoción de graduados e graduadas en Publicidade e Relacións Públicas. Con Vicente Badenes e Beatriz Martínez como padriño e madriña, 80 novas egresadas e egresadas deste título da Facultade de Comunicación recibirán as súas bandas e diplomas no Pazo da Cultura, nun acto que contará coa participación de responsables de diferentes representantes do sector profesional.
Tamén no Pazo da Cultura, o sábado 8 celebrarán a súa graduación 97 novos titulados e tituladas en Belas Artes, que terán como madriña á profesora Ana Seoane. Organizado polo propio alumnado, este acto estará presentado polas graduadas Sam Almeida e Alba Pino e contará cun discurso das tituladas Candela Eirea e Laura Domínguez. Unha semana máis tarde, o Teatro Principal será o escenario da despedida, o venres 14, a 35 integrantes da XV promoción do Grao en Comunicación Audiovisual, que terán como madriña e padriño académicos a Diana Ramahí e Oswaldo García.
Despedida á primeira promoción virtual
Tamén o venres 14, recibirán os seus diplomas 24 novos titulados e tituladas da modalidade presencial de Dirección e Xestión Pública e once das dos integrantes da primeira promoción da modalidade virtual deste grao, a única que existe no sistema universitario galego. Neste acto conxunto, estes 35 graduados e graduadas terán como padriño institucional ao conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, mentres que Ignacio Fernández será o padriño académico da modalidade presencial e Victoria Canoura, do alumnado virtual.
Enfermaría pecha unha tarde de graduacións
A tarde do venres 14 foi así mesmo a escollida pola Escola Universitaria de Enfermaría, centro adscrito á UVigo, para despedir as 39 tituladas e cinco titulados que integran a décimo primeira promoción do grao, así como a tres egresadas no curso ponte. O acto, no que terán como madriña e padriño a Irene Garay e Julio Diz terá lugar no Pazo Provincial e completarase coa lectura da última lección do curso por parte da graduada Vanesa Olga Grandal, que presentará o seu traballo de fin de grao Salvar vidas en incidentes acuáticos.
50 novas e novos fisioterapeutas
O salón de actos do edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública será o escenario das últimas graduacións do curso 2023/2024 en Pontevedra. Concretamente, o venres 21 acollerá a despedida as e os 50 integrantes da XV promoción do Grao en Fisioterapia, que terá como madriñas académicas a Irimia Mollinedo e Alejandra Alonso, nun acto que se completará coa actuación da Aula Permanente de Música Tradicional Galega do campus.
O evento máis multitudinario, o venres 28
Nese mesmo escenario terá lugar, o venres 28, o máis multitudinaria destas graduacións, que congregrará 240 egresadas e egresados dos tres graos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Tratarase, en concreto, de tres actos consecutivos, comezando coa entrega de diplomas a 90 titulados e tituladas en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que terán como madriña a Marián Fernández e como padriño a Fernando Zarzosa. A continuación, despediranse 75 graduados e graduadas en Educación Primaria, como Salvador González como padriño, pechando a xornada co recoñecemento a 75 tituladas e titulados en Educación Infantil, con Rubén Domínguez e María Teresa Gutiérrez como madriña e padriño.